Inicio Blog Páxina 181

A Coruña leva a súa futura fachada marítima a Nova York

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, presentarán o vindeiro venres, día 21, en Nova York o proxecto para o deseño da fachada marítima coruñesa. ‘Coruña Marítima’ foi seleccionada para participar na Conferencia Mundial da Asociación Internacional Cidades e Portos “como exemplo de colaboración pública e de participación cidadá”, explican.

A conferencia, que se celebra en Nova York desde o 19 de novembro baixo o título ‘Portos, cidades, clima: cooperar para innovar e adaptarse’, abordará como as cidades portuarias están a responder aos retos globais como o cambio climático, a transición enerxética, a gobernación inclusiva ou a resiliencia urbana. A alcaldesa e o presidente da Autoridade Portuaria explicarán conxuntamente o modelo de gobernación de ‘Coruña Marítima’ como exemplo de colaboración institucional e darán a coñecer o proceso participativo que se desenvolveu na cidade de forma previa á licitación do Máster Plan que definirá o futuro desta zona.

Atropelado un mozo de 22 anos nun paso de peóns na Rolda de Outeiro

0

Un mozo resultou ferido leve cando cruzaba por un paso de peóns na Rolda de Outeiro, na Coruña, segundo informaron a Europa Press desde a Policía Local. O suceso produciuse ao redor das 14.50 horas cando o mozo, de 22 anos, foi alcanzado por un vehículo no momento que pasaba por un paso de peóns sen regular. Foi na incorporación desde Alfonso Molina, sentido entrada á cidade, precisaron desde a Policía Local. O mozo foi trasladado a un hospital con feridas leves.

Rescatan a unha muller nun hospital da Coruña tras quedar coa cabeza atrapada nun enreixado

0

Os bombeiros do parque da Coruña auxiliaron a unha muller maior que estaba ingresada no Hospital Abente e Lago da cidade herculina porque a súa cabeza quedara atrapada nun enreixado. De acordo co parte de incidencias do Concello, ao redor das 06.20 horas deste martes, día 18, persoal do centro hospitalario solicitou a presenza dos efectivos para liberala.

En concreto, tres bombeiros desprazáronse ata o lugar dos feitos nun furgón con “útiles varios” para prestar asistencia técnica ante esta situación. Segundo fontes sanitarias consultadas por Europa Press, a muller atópase “perfectamente” tras o sucedido. “Non tivo ningún tipo de lesión”, precisaron.

A cantareira berghantiñana Fransy González destapa o seu novo espectáculo no Colón

Ver como unha cantareira trascendendo e presentando o seu espectáculo en todo un Teatro Colón é toda unha alegría. A cantareira arteixá Fransy González presentaba en xaneiro o seu novo traballo “Manhe”, pero o seu impacto está sendo tal no mundo da música galega que a Depuración tivo a ben aprobar a súa posta de longo un espectáulo no que estará acompañada da Orquestra de Cámara Galega.

Así, a estrea será este domingo 23 de novembro no TeatroColón, e as últimas entradas para a actuación, que dará comezo ás 19.00 horas, continúan á venda a través de Ataquilla.

Fransy no Colon presentacion

“‘Manhe’ é unha homenaxe á raíz”,, explicaron na presentación na que o concelleiro de cultura Gonzalo Castro, o deputado provincial Xosé Lois Penas, o director artístico Pedro Lamas e o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba. “A proposta mestura emoción, elegancia e forza para ofrecer unha viaxe sonora polas músicas de tradición oral recollidas ao longo da vida da artista”.

Caamaño&Ameixeiras ao outro lado do Altántico

Caamano e Ameixeiras en Canada

Mentres, outras dúas das nosas artistas máis internacionais, Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño, o dúo @caamano_ameixeiras, están ao outro lado do océano.

Tras percorrer Europa (Austria, República Checa, Eslovaquia, Italia, Francia, Portugal, Açores, Países Baixos, Alemaña, Bélxica…), a laxense e a de Oza dos Ríos, andan por Canadá para tocar no Mundial de Montreal. A actuación terá lugar hoxe, martes 18 de novembro, no Cabaret Lion d’Or, dentro do showcase oficial de Sounds from Spain, e permitirá que o dúo presente o seu proxecto a programadores, axentes e profesionais de todo o continente.
“Un auténtico orgullo levar as nosas cancións a un escenario tan emblemático do outro lado do charco”, contan dened aló.

