O cantante Dani Martín actuará o próximo 26 de xuño no Coliseum da Coruña, nun concerto que formará parte dos últimos espectáculos da súa xira ’25 PTS AÑOS’, coa que celebra un cuarto de século de carreira musical. Segundo informou o Concello da Coruña, o artista madrileño acaba de anunciar as 14 últimas datas dun dos espectáculos “máis exitosos da súa traxectoria”, unha xira concibida como unha celebración de máis de 25 anos de carreira e das cancións que marcaron varias xeracións de seguidores.
Para o cantante, estas actuacións servirán para despedir unha etapa artística na que repasou os grandes éxitos da súa carreira, tanto da súa época á fronte de El Canto del Loco como da súa posterior traxectoria en solitario. Deste xeito, o concerto da Coruña incluirase na recta final dunha xira coa que Dani Martín recupera algunhas das cancións máis representativas dos seus 25 anos sobre os escenarios. As entradas para o concerto do Coliseum da Coruña saíron á venda este martes, 10 de novembro, a través da páxina web oficial de Dani Martín e doutros canais de venda.

