Mañá emocionante no IES Rafael Dieste. Os máximos representantes da Real Academia Galega achegáronse ao centro de Labañou para facer entrega dun dos premios de normalización máis importantes do país. O Premio Na Lingua na que eu falo. Anunciado o pasado mes de xuño, esta mañá tocábella ao presidente da RAG, Henrique Monteagudo, entregar o galardón aos promotores do proxecto, os mestres Arcadio González, Mónica Reixía e Alberto Pombo, que o puxeron de inmediato nas mans do alumnado.
O premio chegaba así ao mesmo auditorio onde hai tres anos comezaba a medrar unha iniciativa que hoxe reúne máis de trescentos centros educativos e arredor de 25.000 estudantes.
Foi a propia rapazada quen, despois dun tema en directo tocado por membros do centro, levou o temón dunha gala conducida por Julieta Pérez, de orixe arxentina, e Oliezer Rivas, de orixe venezolana.
A liberdade, a pertenza e a capacidade do galego para incorporar novas voces atravesaron boa parte das intervencións de Henrique Monteagudo, Fina Casalderrey, Sol Agra e Alberto Pombo. Sete de cada dez estudantes do Dieste son de orixe migrante e polas súas aulas conviven ducias de linguas. Rapaces e rapazas chegados de Venezuela, Arxentina, Colombia, Marrocos, Brasil, Senegal ou Perú lideran hoxe desde A Coruña accións de promoción do galego entre a mocidade.

«O galego non é só unha herdanza, tamén pode ser unha elección, un lugar de encontro», resumiu Fina Casalderrey, que destacou ademais o traballo dun profesorado que «acompaña sen obrigar, que abre portas e permite que sexa o alumnado quen tome a palabra». Henrique Monteagudo incidiu nesa mesma idea ao salientar que Aquí tamén se fala reivindica a lingua «desde a inclusión, desde a liberdade» e contrapuxo a experiencia do proxecto aos discursos de odio que presentan a inmigración como unha ameaza. O presidente da RAG evocou a propia historia emigrante de Galicia e defendeu as novas chegadas como fonte de enriquecemento, como portas e ventás abertas ao mundo.
Facendo historia
O recoñecemento da Academia chega despois de tres anos nos que esa mocidade levou a lingua ben por fóra dos muros do instituto. Percorreu arredor de 50.000 comercios, produciu vídeos de alcance internacional, entrevistou artistas, organizou tres edicións dun festival profesional polo que pasaron xa 15.000 persoas e teceu unha rede que se estende por centros educativos de todo o país. Tamén impulsou O Dépor é da Coruña, unha mobilización de éxito nacida nas aulas que levou a defensa da toponimia ás rúas e ao fútbol profesional, conseguindo que un club centenario cambiase o seu nome. Accións nacidas nun instituto público e construídas por unha rapazada que comprobou que tamén desde unha aula se pode intervir na cidade e transformar o lugar que se habita.

Sol Agra definiu o Dieste como un instituto «orgullosamente urbano, multicultural e diverso» e puxo o foco nun alumnado que converteu o galego nun fío de identidade compartida. A representante da Deputación da Coruña salientou tamén o carácter transformador dunha iniciativa que, segundo expresou, demostra que a docencia creativa pode ter impacto máis alá das aulas.
Foi precisamente o alumnado o centro das palabras de agradecemento de Alberto Pombo, director do IES Rafael Dieste. Pombo reivindicou unha identidade que tamén se pode escoller e unha lingua capaz de medrar nas voces de quen chegou desde lonxe: «Unha lingua pode ser tamén un lugar de chegada». E deixou unha das imaxes da mañá ao apuntar que, cando se fala do porvir do idioma, «talvez ese futuro xa estea aquí, sentado diante de nós, e teña apelidos, peles, historias e sotaques que hai apenas uns anos non sabiamos nin soñar». No seu discurso agradeceu tamén o traballo compartido con Arcadio González e Mónica Reixía e lembrou que Aquí tamén se fala «medrou de verdade cando deixou de ser nosa e pasou a pertencer ao alumnado e ao país».
Monteagudo pechou a gala animando o alumnado a continuar o camiño emprendido: «O futuro está aí e o futuro temos que conquistalo entre todos e entre todas». Aquí tamén se fala continuará agora a súa singradura desde o IES Rafael Dieste, coa rapazada outra vez ao temón.
Máis novas
O #Aquítaménsefala tamén leva un premio da Real Academia Galega

