Tralas festas do Rosario da Cidade Vella, tócalle tomar o relevo á AVV Ventorrillo. Hoxe venres, e ata o luns 12, as Festas patronais do barrio encherán a zona de actividades para todos os públicos e que combina música, actividades infantís, tradición popular, gastronomía e propostas culturais.
Coa colaboración municipal no marco do programa das festas de barrio, o barrio xa celebrou estes días un intenso 3×3 con gran acollida.
A programación festexeira arranca este venres, 9 de outubro, a partir das 17.30 horas, con actividades infantís a cargo de Axiña Animación, unha exhibición da Academia da Espada e o pregón a cargo de Luis Suárez Santos e Adelaida Pittaluga Albo, ás 21.00 horas. A xornada rematará, a partir das 22.00 horas, coa verbena do grupo Claxxon e unha sesión musical de Key’s DJ.
O sábado 10 será unha das xornadas centrais das festas, con contacontos musicais, exhibicións de swing e lindy hop, sesión vermú, o concurso infantil ‘Talento do Vento’ e unha homenaxe a Pucho Boedo. A noite, a partir das 21.30 horas, estará marcada pola actuación da orquestra Los Satélites e do cantante Paco Lodeiro, seguida dunha sesión de DJ con Hugo Mosquera e DFranco.
O domingo 11 desenvolverase unha nova edición de O Mercado do Vento, un mercado de artesanía que compartirá protagonismo con actividades como unha clase aberta de tai-chi, actuacións musicais, concursos de karaoke e os concertos de Señales de Fatiga, Os Piñeiros e Clandestinos.
As celebracións rematarán o luns 12 de outubro cun programa que inclúe pasarrúas, exhibicións de baile e música en directo, ademais dunha tradicional batalla de galos como peche do programa festivo.

