A aeroliña Volotea puxo este mércores á venda cinco novas rutas que conectarán A Coruña con Bilbao, Málaga, Valencia, Sevilla e Alicante. “Con estas conexións, a compañía volve incorporar Galicia á súa rede, reforzando a conectividade doméstica en España e ampliando as opcións de viaxe para os pasaxeiros galegos desde o aeroporto coruñés”, sinalou a empresa nun comunicado. As novas conexións comezarán a operar de maneira progresiva a partir do mes de novembro desde o aeroporto de Alvedro.
No caso de Bilbao, Málaga e Valencia, os voos comezarán o 6 de novembro e operarán en distintos días da semana. A conexión con Sevilla arrancará un día despois, o 7 de novembro. Pola súa banda, a ruta entre A Coruña e Alicante será a última en incorporarse, a partir do 2 de decembro. Con estas cinco novas rutas, Volotea recupera a súa presenza en Galicia e amplía as conexións directas do aeroporto coruñés con outros destinos nacionais, reforzando a oferta de viaxes desde Alvedro.

