Segue pechado o porto de Batería para que as iniciativas privadas aproveiten e moneticen o espazo teoricamente aberto para a cidadanía.
E ademais dos Alejandro Sanz, Recordas ou Morriñas, o Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo, impulsa unha nova edición de Son & Mar A Coruña, un ciclo cultural e musical composto por 12 eventos entre os meses de setembro e outubro.
A iniciativa combinará concertos, festivais temáticos, actividades familiares e propostas de acceso gratuíto, reforzando a posición da Coruña como destino de referencia para o turismo cultural e de eventos, unha vez que está coordinado polo Consorcio de Turismo.
O ciclo arrancará o 18 de setembro coa actuación do recoñecido DJ e produtor italiano Gabry Ponte, unha das figuras internacionais máis destacadas da música dance, e continuará cun programa que inclúe propostas tan diversas como o Picapop Tardeo, as xornadas familiares de Mundo Juego, a fusión de música electrónica e flamenco de Sacro Mestiza, a cita urbana Dale Flow ou a festa internacional Bresh XXL.
A programación reserva tamén un espazo destacado para a creación galega a través de propostas como Orballo Cultural e Treboa Sonora. A programación culminará o 11 de outubro coa celebración do Wake Up! Festival, unha gran festa dedicada á música electrónica.
Programación de Son & Mar A Coruña 2026
● 18 de setembro | Gabry Ponte
● 19 de setembro | Picapop Tardeo. Sesión musical con DJs e grandes éxitos do pop nacional e internacional.
● 20 de setembro | Mundo Juego (gratuíto). Xornada familiar con actividades e propostas participativas.
● 25 de setembro | Sacro Mestiza. Fusión de música electrónica e flamenco creada polo dúo Mestiza.
● 26 de setembro | Dale Flow. Noite dedicada ao reggaetón e aos novos sons urbanos e latinos.
● 27 de setembro | Orballo Cultural (gratuíto). Encontro arredor da música galega e da cultura de raíz.
● 2 de outubro | Equis. Proposta centrada nas novas tendencias musicais contemporáneas.
● 3 de outubro | Treboa Sonora. Festival dedicado ao talento musical galego emerxente e consolidado.
● 4 de outubro | Mestizo Runner (gratuíto). Evento que combina música, deporte e participación cidadá.
● 9 de outubro | Bresh XXL. A popular festa internacional chega ao porto da Coruña cun gran formato.
● 10 de outubro | One Dance. Edición Tardeo. Homenaxe á música dance das décadas dos 90 e 2000.
● 11 de outubro | Wake Up! Festival. Clausura do ciclo cunha gran celebración da música electrónica.
Máis citas
O Festival Noroeste presenta a súa programación por días e espazos

