Centos de berros de felicidade encheron o barrio de Monelos cando, despois de máis dunha hora, comunicábase que o desafiuzamento de Marta Zurahieva e os seus fillos quedaba posposto. Na rúa Vicente Aleixandre, arredor dun centenar de persoas —convocadas pola Plataforma polo Dereito á Vivenda da Coruña e polo Sindicato de Inquilinos— acudiron a apoiar a Marta nun momento de moita vulnerabilidade.
“A nosa loita non remata”, exclamaba Marta, emocionada, desde a fiestra da súa casa. Marta só tivo palabras de agradecemento para toda a xente que se achegou a apoiala: “Sen vós quedaría na rúa. Grazas por sacar á luz a miña historia e a dos meus nenos. Eu son pequena, pero nós xuntos somos forza”. Se ben é certo que a pugna de Marta por conseguir unha vivenda aínda non rematou, cada vez está máis cerca de poder vivir nun sitio seguro, tranquilo e habitable.
MARTA E OS SEUS FILLOS QUEDAN
Ábrese a porta do edificio e sae Antonio Vázquez, avogado de Marta, cun papel nas mans. “É unha solución provisional”, afirma o letrado en declaracións aos medios. Escóitanse varias voces que insisten: “Marta non marchará de aquí”. Antonio explica que aínda teñen que falar “cos Servizos Sociais e entregarlles este documento asinado por Marta para que se lle poida aplicar o sistema de emerxencia habitacional”. A parte executante deste proceso, é dicir, o particular propietario da vivenda, “accede a suspender este acto ata o mércores 15, ás 09.00”. “Ten como último momento ese día e hora para a entrega das chaves”, concretou.
En relación co novo domicilio, avanzou que a entrega será realizada nun prazo “de dous ou tres días”. Arroupado por moitas persoas interesadas en coñecer o novo emprazamento de Marta, o avogado é moi claro: “Non podemos falar dunha verdadera oferta de vivenda cando non dan as características da vivenda en concreto”. En canto ao novo domicilio, avanzou que “podería ser entregado mañá ou o luns”. Poderá vivir nel por “un prazo de seis meses” e cun “compromiso de procura activa doutra solución”, tal e como afirmaba Antonio.
UNHA HISTORIA COMPLICADA
A historia de Marta conmoveu a moitas persoas. Non só polas circunstancias que lle tocaron vivir, senón porque Marta podería ser calquera. O problema da vivenda é transversal e condiciona as vidas de moitos, pero o agravante está na situación de vulnerabilidade que atravesan algunhas persoas, como é o caso de Marta. Procedente de Kiev, Marta Zurahieva e os seus fillos chegaron a España en calidade de refuxiados cando comezou a guerra entre Rusia e Ucrania. Por mor da guerra, puido fuxir sen o permiso paternal para sacar aos fillos do país. Despois de pasar por varias alternativas habitacionais, chegou á vivenda na que reside actualmente.
Nun primeiro momento, a vivenda estaba financiada pola Cruz Vermella e a propietaria “aproveitouse desa situación para subir o importe a pagar”, explica Miguel, outro dos voceiros da Plataforma. Unha vez rematou a axuda, Marta intentou buscar traballo durante moitos meses para poder facerse cargo do aluguer, pero non houbo éxito. Ofreceulle á propietaria un pago de 400 euros ao mes, pero esta non o aceptou.
Marta recibiu o Bono Social de Aluguer da Xunta de Galicia, pero ningún propietario quere acollela porque isto implica “que está nunha situación de vulnerabilidade”, afirma Miguel. O Bono Social caducou e Marta segue sen ter alternativas habitacionais. O Concello, despois de que a Plataforma fixera pública a súa situación, púxose en contacto con ela para ofrecerlle unha alternativa que na Plataforma consideran, en palabras de Violeta “completamente insuficiente”. Nesta “suposta” vivenda xa vive actualmente unha nai con fillos, polo que as dinámicas de habitabilidade e convivencia, no caso de que Marta se trasladara a ese piso, serían “moi incómodas”.
View this post on Instagram
A RESPOSTA DA VECIÑANZA
A xornada que Monelos viviu hoxe non estivo exenta de tensións, pero rematou cunha sensación de orgullo colectivo. Son as 11:15 horas e xa se respira alivio nesta rúa coruñesa. Se ben non houbo unha solución definitiva para Marta, unha vez máis puido comprobarse que a mobilización social é capaz de frear, presionar e revertir situacións que semellan imposibles. “Quero dicir que só co voso apoio chegamos a este acordo. Sen vós, eu non tería nada”, sentenciaba Marta desde a fiestra do edificio que, polo momento, segue sendo o seu fogar.
Marta podería podería ser calquera. Porque a vulnerabilidade non entende de sexo, idade ou procedencia. Porque a circunstancia de Marta é moito máis habitual do que parece. E porque ao final, é a comunidade a que crea forza, enfronta abusos e soterra medos.