Máis novas

A cantareira arteixá Fransy lanza o seu novo proxecto en solitario

Sés quece o lanzamento do seu novo e honesto disco co sinxelo que lle dá nome: “Nadando na incerteza”

Colocada a cúpula do multiusos de Bastiagueiro tras unha espectacular operación cunha grúa especial

0

Tremenda a atención mediática que conlevou a instalación da cúpula do novo edificio público de Bastiagueiro. I é que foi unha operación complexa, que durou case 8 horas coa axuda dun guindastre de alta potencia para subir, pouco a pouco a estrutura de 750 toneladas.

O proceso continúa anclando a estrutura de 41,5 metros de diámetro á xa construída, que conforma, a base de grandes planos de formigón, o sistema de paredes e vidros que lle aportan ao edificio a súa característica forma de zigurat redondeado que desde o principio, segundo dixo o arquitecto, Fernando Martínez, buscou ter a maior integración paisaxística visual pese ás súas dimensións.

“Ten esa forma de pirámide que vai decrecendo coa altura para que deixe ver o bosque posterior; é un polígono con forma circular coa idea democrática que todo o mundo poida estar á mesma distancia do foco”. Son palabras do arquitecto, que resaltou o carácter verde do edificio, xa que desde dentro, cando o espectáculo o permita, poderase divisar o fondo vexetal da contorna, o que o convirte nun edificio moi especial, xa que este tipo de recintos solen ser pechados ao exterior.

Cupula ediicio Bastiagueiro

O edificio “colmea”

O edificio, non só será para espectáculos culturais, senón tamén para competicións deportivas, congresos e reunións de todo tipo, porque dispón de todas estas instalacións na planta baixa que o fan moi versátil.
Fixo tamén alusión ás gradas fixas e ás retráctiles, pero tamén aos boicots que sufriu a obra: “Este edificio íase construír hai máis de 20 anos, pero naquel momento o PSOE de Oleiros boicoteara a obra cando xa estaba en fase de concurso, polo que ademais de non poder iniciar a construción, houbo que indemnizar á empresa contratada”. “Un edificio que se chamará a colmea porque dentro traballa todo o mundo, cada persoa co seu cometido”, dixo o alcalde.

Co seu potencial de máis de 4.000 asentos, a existencia deste edificio de Bastiagueiro fará posible programar espectáculos, deportes, feiras e outros acontecementos aos que se vai adaptando o aforo.

Intervidos máis de 150 quilos de polbo no porto da Coruña

0

O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña levou a cabo a incautación de 151,80 quilogramos de polbo que estaba a ser transportado sen a documentación regulamentaria que garanta a súa trazabilidade e orixe legal.

A actuación produciuse durante un dispositivo de inspección na zona de saída do porto da Coruña. Os efectivos do Servizo Marítimo procederon a deter e inspeccionar unha furgoneta, que abandonaba as instalacións portuarias.

Na parte traseira do vehículo, os axentes atoparon tres capazos e dúas caixas, que contiñan un total de 151,80 quilogramos de polbo. Tras as comprobacións pertinentes, confirmouse que a mercadoría carecía de calquera dato de rastrexabilidade ou documentación que acreditase a súa orixe, pesada previa, ou o lugar de descarga.

Isto, explica a Garda Civil, constitúe unha infracción grave en materia de pesca. Como resultado da intervención, procedeuse á denuncia da condutora do vehículo, por unha infracción á Lei 11/2008 de Pesca de Galicia, especificamente polo transporte de especies pesqueiras sen a preceptiva pesada previa e a ausencia de documentación de rastrexabilidade.

A mercadoría incautada foi trasladada á Lonxa da Coruña para a súa pesada oficial, confirmando a cantidade final de 151,80 quilogramos. As dilixencias e a correspondente denuncia polas irregularidades documentais e de rastrexabilidade foron remitidas á Delegación Territorial da Consellería do Mar e a mercadoría destinouse ao Banco de Alimentos.

O Concello da Coruña reclama á Xunta un Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual e a Xunta analiza abrir máis centros

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reclamou á Xunta un Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual na cidade herculina, un recurso que existe noutras urbes galegas, segundo recalcou.

