Así arrinca a xornada de folga neste 11N, con piquetes informativos nos puntos industriais da cidade, animando a executar o seu dereito non traballar, e a non consumir en hostaleria nin supermercados, para facer presión e que os responsables políticos tomen boa nota das esixencias sobre a subida de soldos e control do prezo da vivenda.
Xa pola noite os piquetes de UGT e CCOO se achegaron ao Polígono de Agrela diante da empresa PreZero, responsable da recollida do lixo.
Tamén acodiron aínda de madrugada ao porto da Coruña, e a primeira hora da mañá volveron ao Polígono da Grela e no Polígono de Sabón – Arteixo para informar en concesionarios, talleres, restaurantes, comercio…
Estarán ao longo da mañá tamén pola Praza de Lugo.
Cargas na Compañía de Tranvías
Ademais, producíronse cargas policiais (“desproporcionadas” para os sindicatos) na Coruña, na entrada da Compañía de Tranvías, e no polígono santiagués de Costa Vella. No caso da cidade herculina, os axentes utilizaron gas pementa e causaron feridas a dúas sindicalistas de CCOO. O sindicato reclama ás forzas de seguridade que non fagan un uso excesivo da forza para reprimir o lexítimo dereito á folga das persoas traballadoras.
CCOO de Galicia salienta o seguimento da folga xeral nas quendas nocturnas
Os primeiros datos de seguimento da folga xeral en Galicia amosan un importante seguimento, en especial nos sectores máis sindicalizados, como os da automoción e o naval, segundo sinalan dende CCOO a primeira hora desta mañá. Tamén noutros sectores estratéxicos a repercusión está a ser relevante, como no transporte de viaxeiros ou na recollida do lixo, nos que practicamente só se están a cumprir uns servizos mínimos que Comisións Obreiras xa denunciara como «abusivos» e destinados a rebaixar o impacto da convocatoria.
Así pois, na industria galega está a rexistrarse un seguimento na contorna do 70 %, con fábricas paralizadas na práctica totalidade coma Navantia Ferrol, GKN Driveline en Vigo ou a conserveira Profand e DS Smith en Vilagarcía. Tamén o polígono do Tambre, en Santiago, permaneceu pechado totalmente durante dúas horas esta mañá, no momento de entrada da meirande parte das persoas traballadoras.
Tamén está a ser salientable a participación da clase traballadora nos portos do Estado radicados en Galicia, cun seguimento que rolda o 60 % nestas primeiras horas de folga.
Onde son as manifestacións
Na Coruña haberá tres citas:
- Manifestación de UGT e CCOO con saída da Palloza ás 12:00h.
- Manifestación da CIG na Praza de Vigo ás 12:00h
- Manifestación Unitaria de Sindicatos e Colectivos Sociais que sairá ás 18:00h do cruzamento entre a Ronda de Outeiro con Avda. Fisterra, ata a Praza das Cigarreras.





