InicioA CORUÑAO convulso retorno do Dépor a Primeira

O convulso retorno do Dépor a Primeira

Publicada o

Por Miguel Gómez Longo

A estrea en Riazor ante o Elxe estivo marcada polos colapsos nas taquillas, as queixas por falta de visibilidade nas bancadas e o desacordo entre o club e varios medios

O agardado regreso do Real Club Deportivo á máxima categoría do fútbol español non estivo exento de polémica. A primeira xornada en Riazor, este pasado luns fronte ao Elxe CF, deixou incidencias organizativas, malestar entre a afección e un enfrontamento público entre a entidade e varios profesionais da comunicación. O que estaba chamado a ser un día de celebración para o deportivismo acabou marcado por diferentes focos de tensión.

Colas desde primeira hora ante a OAD

As primeiras colas comezaron a formarse ás portas da Oficina de Atención ao Deportivista (OAD) arredor das oito da mañá. A instalación, porén, permanecía pechada. O club comunicara o domingo, a través da súa páxina web, que ese servizo non abriría durante a mañá e que as xestións se realizarían nas taquillas do Palacio dos Deportes a partir das 14:00 horas, como é habitual nos días de partido.

A decisión colleu por sorpresa a numerosos afeccionados procedentes de distintos puntos de Galicia, que acudiron nas primeiras horas da xornada ao dar por feito que a oficina mantería o seu horario habitual dun luns laborable. Os afectados consideraron insuficiente a difusión da modificación.

A falta de información provocou malestar entre persoas que tiveron que solicitar permisos no traballo ou desprazarse desde outras localidades para realizar trámites relacionados coa súa condición de socios.

Durante a mañá, e ante a ausencia de responsables de maior rango da entidade, un único empregado foi o encargado de atender as reclamacións dos afeccionados concentrados no exterior das instalacións.

Entre os trámites pendentes había socios que aínda non dispoñían do carné físico e necesitaban obter un pase provisional, seguidores interesados en adquirir entradas e persoas que pretendían cambiar a súa modalidade de Socio Amigo, agora denominada Deportivista+, para acceder a un abono con asento. Nalgún caso, a espera para conseguir ese cambio prolongárase durante varios anos.

Problemas de visibilidade en Preferencia

As incidencias non remataron antes do encontro. No interior de Riazor, varios abonados de Preferencia Superior atopáronse cunha estrutura que dificultaba considerablemente a visión do terreo de xogo. Nalgúns casos, mesmo se retiraran asentos para instalar unha plataforma destinada aos equipos de televisión encargados da retransmisión da competición.

Os espectadores afectados aínda non recibiron unha solución oficial por escrito. Porén, fontes do club apuntan a que a localización da cámara será modificada para evitar que a súa presenza volva afectar á visibilidade dos abonados nos próximos partidos.

A incidencia engadiuse ás queixas xa formuladas nas últimas semanas por afeccionados doutras zonas do estadio, entre elas a bancada de Maratón Inferior, pola distribución dalgúns espazos e polos cambios realizados con motivo do regreso á Primeira División.

Desacordo cos medios pola intervención de Ximo Navarro

A polémica tamén alcanzou a zona mixta de Riazor. A Asociación da Prensa da Coruña (APC) fixo público un comunicado no que expresou o seu «malestar coa actuación do Real Club Deportivo a través do seu departamento de comunicación» durante a comparecencia do futbolista Ximo Navarro.

Segundo a organización profesional, membros da área de comunicación do club interromperon e impediron as preguntas formuladas por dous xornalistas da Radio Galega e Onda Cero sobre o ambiente de protestas vivido no estadio.

A APC considerou a actuación «fóra de lugar» e lembrou que non corresponde á entidade decidir que cuestións poden formular os informadores. Por iso, reclamou unha rectificación e pediu que se garanta que os profesionais da comunicación poidan desenvolver o seu traballo con liberdade.

O Deportivo respondeu posteriormente mediante outro comunicado no que denunciou os «insultos e presións» que, segundo a entidade, están a recibir algúns dos seus futbolistas para que adopten unha posición sobre cuestións alleas á competición.

O club asegurou que a súa intervención responde á obriga de protexer a seguridade e a saúde psicosocial dos seus traballadores e defendeu que os xogadores e o corpo técnico deben afrontar ante os medios cuestións «estritamente deportivas». Ademais, anunciou que trasladou os feitos aos seus servizos xurídicos.

O regreso do Deportivo á Primeira División, polo tanto, quedou empañado por unha sucesión de incidencias que transcenderon o ámbito estritamente deportivo. As dificultades na atención aos socios, as queixas pola visibilidade desde as bancadas e o desacordo cos medios converteron a estrea de Riazor nunha xornada moito máis convulsa do esperado.

  • Miguel Gómez Longo (@gomezlongo4) Graduado en Xornalismo; Mestrado en Protocolo e Organización de Eventos; Mestrado en Comunicación Deportiva.

Novas relacionadas

As protestas contra a directiva e a censura colocan ao Dépor nun crú momento de fractura social

Outros artigos de Miguel Gómez Longo

O deporte, unha fonte de LGTBIfobia

A Liga dictará se sairá o arco da vella por Riazor

 

ÚLTIMAS

As incautacións de cocaína dispáranse un 386% en Galicia en 2025, ata as 9,3 toneladas

As incautacións de cocaína disparáronse un 386% en Galicia en 2025, ata alcanzar as...

O Concello adxudica a xestión da rede de escolas infantís municipais

O Concello da Coruña adxudicou, a distintas empresas, o servizo de xestión do oito...

As protestas contra a directiva e a censura colocan ao Dépor nun crú momento de fractura social

Deberían ser tempos de ilusión, coa volta do Dépor á 1ª División. Pero o...

O cupón da ONCE deixa 105.000 euros na Coruña

O Cupón Diario do ONCE repartiu 105.000 euros con tres cupóns premiados con 35.000...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here