“Non é razoable que unha coruñesa que sofre unha agresión sexual teña que ser derivada a outra cidade nun momento de máximo impacto emocional”, expuxo.

Fíxoo durante a presentación da campaña polo 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller baixo a lema ‘Non hai escusas’ e centrada na violencia vicaria, na explotación sexual e na violencia dixital.

Rey confirmou que datos que apuntan a “un aumento dos delitos contra a liberdade sexual en Galicia, na provincia e na cidade da Coruña”.

En resposta, a Consellería Política Social  recordou que dende finais de 2024 están en funcionamento cinco centros de crises para a atención a vítimas de violencia sexual, un máis do que esixe a normativa. Na provincia da Coruña hai dous centros, un en Santiago e outro en Ferrol, integrados nas áreas hospitalarias correspondentes, que prestan atención presencial e telefónica a todas as mulleres galegas que o precisen.

A Consellería non descartou abrir máis puntos de atención no futuro.

Máis info

«Non hai escusas», o lema do programa de actividades do 25N herculino

Sísifo abre as portas da sociedade a base de calor

Levamos estas semanas falando dos cimentos da nosa sociedade, desas infraestruturas máis básicas do sistema de servizos sociais da Coruña. Temos falado do servizo de atención en rúa a persoas sen fogar, emais do centro de Baixa Esixencia de Labañou, dous servizos coordinados polo Equipo Municipal de Inclusión Social.

Un EMIS que basea a súa intervención no senfogarismo en clave de rede coas entidades sociais que forman parte do terceiro sector. E parte desa rede é o servizo de Sísifo, un punto calor-café que a Fundación Érguete-Integracíón ofrece no Barrio das Flores.

Este pasado venres, Sísifo celebrou unha xornada de portas abertas no marco da campaña de achegamento ao barrio da Rede de Unidades de Atención de Adiccións (UNAD). Toda a familia de Érguete recibía aos usuarios e usuarias que cada día se achegan para almorzar algo quente, para lavar a roupa, para pegarse unha ducha, para pedir axuda en citas administrativas ou sanitarias e, sobre todo, para ser escoitadas.

E a reposta das persoas usuarias foi fantástica, agradecendo a labor das profesionais de Érguete, degustando os bocatiñas e os riquiños e mesmo xogando a un divertido xogo coas traballadoras sociais da entidade.

Sisifo Erguete de celebracion
Lara, alumna en prácticas de Érguete, realizando un xogo coas persoas usuarias de Sísifo

Durante a xornada falamos con dúas mulleres que se achegan ao local da entidade, xa formalizado como espazo seguro para mulleres en exclusión social severa. Unha delas estivo en situación de rúa durante meses pero agora, que ten unha habitación e un precario traballo, segue achegándose a ver ás Sueli, Carolina e compañía para pedir asesoramento e charlar un pouco sobre os servizos sociais da cidade.
Outra das mulleres que se achegan á cita, leva un mes en situación de rúa, despois de sufrir o roubo de todas as súas pertenzas. Estas semanas non falla cada día ao calor das traballadoras da entidade, que coa súa profesionalidade, pero tamén co respecto e co agarimo necesario, lle axudan a afrontar os desafíos da vida sen teito, informándoa das posibilidades que lle ofrece a rede de servizos sociais da cidade, e acompañándoa nos periplos sanitarios e burocráticos. Ela non dubida un segundo en agradecer esa atención e ese cariño que supón un impulso para saír adiante.

Máis novas

O Centro de Baixa Esixencia de Labañou cumple un ano: “Un espazo de dignidade dentro da cidade”

Os Servizos Sociais da Coruña para as persoas sen fogar, un mar de segundas oportunidades

A Fundación Érguete-integración abre un espazo seguro para mulleres en exclusión social severa

Institucións Penitenciarias recoñeceu o papel da Fundación Érguete polo Día da Mercé

A Fundación Érguete, Agalure, AFACO e a Fundación Mulleres, os premios socias da Deputación

Rueda pide “seriedade” e “coherencia” á alcadesa da Coruña sobre a Facultade de Medicina

0

Continúa a ida e volta arredor da descentralización da carreira de Medicina. Hoxe a primeira hora era a alcaldesa da Coruña Inés Rey a que volvía defender a viabilidade dunha Facultade de Medicina herculina. Non tardou en responder o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pedindo “seriedade” e “coherencia” á rexedora, que calificaba a negativa a implantar este Grao fóra da capital galega como unha postura “arcaica” e que trata de manter “privilexios medievais”.

