Visita municipal esta mañá para poñer fin ás obras de humanización e mellora da accesibilidade da praza de Manuel Guitián, na Segunda Fase de Elviña, un proxecto do Plan de Barrios 2025-2027.
O proxecto supón un investimento superior aos 600.000 euros e permite darlle continuidade á transformación dos espazos públicos nesta parte da cidade, onde xa se actuou previamente en puntos coma Pintor Laxeiro e Pintor Manuel Colmeiro seguindo os mesmos criterios.
A rexedora Inés Rey lembrou que xunto co Castrillón, Elviña é un dos barrios da cidade que conta con máis veciñas e veciños en idades superiores aos 65 anos, algo a ter en conta á hora de formular actuacións de mellora no espazo urbano, co obxectivo de darlle resposta ás necesidades das persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.
A intervención en Manuel Guitián inclúe a renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas —que se ampliaron— como da calzada, visibilizando os espazos de estacionamento con materiais diferenciados. Ademais, tamén se elevou o paso peonil que hai no acceso á praza, para calmar o tráfico.
A humanización tamén inclúe a chegada de novos exemplares de arboredo arredor do óvalo. Desta forma, favorecerase a creación de espazos de sombra e máis frescos, con mobiliario urbano como novos bancos. A maiores, renovouse a iluminación na praza e fíxose separativa a rede de pluviais e saneamento da zona, que ata o de agora era unitaria. Así, o Concello mellora tamén a recollida de augas en orixe.

