A Universidade da Coruña (UDC) estrea ‘Abastos de Ciencia’, un espazo onde a divulgación científica e a gastronomía converxen para achegar a investigación a todas as idades.
Así o informa o reitorado que explica que o evento está enmarcado na iniciativa InPacto, que terá lugar este sábado no mercado de San Agustín.
No mesmo, ofreceranse catro conversacións con persoal investigador da UDC, talleres, espazos gastronómicos e un concerto.
O obxectivo é dar a concoer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos da institución académica.
A partir das 11:30 horas celebraranse catro mesas redondas, con persoal investigador Ramón y Cajal da UDC que desenvolven a súa actividade nos distintos centros de investigación da universidade como son CICA, o CITEEC, o CITENI e o CITIC. Nestes encontros abordarán cuestións de actualidade científica desde diferentes perspectivas.
A primeira, titulada “Un planeta en transformación: pasado, presente e futuro”, contará coa participación de Armand Hernández Hernández, Pablo Pita Orduna, Blanca Moncunill Solé e Luis Alejandro Blanco Calvo. De 12:00 a 12:30 horas desenvolverase a segunda conversa, “Comprender o invisible: modelos, simulacións e novas tecnoloxías”, con José Luis Rodríguez Sánchez, Jose A. Iglesias Guitián e Antonio José Álvarez Naveira.
Logo dunha pausa para o café, a programación continuará ás 13:00 horas coa mesa “As fronteiras da medicina: detectar, tratar e rexenerar”, na que participarán Juan Antonio Fafian Labora, Aurora Rodríguez Rodríguez, María Elena Rodríguez García-Rendueles e Ana Rey Rico.
A última das conversas, “Cerebro e vida cotiá: como pensamos, nos comunicamos e regulamos o corpo”, terá lugar de 13:30 a 14:00 horas e reunirá a José Luís Pardo Vázquez, Silvia Martínez Ferreiro, Luís Varela Fernández e Diego Álvarez Estévez.
Obradoiros para experimentar coa ciencia
Ademais das mesas redondas, a oferta de actividades permitirá achegarse á investigación universitaria dun xeito práctico e participativo. Así, entre as 11:00 e as 14:00 horas, desenvolveranse diversos obradoiros simultáneos e abertos a todos os públicos.

