Inicio Blog Páxina 523

Aqueles marabillosos oitentas

Fai uns días acudín á inauguración da exposición fotográfica “A invasión galega da movida madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola”, na fermosa Casa Museo Casares Quiroga, na tamén fermosa rúa Panaderas, dentro do ciclo Elas son artistas.

Espertoume o interese que a propia Marivi presentaría as súas fotos, e que Silvia Penide tocaría uns temas oitenteiros.

Sorte que fun porque descubrín a unha muller espontánea e chea de enerxía, na súa sesentena, co seu pelo vermello, que con entusiasmo e sen ancorarse na nostalxia (esa maldita!) foi explicando, a súa maneira chea de recordos e anécdotas e nada técnica, todas e cada unha das fotos da expo.

A primeira parte céntrase na sociedade do Madrid da época, ávida de cambio e renovación en tódolos eidos, incluido a cultura.

A segunda é un percorrido polos grupos e artistas da década: Mecano, Parálisis Permanente, Kortatu, Santiago Auserón, Antonio Vega, Alaska… e insignes visitas extranxeiras coma David Bowie, Nina Hagen, Andy Warhol ou Joe Strummer.

A terceira parte amósanos fotos do “eixe atlántico”, eses grupos, solistas e artistas galegos que recalaron na capital buscando o caldo de cultivo creativo que aínda non chegara, ou non con tanta intensidade, a esta esquina da península. Aí atopamos a Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Reixa, Siniestro Total, Germán Coppini ou Víctor Abundacia.

Chamoume a atención (quizás a vós tamén) o estado un pouco calamitoso dalgunhas fotografías, e Marivi explicou que se son os orixinais dos anos oitenta, e que cando o comisario lle pediu copias novas ela non podía nin moverse do sofá porque Madrid estaba inmersa nunha tremenda vaga de calor.

Tamén falou do entusiasmo e a naturalidade como características das súas fotos e do momento, e aí teño que recoñecer que me perdín un pouco nas miñas reflexións sobre esa perda de espontaneidade que nos acecha cando medramos e adquirimos sentidiño.

E tamén comecei a teletransportarme a uns anos puros e felices, a miña nenez, e recordeime cantando e bailando Marta tiene un marcapasos ante unha cámara de vídeo no traballo do meu pai (non todos tiñamos cámara na casa), desafinando coas miñas amigas no patio das Josefinas (agora edificio de oficinas) algunha canción de Mecano ou Pegamoides ou Os Resentidos (eramos eclécticas si),  berreando xa preadolescente “punky de postal punk de escaparate, moda punk en Galerías, muy punk!” (que boa!) de La Polla Records.

Espertoume das miñas ensoñacións a doce voz de Silvia Penide cunhas bonitas versión de “No mires a los ojos de la gente” e “Ni tú ni nadie”. Que mellor maneira de voltar á realidade, verdade?.

Así que xa sabedes, se queredes saltar no tempo e retroceder corenta anos, recordar (ou descobrir) aqueles marabillosos anos, a expo de Marivi agárdavos ata o 4 de outubro.bea alfonso

  • Beatriz Alfonso. Xurista, iogui en grao de tentativa e lectora apaixoada.

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

25 anos do cárcere de Teixeiro: Do castigo á reinserción

Este ano o cárcere de Teixeiro cumpre 25 anos e por ese motivo organizouse dende o centro unha serie de actividades que conmemoran a data na que se encadra esta exposición que se pode ver ata este próximo venres na Fundación Barrié.

É difícil formular a celebración da apertura dun cárcere, onde os mesmos termos se contradín (apertura – cárcere), pero si que o dota de sentido a perspectiva coa que se fixo: amosar a sociedade a importancia dos programas tratamentais, da reeducación, do sentido da reinserción.

E é que os centros penitenciarios construíronse baixo esta premisa, a de separar, illar ás persoas que cometeron delitos e afastar da sociedade dos seus propios erros. E agora, esta exposición o que pretende é achegalos un pouquiño, xa que tanto afastamento provocou que a sociedade eximirá as súas responsabilidades.

Por suposto que hai que poñer en valor o traballo de todo o persoal funciario, as entidades que traballan nos centros e a vontade e o esforzo de cambio das persoas que queren saír, pero a reinserción non é posible sen o papel activo da sociedade nela, porque é onde teñen que refacer as súas vidas e ser acollidos.

