Inicio Blog Páxina 645

Carta aberta ao novo goberno municipal sobre o tráfico de cruceiros no porto da Coruña

Xosé Manuel Barros (Mar de Fábula); Sabela Pérez (Ecoloxistas en Acción) e Antonio Garcia Allut (Fundación Lonxanet) asinan esta carta para reflexionar sobre como debemos  afrontar o tráfico marítimo dos megacruceiros.

Carta aberta ao novo goberno municipal sobre o tráfico de cruceiros no porto da Coruña

O novo goberno municipal, calquera que sexa o resultado das urnas o día 28, deberá exercer o seu role de garante da saúde cidadán e non poderá aceptar alegremente o tráfico de cruceiros no porto da Coruña tal como se potencia agora sen antes exercer un mínimo de reflexión crítica, como se está a facer noutros portos europeos, en canto as consecuencias da estancia destes megabarcos no centro da cidade, cos seus motores funcionando todo o tempo, emitindo sustancia tóxicas ao aire que respiramos.

Dos 150 cruceiros previstos que farán escala na Coruña durante o 2023, só un, o Aida Nova, utiliza  LNG, combustible baixo en emisións de SO2. Todos os demais cruceiros queiman nos seus motores fuel oil pesado, o combustible fósil máis barato e contaminante, Incluso, o  “Wonder of the Seas”, o cruceiro máis grande e moderno do mundo, botado en febreiro do ano 2022, que en calquera momento poderá asomar a súa proa polaTorre de Hercules, consume nos seus motores máis de 250 tons de fuel oil pesado ao día.

Co obxectivo de controlar a contaminación ambiental xerada pola flota mundial de barcos, a  Organización Marítima Internacional por medio do Convenio Marpol Anexo VI establece desde o 2005, data da súa entrada en vigor, os límites de emisión de óxido de xofre (SOx) e de óxido de nitróxeno (NOx) dos escapes dos barcos. Nos últimos anos esta lexislación tense feito máis restrictiva ata fixar o límite de emisións de SOx no 0,5 % desde o 1º xaneiro do 2020.

Cómo fan estos xigantescos barcos, verdadeiras cidades flotantes que poden chegar a transportar 9.000 persoas a bordo como o antes citado Wonder of the Seas, para se adaptar á lexilación vixente ? Teñen instalado “scrubbers” nas saídas dos gases, unha especie de filtros lavadores que utilizan auga doce ou auga do mar con aditivos químicos para limpar as emisións de gases de efecto invernadoiro como o SOx, NOx e as PM ( partículas de carbón en suspensión ).  O 80% dos cruceiros teñen instalados os filtros lavadores máis baratos, os chamados open loop scrubbers. Neste sistema os lodos xerados gárdanse a bordo para o seu tratamento en porto pero a auga de lavado descárgase no mar, transformando así o que era contaminación atmosférica en contaminación dos océanos.

Malia a instalación destes filtros lavadores, os cruceiros, unha vez atracados, siguen emitindo sustancias tóxicas ao aire como o demostra o traballo de Fin de Mestrado  “ Estudo da contaminación aérea no porto da Coruña no 2017” publicado no 2018 no Repositorio da Universidade da Coruña e que foi avaliado coa cualificación de sobresaínte por un tribunal da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña. Neste estudo concluíase que, das emisións totais dos barcos no porto da Coruña, as dos cruceiros, cun 13% do total de barcos, eran as máis altas de todos os tráficos, con 7.885 tons de gases tóxicos emitidos durante a súa estancia media de 8 horas nos peiraos situados no corazón da cidade.

Non podemos dar crédito á CLIA , asociación voceira das liñas de cruceiros cando aseguran que no futuro os seus barcos se moveran con enerxías limpas e ao mesmo tempo recoñecen unha débeda como sector de 75.000 millóns de dólares, consecuencia do parón da pandemia. O aforro de costes en toda a cadea de explotación deste negocio turístico vai ser o seu obxectivo prioritario para non ir á bancarrota. Por outra parte, qué credibilidade merece un sector que  arrastra un reiterado historial delictivo, ben documentado nos medios de comunicación, dos incumprimentos do Convenio Marpol da Organización Marítima Internacional ?

Fomentar a industria turística dos cruceiros vai en contra dos obxectivos da Axenda 2030 das

Nacións Unidas para o desenvolvemento sostible e das recomendacións do  IPCC, panel científico das Nacións Unidas para o Cambio Climático, que fixan necesario reducir un 50 % o uso de enerxías fósiles no 2030 para manter o quecemento global no límite do 1,5 ºC no 2050 para evitar os peores impactos do Cambio Climático. Con este pano de fondo de crise climática, esta industria turística de masas é absolutamente prescindible e máis cando a súa actividade desenvolvense nun medio tan fráxil e ameazado como son as augas costeiras dos océanos.

