O Circo de Artesáns da Coruña acolle este venres, día 9, a presentación da edición facsímile conmemorativa da “Historia de Galicia. Compendio”, de Ramón Marcote, reeditada econ motivo do centenario da súa publicación na cidade da Habana en 1925.
O volume, rescatado pola Biblioteca da Fisterranía en colaboración co concello de Fisterra e a Xunta de Galicia, recupera esta obra fundamental escrita polo fisterrán, nado en Sardiñeiro, Ramón Marcote Miñarzo, histórico bibliotecario do Centro Galego da Habana e impulsor dos comités Pro-Colón en todo o mundo.
No acto deste venres, que terá lugar no Circo de Artesáns, van intervir o concelleiro da corporación municipal de Fisterra, Manuel Canosa, o escritor e historiador Luís Lamela, o sobriño neto de Ramón Marcote, David Marcote Canosa e o escritor e director da Biblioteca da Fisterranía, Modesto Fraga.
Con esta son xa tres as presentacións desta obra en distintas cidades e localidades galegas, despois das celebradas en Fisterra o pasado mes de maio e no Museo de Pontevedra, en xuño. A todas elas asistiu numeroso público.
A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.


