O concerto que Judeline ofrecerá este mércores, 26 de agosto, na Coruña cambia de escenario debido ás condicións meteorolóxicas previstas para a xornada. A organización decidiu trasladar a actuación á Sala Pelícano ante o anuncio de choivas e treboadas durante o día.
O cambio non afectará ás persoas que xa dispoñan de entrada, xa que os billetes adquiridos previamente serán válidos para acceder ao novo recinto sen necesidade de realizar ningún trámite adicional.
A actuación da cantante andaluza será a encargada de abrir a programación do ciclo Santa Margarita – As Noites do Parque, que desenvolverá durante estes días diferentes propostas musicais na cidade herculina.
Judeline chegará á Coruña despois de ser nomeada aos Latin Grammy e tras a repercusión acadada polo seu álbum ‘Bodhiria’. Nesta ocasión, o concerto estará centrado tamén na presentación do seu traballo máis recente, o EP ‘Verano Saudade’, que levará ao directo ante o público coruñés.
VALERIA CASTRO ACTUARÁ O XOVES
A programación terá continuidade ao día seguinte. O xoves 27 de agosto será a quenda da cantante canaria Valeria Castro, que presentará na Coruña o seu segundo disco, ‘El cuerpo después de todo’.
Castro chega á cita despois dunha traxectoria recoñecida con diferentes galardóns, entre eles un Premio Ondas e tres Premios da Música Independente.

