Os medios de comunicación viven unha transformación profunda marcada pola intelixencia artificial, os novos hábitos de consumo, as redes sociais, a desinformación, a alfabetización mediática, os cambios nos modelos de negocio e a aparición de novos formatos. Para abordar estes retos, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA), co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, organiza tres xornadas presenciais nas universidades galegas co obxectivo de conectar estudantes, profesionais, medios de comunicación, universidade e Administración.
Baixo o título ‘Os medios do futuro comezan nas aulas’, o ciclo propón tres encontros, que contarán coa presenza de Valentín García Gómez, secretario xeral da lingua, para reflexionar sobre o presente e o futuro do xornalismo en galego desde diferentes perspectivas. As xornadas permitirán achegar o estudantado á realidade profesional e abrir espazos de diálogo arredor dos retos que afronta o sector.
O ciclo arranca o mércores 14 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, cun encontro titulado ‘150 anos do Tío Marcos da Portela’, no que se abordará o nacemento do xornalismo en galego e o papel que xogaron os medios durante estes 150 anos na normalización lingüística e na sociedade galega. O faladoiro contará coa participación do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López García e dos xornalistas Xurxo Salgado Teijido, de Galicia Confidencial, e Silvia Carregal Martínez, de As Nosas e Ártabra Comunicación. O encontro permitirá facer un percorrido pola historia do xornalismo galego ata chegar á irrupción da intelixencia artificial e reflexionar sobre o xornalismo que queremos construír.
As xornadas continuarán o xoves 15 e o venres 16 nas Universidades de Santiago e Vigo, no marco do labor que AMEGA desenvolve para fortalecer o ecosistema dos medios de comunicación en galego

