Na Rúa Vicente Aleixandre da Coruña vive Marta Zurahieva, unha refuxiada ucraína procedente de Kiev que chegou a España cando comezou a guerra. Marta ten catro fillos menores ao seu cargo e este xoves enfrontarase á perda da súa vivenda. A pesar de contar cos ingresos necesarios e coas axudas públicas para asumir un alugueiro de ata 800 euros mensuais, Marta leva meses sen conseguir unha vivenda. Afirma Santiago, da Plataforma polo Dereito á Vivenda da Coruña, que Marta se atopa nunha situación de vulnerabilidade extrema.
“Marta tivo situacións de malos tratos co pai dos seus fillos cando vivía en Ucraína”. Por mor da guerra, puido fuxir sen o permiso paternal para sacar aos fillos do país e conseguiu chegar a España. Despois de pasar por varias alternativas habitacionais, chegou á vivenda na que reside actualmente. Nun primeiro momento, a vivenda estaba financiada pola Cruz Vermella e a propietaria “aproveitouse desa situación para subir o importe a pagar”, explica Santiago. Unha vez rematou a axuda, Marta intentou buscar traballo durante moitos meses para poder facerse cargo do aluguer, pero non houbo éxito. Ofreceulle á propietaria un pago de 400 euros ao mes, pero esta non o aceptou.
Marta recibiu o Bono Social de Aluguer da Xunta de Galicia, pero ningún propietario quere acollela porque isto implica “que está nunha situación de vulnerabilidade”, afirma Santiago. O Bono Social caducou e Marta segue sen ter alternativas habitacionais: “Ela está en contacto constante cos Servizos Sociais, pero non lle ofrecen ningunha alternativa”. De feito, a Plataforma polo Dereito á Vivenda e o Sindicato de Inquilinas expoñen nun comunicado que os “Servizos Sociais comunicáronlle que, de producirse o desafiuzamento sen unha alternativa habitacional, da que non dispón, retiraríaselles a custodia dos seus catro fillos menores”. Ademais, as plataformas denuncian que a ameazaron con “distribuílos en distintos recursos de protección, separando aos irmáns”. O Sindicato e a Plataforma consideran especialmente grave que unha familia “poida verse privada da convivencia cos seus fillos pola imposibilidade de acceder a unha vivenda nun mercado que expulsa incluso a quen pode pagar un alugueiro”.
O SILENCIO INSTITUCIONAL
As administracións non responden e o tempo acábase. Esta é a dinámica do Concello da Coruña. Santiago insiste: “Nos últimos sete anos do último mandato, houbo máis de 2.500 desafiuzamentos” e, de feito, Marta xa fixo pública a súa circunstancia “o pasado 9 de abril durante un acto organizado polo PSOE da Coruña sobre o problema da vivenda. Ao remate da súa intervención, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, solicitou que recollesen os datos de contacto de Marta, para interesarse polo caso. Porén, afirma que desde aquel día non recibiu ningunha comunicación nin proposta de solución por parte do Concello”. Esta circunstancia evidencia o fracaso das administracións á hora de garantir un dereito básico como é o dereito á vivenda.
”Sabemos que no Concello da Coruña hai máis de 40 vivendas baleiras que son propiedade do Concello, ademais de 140 que son propiedade da Sareb”, indica Santiago, insistindo ademais no custe público de distribuír aos rapaces en distintos centros sociais, que ascendería a 13.000 euros ao mes por rapaz: “Con eses cartos, ben se podería ter unha vivenda para que permanecesen coa súa nai”.
Se finalmente se produce o desafiuzamento, pouco queda por facer: “Non hai solución aparente. Algunha persoa particular xa se prestou a darlle aloxamento temporal, pero é unha solución moi incómoda”. Nesta tesitura, semella que a mobilización social é unha das poucas opcións que quedan para afrontar esta situación. Fontes indican que o Concello da Coruña presentará unha solución habitacional para o xoves, pero de momento, nin a Plataforma nin Marta recibiron comunicación algunha ao respecto.
O LABOR DA PLATAFORMA POLO DEREITO Á VIVENDA
A Plataforma responde a unha emerxencia social arredor do problema da vivenda. Aglomera persoas individuais, asociacións e partidos para responder ao problema do aluguer. A Plataforma traballa en colaboración co Sindicato de Inquilinas e outras asociacións como o Sindicato pola Vivenda en santiago ou o Sindicato de Inquilinas de Vigo para poder sumar forzas.
Por todo iso, a Plataforma Polo Dereito á Vivenda da Coruña e o Sindicato de Inquilinas da Coruña chaman á veciñanza da Coruña a acudir o próximo xoves 9 de xullo ás 9.00 horas á rúa Vicente Alexandre, 4, co obxectivo de impedir o desafiuzamento. Insisten tamén en reclamar unha solución habitacional inmediata, que permita que Marta e os seus catro fillos continúen vivindo xuntos e en condicións dignas.

