O Roteiro Onde baten as ondas do meu corazón, guiado por Ana Ramil, vai ter lugar o domingo 4 de outubro, a partir das 12:00 horas, na Coruña, tendo como punto de saída Paseo Marítimo da praia do Orzán, no “rompeolas”.
En palabras da autora: “Dende a coiraza do Orzán ata a praza das Bárbaras, o pulso da península desbócase e amaina ao compás da nosa marcha.”
Esta iniciativa da AELG pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.
A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.