Internos do CIS visitando a exposición

Vanessa Casteleiro, a fotógrafa responsable das imaxes que se amosan, enriqueceu a nosa visita contando a súa experiencia realizando o traballo, o impacto que tivo sobre ela coñecer unha realidade que se mostra á sociedade a maioría das veces dunha maneira moi estereotipada e distorsionada. E é que hai tanto que contar e mostrar que a exposición só pode ser unha primeira iniciativa dun proxecto máis profundo e alongado no tempo.

O recorrido mostra fotografías de persoas en diferentes momentos das súas rutinas cumprindo condena onde se poden ver tamén diferentes espazos da prisión e traballos que fan, espazos cada vez máis humanizados e agradables, porque iso tamén axuda a que unha persoa estea mellor consigo mesma e o seu entorno, un traballo esecial na reinserción.

Nesta ocasión percorremos a exposición un grupo de persoas do Centro de Inserción social, acompañados pola fotógrafa e un eduador do C.P. Texeiro, César Barrios, quen foron as persoas responsables de guiarnos. Unha visita moi interesante polo cambio de perspectiva que supón para persoas persoas que cumpriron condena en Teixeiro, agora en semiliberdade.

Exposicion 25 anos Prision teixeiro

  • Rosaura Romo. Licenciada en Historia da Arte e traballadora do terceiro sector.

Artigos relacionados

Proxecto Polaroid: A arte de vivir ao instante

Fundación Érguete: “Ata que o sistema penintenciario non saia á rúa, non haberá unha reinserción real”

O PP da Coruña pide ao goberno local dialogar sobre os orzamentos e o desenvolvemento portuario

0

O portavoz municipal do PP na Coruña, Miguel Lorenzo, anunciou que entregará ao goberno municipal un documento con propostas para incluír no novo orzamento de 2024.

Fíxoo nunha rolda de prensa na que asegurou que a “falta de diálogo” no anterior mandado supuxo “que non presupuxese este ano, que non se execute o prorrogado, que non haxa investimentos e que non se pague en prazo aos provedores”. “Eu estou aberto ao diálogo”, sentenciou.

Gustaríame que este diálogo que di que vai abrir tras catro anos sen falar co PP, se estenda tamén a outros temas de cidade moi importantes que nestes momentos están bloqueados ou sen avances”, manifestou.

Entre eles, Lorenzo citou “o desenvolvemento dos terreos portuarios, o novo contrato de transporte público, a inseguridade cidadá ou o futuro da planta de Nostián”.

Respecto da planta de residuos, criticou que “a día de hoxe” o PP descoñeza se o goberno local solicitou a excepcionalidade do quinto colector. “A alcaldesa dixo que a súa implantación se trata dunha imposición legal, entendemos entón que esa excepcionalidade non vai ser concedida”, afirmou.

JABALÍES

Noutra orde de cousas, o portavoz popular instou á rexedora da Coruña, Inés Rey, a achegar “solucións” á camada de jabalíes que percorre o centro urbano desde hai días. “Xa sei que non ten a responsabilidade de que entren en cidade, pero desde o momento que teñen o seu tobo na cidade e están todos os días paseando pola cidade a responsabilidade de todo o que ocorra é da alcaldesa”, puntualizou.

“Se non é capaz de solucionar o problema debe deixarse axudar pola Xunta”, sinalou tras asegurar que a Administración galega “ofreceulle axuda e solucións en agosto, unhas gaiolas” que o goberno municipal, manifestou, rexeitou.

O xabarín como arma política

A continua presenza dos xabarínas pola cidade da Coruña, paseando tranquilamente por numerosos barrios como Oza, Os Castros, Gaiteira, Vioño, Eirís, Os Mallos, Marogrande, Castrillón, 4 Camiños, San Diego, Elviña, Parque de San Pedro… están creando unha seria preocupación entre a veciñanza, pero sobre todo unha ardua disputa política entre os grupos do PP e PSOE. O grupo municipal socialista, o grupo municipal popular e a Xunta, no canto de unir forzas para buscar unha solución (nada doada, por outro lado), están concentrados en botarse as culpas e evadir responsabilidades.

O luns era Miguel Lorenzo, o voceiro do PP, o que urxía ao goberno local “medidas para capturar os xabaríns que teñen a súa madriguera na cidade”. Onte era a alcaldes Inés Rey a que respondía derivándolle as reponsabilidades á Xunta, e esixíndolle ao Goberno galego que asuma as súas “competencias” no control destes animais “e que deixe de descargar a responsabilidade nos concellos”.

