73 minutos. Ese foi o tempo que tardou en pasar toda a manifestación unitaria por unha vivenda e un soldo digno por un punto da Ronda de Nelle. Unha mobilización que fontes municipais cifran en 30.000 persoas, pero que puideron ser moitas máis nunha xornada histórica, con máis de 55.000 persoas saíndo á rúa, e secundando a folga xeral deste 11N.
A xornada comezaba con piquetes informativos polos polígonos e os primeiros datos da incidencia da folga en sectores produtivos. Pasaban as horas coma se dun domingo se tratase, con pouca xente nos bares nas tendas, dando de que a folga de consumo tamén estaba sendo unha realidade, provocando ademais unha baixada do 12% no consumo da luz.
Ao mediodía arredor de 25.000 persoas saían ás rúas nas dúas manifestacións convocadas, por un lado pola CIG e por outro por UGT e CCOO.
Pero a gran traca estaba preparada para esta tarde. O cruce entre a Ronda de Outeiro e a Avenida Fisterra quedaba minúsculo para a marea de xente que comezaba a fluir cara a Ronda de Nelle. 73 minutos tardaron en pasar por diante dun dos edificios da ronda.

”Que pasa que pasa, que non temos casas”, “Fóra rentistas, dos noso barrios”, “as vivendas, para a clase obreira”, “A loita é o único camiño”, “é indecente, xentes sen casa e casa sen xente”… ducias de cánticos demostrando que o poder da clase traballadora unida, e lembrando a necesidade de que os gobernos tomen medidas para controlar o prezo da vivenda, suban os salarios, manteñan as pensións e sigan mellorando os servizos públicos.
Pequena volveu quedar a Praza das Cigarreiras co sindicato organizador agradecendo a histórica mobilización social que demostra que a sociedade está concienciada de cara ao 29N.

Máis novas
Os sindicatos valoran o seguemento e as manifestacións da Folga Xeral: “Está sendo un éxito”
A folga do 11N comeza cos piquetes informativos e importante seguemento nas quendas nocturnas

