A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana anuncia os galardoados dos Premios COGAVE 2026, unha distinción que recoñece cada ano o labor de persoas e entidades que contribúen a mellorar a sociedade galega a través do seu compromiso co ben común, a participación cidadá e o desenvolvemento comunitario. Un premio que se outorga a través das votacións das diferentes federacións que integran a Confederación galega de asociacións veciñais,
Nesta edición, o premio da Federación coruñesa será concedido á Fundación Salma, en recoñecemento ao seu destacado traballo no ámbito da saúde mental, desenvolvendo iniciativas orientadas á atención, acompañamento e inclusión das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. A Federación uere poñer en valor unha traxectoria marcada pola defensa da dignidade, os dereitos e as consideración normativas e xurídicas dun colectivo que continúa afrontando importantes desafíos e situacións de estigmatización.
O segundo recoñecemento recaerá en Viñetas desde o Atlántico, un dos eventos culturais máis emblemáticos da Coruña, que no ano 2027 celebrará a súa treinteava edición. A Federación destaca a súa extraordinaria contribución á difusión da banda deseñada, á democratización da cultura e á proxección da cidade como referente cultural, converténdose ao longo de tres décadas nun punto de encontro para xeracións de lectores, autores e creadoras.
“A Fundación Salma e Viñetas desde o Atlántico constitúen exemplos de como o compromiso coa sociedade pode transformar realidades e contribuír a construír unha cidadanía máis libre, participativa e cohesionada”, explican dende FAVA.
A entrega dos Premios COGAVE 2026, que terá lugar o vindeiro sábado 7 de novembro en Pontevedra, reunirá representantes do movemento veciñal, das institucións e da sociedade civil nun acto que servirá para reivindicar o papel das entidades sociais e culturais na construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e participativa.

