Axentes da unidade de Udyco da Policía Nacional da Coruña desarticularon un establecemento que, baixo a aparencia dunha tenda de herbolario funcionaba como punto de venda de sustancias estupefacientes no barrio das Conchiñas.
Segundo informou o corpo policial nun comunicado, o pasado venres axentes da Udyco realizaron un rexistro no establecemento na praza das Conchiñas e incautaron varias sustancias estupefacientes, entre elas drogas sintéticas como éxtases e LSD, así como fungos alucinóxenos que o propio dono cultivaba dentro do establecemento en neveiras especiais.
Tamén localizaron diferentes variedades de marihuana clasificadas segundo peso e efectos, así como haxix, tanto en pole como en pequenas pastillas, que fabricaba o propietario do local mediante unha centrifugadora eléctrica e outros utensilios destinados á súa elaboración e posterior comercialización.
A actuación contou co apoio da unidade de Guías caninos e dunha dotación de Policía Local, que cursaron varias actas administrativas xa que o comercio carecía das licenzas correspondentes.
Así as cousas, o dono do establecemento, que quedou precintado, foi detido.

