Semana axitada e viva para Aritz Sáez Aróstegui en Barcelona. O arquitecto coruñés (1981), vén de recibir un premio internacional. Nada menos que o Premio Internacional WGIN 2026 na categoría de Cubertas Verdes polo seu deseño paisaxístico das cubertas do edificio URBIT.
O pasado mércores 27 de outubro, Sáez, recollía o premio no marco do 12º Congreso Mundial de Infraestruturas Verdes que se celebrou entre Barcelona e Lleida. O Centro Internacional de Convencións de Barcelona (CCIB) acollía unha solemne gala na que se recoñeceron proxectos de todo o planeta que impulsan a innovación e conectan a aqueles que promoven o cambio. Desde edificios innovadores ata políticas inspiradoras e investigación académica, estes premios destacan ideas que contribúen a crear comunidades máis verdes, saudables e resilientes.

No caso do herculino residente na capital condal, o seu proxecto premiado foi unha cuberta verde situada no quinto andar do edificio URBIT. O edificio, situado no barrio de Poblenou, foi deseñado orixinalmente por QID Studio, con Fitó Arquitectes participando durante a fase de construción. A paisaxe do tellado verde galardoada foi deseñada por Sáez e implementada por La Prieure, a empresa que continúa a xestionar o seu mantemento.
Na mañá do xoves Aritz realizou dúas visitas guiadas á cuberta con varios participantes no Congreso, entre eles varios membros do xurado, que non pararon de preguntar fundamentos e elementos arquitectónicos da singular obra. Unha obra que permite crear un tellado cheo de biodiversidade que medra no tellado verde respondendo a unha pregunta central na obra de Sáez Aróstegui: como podemos crear novas condicións para que a natureza prospere nos tellados verdes?



Ao longo de 4.139 m², un tellado moi exposto ao sol e aos ventos costeiros transfórmase nun xardín integrado na vida cotiá do lugar de traballo: un lugar para saír ao exterior, reunirse, deterse e gozar da beleza de máis de cen especies de plantas e árbores, mentres se contemplan vistas panorámicas do horizonte de Barcelona.
Os máis de 2.100 traballadores de diferentes empresas punteiras que traballan no edificio, gozan diariamente do tesouro de ter un espazo así para descansar ou mesmo para traballar, como tamén o fan do espazo “jungla”, unha area interior no -2 do edificio que permite ter un espazo para traballar inmerso nunha marea de especies vexetais, cun ambiente xaponés que favorece a calma e a inspiración.

“A natureza responde con biodiversidade ás diferentes condicións climáticas que atopa. Entón, por que non deseñar esas condicións para desafiala? Esta é a filosofía que inspira Safe Sauvage Landscape: crear mellores condicións para que a natureza prospere”, explica o propio deseñador.
”A miúdo dícese que non se debe comezar a construír unha casa desde o tellado para abaixo. Pero hoxe, ante os nosos desafíos climáticos e ecolóxicos, chegou o momento de repensar os nosos tellados. Iso foi o que fixemos no edificio URBIT. E URBIT é só o noso primeiro paso”, sinala.
Un legado
Aritz vén dunha familia significativa. O seu pai é Enrique Sáez (A Coruña, 1947), que foi director do Banco Pastor e directivo de Torres & Sáez, empresa familiar. A día de hoxe preside moi activamente a Fundación Juana de Vega, percorrendo o país e axudando a desenvolver proxectos forestais no rural.