Hoxe volve ser Lorenzo o que saca o tema acusando á alcaldesa de “non deixarse axudar pola Xunta”, por non aceptar as gaiolas que lle ofrecía para capturalos. A Lorenzo, ademais non lle gustou nada a broma da rexedora de “empadronalos” porque considera que a situación pode ser “moi perigosa”. “O que máis me chama a atención de Inés Rey é a mensaxe de que non é a responsable dos xabarís”, sinalou Lorenzo. “Como non se responsabilizan se teñen a madriguera na Coruña e levan unha semana deambulando libremente pola cidade. A alcaldese é a responsable do que pasa na cidade”, destacou Lorenzo. Lorenzo remata cunha crúa ameaza: “Se algo pasa por mor dos xabarís, a responsabilidade é de Inés Rey por non actuar nin aceptar a axuda da Xunta”.

Renovación dos bancos e aparcabicis dos barrios da cidade

0

Concello da Coruña acometerá a renovación do mobiliario urbano nos barrios, onde se instalarán máis de 350 novos bancos e aparcabicis. A Xunta de Goberno local aprobou hoxe un investimento de 239.838 euros para a subministración de novos bancos de granito e madeira tratada, así como espazos para estacionar bicicletas, segundo informa.

Foi nunha reunión presidida pola alcaldesa, Inés Rey, na que se aprobou a adxudicación de tres lotes correspondentes ao contrato de subministración de mobiliario urbano destinado aos espazos públicos da cidade. Nas mesmas, inclúense partidas específicas para dotar os barrios de novos bancos de pedra, bancos de madeira e aparcabicis de aceiro inoxidable.

Noutra orde de cousas, o goberno municipal aprobou a actualización do manual de imaxe corporativa do Concello da Coruña. O mesmo determina a marca institucional, marca corporativa e símbolo corporativo, así como os seus deseños, presentes nos diversos canais de comunicación e interacción coa cidadanía. O manual adáptase á ordenanza reguladora do uso do galego no Concello, aprobada no pleno ordinario de xuño de 2021.

Inveravante factura 270 millóns en 2022, un 52 % máis, e o seu beneficio crece ata os 17,7 millóns

0

Inveravante, fundada en 2007 na Coruña, facturou 270 millóns de euros en 2022, un 52 % máis que o ano anterior. Ademais, o beneficio creceu ata os 17,7 millóns, un 60 % máis. Segundo adianta este mércores Economía Digital, o grupo que preside Felipa Jove rexistra estes resultados debido ao impulso da promoción inmobiliaria (a metade da cifra de negocio), unha corporación que tamén conta con segmentos en hoteis, produtos agroalimentarios selectos e enerxía.

O grupo dos herdeiros de Manuel Jove, falecido en 2020, conta coa filial Avantespacia Inmobiliara, que ingresou 117 millóns o pasado exercicio e obtivo un beneficio de 11,6 millóns. A peche de 2022 contaba con 25 promocións inmobiliarias en Aragón, Andalucía, Asturias, Canarias, Cataluña, Galicia, Madrid, Mallorca e Navarra. Así mesmo, Inveravante conta cun patrimonio neto de 1.364 millóns de euros a peche de 2022. As débedas a longo prazo do grupo descenderon de 285 a 268 millóns.

Convocada este xoves na Coruña unha concentración para pedir “xustiza” para o operario morto en 2022 na refinaría

0

A colectivo ‘Xustiza para Unai’ convocou para este xoves, día 14, e para o próximo 18 de setembro, senllas concentracións ante os xulgados da Coruña polo accidente ocorrido, en marzo de 2022, na refinaría coruñesa co resultado dun traballador falecido e outro ferido.

Ambas as concentracións convocáronas con motivo das declaracións previstas no Xulgado de Primeira Instancia número 6 da Coruña, segundo precisaron os convocantes. En concreto, sinalaron que este xoves serán representantes de Repsol e o día 18 os da empresa Nervión, para a que traballaban ambos os operarios.

En declaracións a Europa Press, a viúva do falecido, Lorena Dacosta, asegurou que asistirá a esta mobilización para pedir “xustiza e verdade” e que “se asuman responsabilidades”. “Ata o momento ninguén dixo é culpa nosa, ao contrario, o que dixeron é que foi culpa destes mozos”, lamentou, tras asegurar que a familia non solicita “nada económico”.

“Queremos que se diga que os culpables son Repsol ou Nervión“, recalcou. Ademais, engadiu que a súa intención non é chegar a un “acordo” xa que esperan que se celebre un xuízo polo sucedido.