Preguntado polos xornalistas na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o titular do Executivo autonómico instou a Inés Rey a ser “coherente” ao falar das universidades privadas, lembrando que “hai pouco tempo amadriñou unha universidade privada na súa cidade”. “Un pouco de coherencia”, aseverou.

Neste contexto, Alfonso Rueda insistiu en que espera que o acordo selado entre as tres universidades sexa “bo para o tres” e para a Facultade que, reiterou, “ten que ser a de toda Galicia”. Un acordo polo que non haberá máis descentralización que a impartición de varias asignaturas nos campus da Coruña e de Vigo, o que de seguro provocará unha serie de dificultades para o alumnado.

Tamén dixo esperar que este acordo sexa “un exemplo” para outros pactos e que, na súa opinión, tamén dá “unha lección a posturas localistas que non ven máis aló e cre que calquera ocasión é boa para ter un mínimo de rédito electoral”. “O caso da alcaldesa da Coruña neste caso é evidente”, resolveu.

Máis novas

Inés Rey cuestiona á Xunta sobre a descentralización do Grao de Medicina e defende unha facultade en A Coruña

A Xunta acada unha paz temporal con Medicina: seguirá habendo só unha facultade en Santiago

O metrosidero de 200 anos do cuartel da Policía Local, ao concurso estatal da Árbore do Ano

No interior do cuartel da Policía Local de Orillamar gardan un fermoso tesouro. Ademais das centos de pertenzas atopadas que esperan aos seus donos no almacén de obxectos perdidos, o cuartel da Rúa Tui ten unha das árbores máis impresionantes da cidade: un metrosidero excelsa Gaertn de máis de 200 anos de vida.

Trátase, de feito, do exemplar máis antigo da cidade, que destaca polo seu valor natural, tendo en conta ademais que parece que a súa orixe é neozelandesa.

Pois esta xoia natural formará parte do certame “Árbore e Bosque do Ano en España 2026”, unha iniciativa, promovida pola ONG Bosques Sin Fronteras, que recoñece árbores senlleiras non só pola súa beleza ou tamaño, senón polas historias e vínculos humanos que representan.

A votación para escoller os exemplares gañadores estará aberta do 17 de novembro ao 17
de decembro a través da web oficial do certame: www.arbolybosquedelaño.es. Para que o
voto sexa válido é preciso introducir un correo electrónico e confirmalo.
A candidatura coruñesa poderá acceder ao certame europeo Tree of the Year, se resulta escollida na fase estatal.

A historia do metrosidero

Metrosidero da Policia Local da Coruna 2
O metrosidero da Coruña impresiona polas súas dimensións: 20 metros de altura, un perímetro de 8 metros no tronco e unha copa de 30 metros de diámetro. Desde hai anos forma parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (código 63A) e destaca tanto pola súa antigüidade como pola súa excepcional presenza no espazo urbano.
Ademais do seu valor natural, o exemplar conta cunha historia que lle engade atractivo e relevancia: diferentes estudos suxiren que esta árbore, de orixe neozelandesa, podería ter sido introducida en Galicia por mariñeiros españois no século XVI. Unha liña de investigación recollida no libro “Nova Zelandia, un puzle histórico”, do escritor e mariño Winston Cowie, propón que esta árbore podería ser unha peza clave para entender o papel da navegación española nas exploracións do Pacífico.

“Este metrosidero é moito máis ca unha árbore: é parte da memoria viva da cidade e un símbolo da conexión entre natureza, identidade e coñecemento. Presentar a súa candidatura é unha forma de poñer en valor o noso patrimonio e de proxectar A Coruña cara fóra cun relato único e cheo de significado. Animamos á veciñanza a participar na votación e a facer que esta árbore leve o nome da Coruña por toda España”, destacou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Máis novas

Nova política de “reverdecemento” da Coruña: 2.000 novas árbores en 2026 e case 160 antes de terminar este ano