InicioCULTURAO festival LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso enche a axenda coruñesa

O festival LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso enche a axenda coruñesa

Publicada o

Por Redacción

Norte Cinema Diverso chega este ano coa súa cuarta edición que se celebrará do 24 ao 27 de novembro na Filmoteca de Galicia e no Teatro Colón da Coruña. Un ciclo que achega á Coruña a creación audiovisual LGTBQ+ está organizada pola Asociación Palestra, coa colaboración de do Concello da Coruña, a Cinemateca Pedro Zerolo, a Academia Galega Audiovisual, e a aplicación Scruff.

ncd2026 prensa horizontal

A edición arrincará o martes 24 de novembro, ás 18.00 horas, na Filmoteca de Galicia. Baixo o título Off Galicia. Curtas galegas Norte Cinema Diverso, a sesión recuperará para a pantalla grande unha selección de curtametraxes galegas proxectadas nas tres primeiras edicións do certame.

A programación do Teatro Colón incluirá 16 producións, 5 delas galegas. “Serán 12 curtametraxes e 4 longas”, comenta Fernando Cayazzo, director do festival coruñés. “O certame quere achegar ao público a diversidade de experiencias do colectivo LGTBIQ+ e reivindicar o papel do cinema na conquista da igualdade real”.

A sesión Mulleres directoras galegas abrirá o certame o mércores 25 de novembro ás 21:00 horas con tres curtas e unha
longametraxe dirixidas por cineastas galegas. Lucinda Rey Escribano sitúa nunha vila costeira galega dos anos 80 a historia de amizade e descubrimento do desexo adolescente en Bolboretas. En Corre, Saamira Ganay imaxina unha Coruña distópica na que dúas mulleres agochan a súa relación para protexer a súa filla. Alba Domínguez Serén recupera en Delincuente a memoria da Maradona, líder dunha banda xuvenil do Vigo dos 80. A sesión pecharase con As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, que cruza durante tres días as vidas dunha muller de 50 anos en proceso de separación e dun mozo trans que encadea traballos precarios.

Da saúde sexual á loita por unha vivenda

O xoves 26 haberá dúas sesións. Ás 19:00 h, Camiños de pedra proxectará a curta Mi primera Comunión, de Ángel Villahermosa,
e o documental Chemsex, un viaje al interior, de Emman Demar.
A cinta aborda o consumo de drogas en contextos sexuais desde a experiencia das persoas implicadas e abre unha conversa sobre
saúde sexual e benestar.
Ás 21:00 h, Identidades nas marxes reunirá a animación portuguesa Pietra, de Cynthia Levitan, as curtas Algo novo que contar, da viguesa Paula Pereira, e Pez al agua, de Candida Massielle Asencio Doñe, ademais do documental Corren las liebres, de Lorena Ros. A súa protagonista é unha muller xitana trans que, tras saír do cárcere, loita por conservar unha vivenda e recuperar a custodia dos fillos.

Un encontro co público e unha clausura con Iván & Hadoum

O venres 27, ás 17:30 h, o festival reunirá o público con cineastas e artistas da edición para conversar sobre as películas e o seu proceso de creación.
Ás 19:00 h, Traxectos reunirá cinco curtas que abordan os vínculos familiares, a memoria, a despedida e o dó. A sesión
inclúe Carta ao Pai, Piedra, papel, tijera, Violetas, Dafne y Pol e Alwasiyya. Contará tamén cunha actuación en acústico do grupo Zavala.

A clausura comezará ás 21:00 h coa entrega do premio Trini Falcés á mellor curtametraxe e a proxección das curtas
recoñecidas polo xurado. A IV edición despedirase con Iván & Hadoum, unha longametraxe española de Ian de la Rosa na que se
mesturan o amor trans, a inmigración e o mundo do traballo.

ÚLTIMAS

O coruñés Daniel Agra regresa ao India Photo Fest con catro fotografías

O artista galego Daniel Agra presenta catro fotografías da súa serie Tesseract Daydreams no...

Agustín Fernández Mallo reedita ‘Nocilla dream’: “Algún día as máquinas farán novelas tan complexas como as nosas”

O escritor coruñés Agustín Fernández Mallo reeditou a súa novela 'Nocilla dream' (Alfagura) cando...

Avanzan as obras da zona de deportes de praia de San Pedro de Visma

Visita institucional esta mañá para ver como avanzan os traballos da nova zona de...

Avanzan os perparativas da Praza de Nadal en María Pita

Os negocios participantes na Praza de Nadal de María Pita visitaron este martes os...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here