INFORMES

Respecto dos resultados da comisión de investigación que indicaban que o sinistro se debeu a un “incumprimento” do protocolo de parada e a norma de permisos de traballo, por unha apertura “non autorizada” da tapa dunha tubaxe, que fixo que ambos os empregados inhalasen gas residual, Dacosta indicou que ese informe “non ten valor ningún”.

“O que vale é o da Inspección de Traballo que é demoledor, contra Repsol, sobre todo, e contra Nervión, e exculpa totalmente aos traballadores”, asegurou.

Na mesma liña, o membro da plataforma que convoca a mobilización, Paco Cela, criticou a versión da empresa de que se tratase dunha imprudencia dos traballadores. “Unai non era un novato, veu traballando regularmente en paradas”, afirmou.

“Concentrarémonos para esixir sobre todo verdade, xustiza e reparación, por esta orde”, manifestou en relación a unhas protestas convocadas ambos os días para as 9,00 horas. “O máis grave ao noso entender é que son accidentes plenamente evitables“.

ACCIDENTE

O accidente, ocorrido en marzo do ano pasado na refinaría coruñesa, provocou a morte dun traballador, Unai Martínez, e deixou ferido a outro, ambos os empregados da empresa auxiliar Nervión, que prestaba servizos no complexo industrial.

Respecto do sucedido, a comisión de investigación concluíu que “o permiso de traballo utilizado só autorizaba a tarefa de suavizado de pernos, pero non permitía a apertura de tapas, polo que se produciu unha apertura non autorizada dunha tubaxe de proceso”.

A XIV edición de Lúas de Outono ofrecerá un espectáculo de música, humor e poesía en honra ao escritor Manuel María

0

A XIV edición de Lúas de Outono ofrecerá o vindeiro martes día 19 un espectáculo de música, humor e poesía da man dos actores Quico Cadaval e María Barcala e o dúo musical Paraíso Canto, na Coruña, en honra á obra e figura de Manuel María.

Segundo informou a organización, celebrarase no Teatro Rosalía de Castro a partir das 20,30 horas. A entrada en gratuíta e é necesario reservar billete. Esta homenaxe anual, engade, comezará coa interpretación de María Barcala de versos da obra de Manuel María; continuará coa actuación de Paraíso Canto; e finalizará con Quico Cadaval, quen desenvolverá un espectáculo que mestura narración tradicional, épica escénica e cabaret literario.

Este ano, segundo detalla a organización, tamén será protagonista deste evento cultural a que foi compañeira do escritor durante 45 anos, Saleta, falecida hai un ano.

As novas posibilidades do Dépor

  • Xornada 3 – Dépor 0 – 0 CD Teruel
  • O Depor segue sen encaixar goles e segue sen marcar en Riazor.
  • Terceiro partido de Imanol Idiákez como adestrador do Depor en partido oficial (1V 2E 0D)

— —

Novo partido en Riazor onde o Dépor é o protagonista único do encontro. Foi quen levou o peso do xogo, quen tivo as ocasións máis claras, quen quedou con dez xogadores por unha acción propia de xuvenís, quen superou ao rival en todas as cifras do encontro e quen firmou o segundo empate contra un rival que, se presume, quedará na parte baixa da táboa. Nada novo nos partidos de Riazor no que vai de tempada e repítese o guión do ano pasado no peche dos rivais na súa área e durmir o encontro.

Pero, se hai algo destacable este ano no Dépor son as súas novas posibilidades de trocar esquema e xogadores segundo avance o encontro. Pero, por que? Porque o Depor trocou por completo o medio campo e o seu fronte de ataque no mercado. Trocou en número e trocou en perfís máis polivalentes. Chama a atención o cambio radical na sala de máquinas branquiazul onde Alex Bergantiños, Isi Gómez, Roberto Olabe e Rubén Díez deixaron paso a José Ángel Jurado, Salva Sevilla e Hugo Rama, mantendo só a súa posición Diego Villares. Menos xogadores nesa posición debido á nova forma de entender o xogo de Imanol Idiákez, quen apostará por catro xogadores de ataque con dous medios na contención.

Un Dépor máis inclinado cara adiante con extremos puros coma Yeremay, Mella, Davo e Pablo Valcarce, con dous media puntas como Berto Cayarga e Pablo Muñoz e dous dianteiros centros coma Lucas e Barbero. É dicir, o Depor pasa de ter cinco xogadores no ataque a ter oito opcións diferentes, mais xa veremos como este xogadores trocarán as súas posicións máis naturais. O Dépor queda configurado en dous grandes bloques de catro defensas e catro atacantes, unidos polos dous mediocentros. Agora so falta aliñar as novas posibilidades co obxectivo do ascenso para retornar onde nunca debemos marchar.

