O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, admitiu posibles “desaxustes” nalgún servizo de bus pola posta en funcionamento da nova estación de autobuses na Coruña, pero defendeu a necesidade de a abrir unha vez remataron as obras.
Nun acto en Vigo e a preguntas dos xornalistas, reprochou que aínda non haxa data sobre cando entrará en funcionamento a estación ferroviaria e engadiu que, pola parte da Xunta, unha vez concluída a obra, non se podía manter “pechada” a de autobuses. Por outra banda, asegurou non ter constancia de “tantas queixas” en relación cos problemas xerados polas modificacións nas liñas.
A este respecto, apuntou “á utilización partidista por parte dalgúns partidos neste asunto”. Ademais, defendeu que hai información para os usuarios a través de distintas aplicacións e que tamén se informou os concellos da área metropolitana coruñesa.

