O RC Deportivo presentou o seu novo himno oficial, “Voa”, unha peza composta por Xoel López e nacida “para reforzar a identidade do club no seu 120 aniversario e despois do seu regreso á Primeira División”. O himno, explica o club, busca conectar con todas as xeracións de deportivistas a través da emoción, a tradición e o sentimento compartido.
Para este himno, o Deportivo contou co coruñés Xoel López, no mesmo ano da presentación do seu décimo sétimo álbum, Oniria Popular. Este, engaden, “supón un novo vínculo entre a súa traxectoria artística e o sentimento deportivista”. O himno estrearase este mércores, 12 de agosto de 2026, no estadio Abanca Riazor, no marco da LXXXI edición do Trofeo Teresa Herrera, coa presenza de Xoel López xunto cos artistas e colectivos que participaron na súa gravación.
O vínculo coa identidade galega e coruñesa é unha das claves do novo himno. No seu proceso creativo, Xoel López rodeouse de formacións e colectivos que “son patrimonio vivo da cidade e da cultura galega, reforzando o arraigamento da peza”. En concreto, participaron Kilomberos de Monte Alto, Xacarandaina, o Coro Infantil Cantábile, a Orquestra Sinfónica de Galicia, Caamaño & Ameixeiras, Belém Tajes e Susana Seivane, entre outros.
O lanzamento de “Voa” canalízase a través dun videoclip concibido como un percorrido polos lugares máis emblemáticos da Coruña, que simboliza o camiño cara a Riazor nun día de partido. Gravado en plano secuencia, o videoclip propón unha viaxe aérea pola cidade, conectando espazos icónicos como a Mariña, os Xardíns de Méndez Núñez e o propio paseo marítimo.