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

Critican as incongruencias da normativa de tenencia de animais

Continúan as críticas dos colectivos especializados trala recente aprobación da ordenanza de tenencia de animais. Se ben é certo que a ordenanza trata de regular unha importante demanda da veciñanza, en relación coa maior responsabilidade dos donos dos animais na hixiene e limpeza da cidade, grupos como “Somos Pet Friendly” ou empresas como “Más Cuidados” veñen de enviar diferentes comunicados sobre o seu cumprimento.

O estado da cala de Bens

A primeira queixa do grupo Somos Pet Friendly é sobre o lamentable estado da cala de Bens, a primeira praia canina da cidade. “A situación que a fai perigosa, tanto para as persoas como para animais”, en relación ao lixo acumulado no areal como o alto nivel de contaminación, a presenza do sumidoiro de augas residuais, o sumidoiro da refinería e o casa de bombas fecais que se concentra neste espazo. “Por unha cidade que di apostar polo medio ambiente, é de dubidosa veracidade que a cala de bens cumpren os requisitos mínimos necesarios para ambos os humanos en canto aos animais”, sinalan.

Como cumplir a normativa?

Tapa_contenedor_organico

O colectivo Somos Pet Friendly afonda na normativa aprobada, e se pregunta como é posible cumplila correctamente. “Se está prohibido o uso das papeleiras e os contedores orgánicos teñen horario restrinxido, que facemos coas bolsas de feces?”, pregúntase Mónica Cubeiro, directora de Somos Pet Friendly, que xa solicitou unha reunión urxente ao concelleiro e representantes da oposición para facilitar o cumprimento da ordenanza. “Necesitamos axuda e instrucións claras para cumprir e demostrar que é posible unha convivencia cívica e harmónica na nosa cidade, cun comportamento conforme á lexislación e normativa”, explican.

Nese sentido sonalan que “as zonas máis frecuentadas para pasear cans carecen de contedores de fácil acceso. Por exemplo, o paseo entre o hotel Riazor e a Torre de Hércules non ten un só contedor no propio paseo, supón cruzar á outra beirarrúa ou buscar en rúas perpendiculares”.

A entidade lembra que as cacas e os ouriños sen recoller nas rúas son dous dos puntos máis quentes de vivir con cans urbanos. Por iso, solicitan que “esta minoría que non recolle os excrementos dos seus cans sexa multada”. Malia que ao longo do ano duplicáronse as sancións por este feito, o colectivo lembra “un estudo publicado hai meses revelou que indica que A Coruña está entre as cidades que menos multaron por este motivo”. “É moi inxusto que, polo comportamento incívico dunha minoría, todas as persoas que viven con cans sexan demonizadas”, valoran.

Sobre a botella de auga para limpar os ouriños, e valorándoa como positiva, piden o mellor funcionamento das fontes, xa que “para os paseadores de cans, este cumprimento convértese nunha tarefa máis que complicada. Desde o hotel Riazor ata a Torre de Hércules só un traballa á altura dos surfistas e outro diante do cárcere.

Denuncia de Más Cuidados

8_8_23_Mas Cuidados

Paralelamente, s emrpesa Más Cuidados Multiservicios SLU vén de presentar unha querela contra miembros del Concello da Coruña por suposta prevaricación administrativa na adxudicación do contrato servizo de recollida e coidado de animais da cidade. A empresa presentou denuncia penal contra un concelleiro, unha empresaria e dous traballadores municipais por favorecer á empresa adxudicataria, Servigal, e solicita que se adopten medidas de investigación en relación cos procesados e ao propio premio.

Segundo a empresa, “dita adxudicación levouse a cabo en sesión extraordinaria e urxente da Xunta de
Goberno local o 26 de maio, dous días antes das eleccións municipais e dous días despois de que, tamén en sesión extraordinaria e urxente, a mesma Xunta acordase solicitar o preceptivo ditame do Consello Consultivo de Galicia por proposta de recoñecer a existencia dun desequilibrio económico derivado da entrada en vigor da Lei 4/2017, de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, recoñecendo o dereito do SERVIGAL a percibir a cantidade de 147.010 euros para o anos 2018, 2019, 2020 e 2021”.

MásCares tramitou esta denuncia ao entender que esta adxudicación “se debía a un plan preconcibido para favorecer ao SERVIGAL en detrimento do resto licitadores”.