Arrincou este luns unha completa semana de actividades en Castelo. A pequena aldea de Culleredo, de pouco máis de 250 habitantes, seguindo os pasos do pequeno lugar pontecesán do Couto co Festiletras, consegue converterse na capital da cultura galega.
Porque o Castelo Conta xa é todo un referente nesta a súa undécima edición, sendo un punto de encontro entre a cultura, a tradición, a comunidade e a participación como modelo de celebración.
O festival, organizado polos veciños de Castelo, dirixido por Xosé A. Touriñán e coa colaboración do Concello, desenvolverase durante toda esta semana ata a tradicional Romaría de San Román, que terá lugar este domingo.

Este luns xa subiron ao pendellos convertidos en escenarios contadoras da casa ou a banda Orquestra Bravú Xangai, que fixo cantar míticos temas galaicos ao público que ateigou a Eira de López. Tamén tivo o lugar o primeiro evento Vermús na Taberna, coos cociñeiros Jorge Trigo (restaurante A Espiga) e Nacho Moreira (La Esquina de Valentina y Concha), que debullaron tapas con produtos locais.
Ao longo da semana, ademais das mañás dedicadas á Xente Miúda no Campo da Capela, haberá concertos de figuras como Xoel López, De Ninghures, 9Louro e Kid Mount, así como actividades gastronómicas, eventos infantís e actuacións de artes escénicas.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, salientou o impacto cultural do festival: «É un dos eventos máis importantes do calendario cultural galego, un bastión da nosa tradición oral, da nosa gastronomía, da nosa música e das nosas artes escénicas». Neste sentido, tamén destacou o compromiso do evento co «coidado do noso territorio e o fortalecemento dos lazos entre as xeracións maiores e novas», así como o retorno económico que xerará, estimado en máis de 500.000 euros. Tamén expresou o seu agradecemento polo “traballo incansable dos veciños para facer deste festival un éxito”.
Tendes todo o programa en casteloconta.gal.

Máis novas
O festival Castelo Conta, “referente” e “celebración” da cultura rural

