O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, afirmou que a Xunta estuda “a posibilidade de mellorar algunhas conexións” de bus coa Universidade da Coruña, aínda que defende que existe unha “oferta bastante boa”.
No Pleno do Parlamento, a deputada do BNG Iria Taibo denunciou os tempos “absolutamente irracionais” do transporte metropolitano da Coruña, polo que instou ao conselleiro a “dimitir” se “considera que isto é o mellor que pode facer”.
Pon de exemplo que o autobús “sae cheo” de Sada e non pode facer parada noutros municipios como Oleiros, polo que “moita xente queda fóra”. Tamén critica que hai persoas que teñen que viaxar de pé e falta información.
En resposta, Calvo defende que se traballa “cada día” para mellorar o transporte público e adaptarse ás necesidades da “maior parte da xente”, pero sostén que “non se pode atender ao 100% da poboación”.
Acusa o Bloque de “debuxar a apocalipse”. “Pouco máis e acábase o mundo”, asegura Calvo.
Expón que “claro que se pon reforzos cando se poden pór”, pero asegura que a “demanda de viaxeiros subiu moito”, un 60% máis no transporte metropolitano coruñés entre 2021 e 2025.
De tal forma, o conselleiro admite que hai “picos de demandas” en determinadas frecuencias e “iso é imposible de solucionar”, tal e como ocorre noutros medios, segundo di, entre os que citou como exemplo o tren entre A Coruña e Santiago.
Vandalizan as sedes da Universidade privada de Abanca de Coruña e Compostela

