A produtora coruñesa Melgo Cinema lanza o que presenta como “primeiro videoxogo dun Xacobeo”, co nome de “Camino Kaput” e que é “unha sátira sobre o turismo masivo”. O videoxogo vén acompañado dun documental interactivo que explica o desenvolvemento feito por un equipo galego das universidades da Coruña e Vigo.
Este mércores 25 de novembro, ambos serán presentados no auditorio do Museo das Peregrinacións con representantes das entidades subvencionadoras, que son a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. Os promotores destacan que “Camino Kaput” é “do estilo de ‘Plantas contra Zombies'” e explican que nel “se axuda a Santi, unha interpretación libre do apóstolo Santiago, a defenderse das ondas de turistas e peregrinos que invaden zonas de Galicia e do Camiño”.
“A historia aborda dun xeito simpático temas de actualidade como a turistificación, o dereito á vivenda, a relación coa contorna e a preservación da lingua galega. Estrutúrase nos niveis das catro estacións do ano con localizacións emblemáticas: as termas de Ribadavia, o Faro de Fisterra, a Praza do Obradoiro e a Praia das Catedrais”, explican.