O goberno municipal da Coruña que resulte desta eleccións ten por diante unha importante tarefa  de coordinación coa  Autoridade Portuaria e diálogo coas asociacións veciñais a fin de priorizar a saúde cidadán e as recomendacións dos informes científicos  das Nacións Unidas sobre o máis que cuestionable retorno económico que estos xigantescos artefactos flotantes deixan na cidade.

  • Asinado por Xosé Manuel Barros (Mar de Fábula); Sabela Pérez (Ecoloxistas en Acción) e Antonio Garcia Allut (Fundación Lonxanet).

ARTIGOS RELACIONADOS

Deteñen a un home como autor da morte da octoxenaria de Monte Alto

Policía Nacional detivo á primeira hora deste martes a un sospeitoso pola morte dunha muller de idade avanzada cuxo cadáver, con signos de violencia, foi localizado o pasado 5 de maio no barrio de Monte Alto, na Coruña.

Os feitos ocorreron sobre as 20,00 horas. Unha chamada alertaba da localización dun cadáver nun piso do barrio de Monte Alto, que fontes próximas apuntaban a que podería ser o dunha muller de máis de 80 anos de idade que vivía soa.

Ata o lugar desprazáronse efectivos de emerxencias, así como axentes de Policía Nacional, que fixeron un recoñecemento da vivenda e dos accesos ao edificio. Tamén acudiu unha comitiva xudicial para ordenar o levantamento do cadáver.

Retencións na AP-9 ao seu paso por Culleredo tras precipitarse unha persoa desde un paso elevado

Unha persoa precipitouse este martes desde un paso elevado da autoestrada AP-9, ao seu paso polo municipio coruñés de Culleredo. En concreto, o suceso produciuse ás 11,40 horas no punto quilométrico 5, á altura da parroquia de Rutis.

Esta circunstancia provoca retencións de varios quilómetros en dirección saída da Coruña, cara a Santiago de Compostela, segundo confirmaron fontes consultadas por Europa Press. Foi un particular quen deu aviso a Emerxencias, que mobilizaron ata o lugar á Garda Civil de Tráfico, así como aos servizos sanitarios.

Dado de alta na UCI e trasladado a planta o mozo agredido no Ventorrillo

mozo agredido este domingo no barrio coruñés do Ventorrillo foi dado de alta na UCI e trasladado a planta no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) onde “evoluciona favorablemente”, segundo confirmou fontes hospitalarias.

Os feitos sucederon este domingo sobre as 21,30 horas, na rúa Mosteiro Bergondo. Ao lugar desprazáronse dotacións da Policía Nacional, que se atoparon a un home que sangraba e presentaba lesións cortantes.

Fontes consultadas por Europa Press aseguraron tamén que na zona onde se produciu o suceso había sangue, aínda que non puideron confirmar se a agresión fora cunha arma branca. Polo momento non hai ningún detido relacionado co caso e as forzas da orde tratan de esclarecer as causas.

A CIG denuncia a provisión de postos no Concello da Coruña

A sección sindical da CIG denunciou a provisión de postos no Concello da Coruña e presentou escrito ante Fiscalía “para que investigue toda unha serie de actuacións feitas polo goberno municipal”.

Así o informa nun comunicado no que asegura que a representación sindical entregou ao fiscal xefe da Coruña un dossier no que se describen “toda unha serie de situacións” que cualifica de “irregulares” nos nomeamentos e motivacións das comisións de servizo.

Ademais, engade que a decisión de acudir á Fiscalía adóptase tras denuncias no contencioso-administrativo e reclamar ao consistorio “de maneira infrutuosa o cumprimento da legalidade en materia de cobertura de postos”.

Reclaman persoal para o xulgado que atende os casos de violencia de xénero na Coruña

O Sindicato de Traballadores e Traballadoras da Administración de Xustiza (STAJ) reclamou persoal para o xulgado que atende casos de violencia de xénero na Coruña, o Penal número 6.

Segundo informan, trátase dun xulgado composto por oito funcionarios, ademais de aludir á marcha dun funcionrio do corpo de auxiliar xudicial en comisión de servizos a outro xulgado, “estando a día de hoxe a praza sen cubrir”.

Por outra banda, o sindicato incide en que a principal función dos funcionarios destinados ao Xulgado do Penal número 2 é a tramitación de dilixencias penais e civís relacionadas con asuntos de violencia de xénero.

Ademais, indica que, para atender a demanda, lle letrada xudicial solicitou “prolongacións de xornada para a oficina, así como persoal de reforzo, concedéndose unicamente unha prolongación de xornada a unha funcionaria”.

Por todo iso, pide que se cubran as “necesidades inmediatas” do Xulgado do Penal número 6 da Coruña ante “a carga de traballo” existente.

Bergondo acolle un encontro de fiscais presidido polo fiscal xeral do Estado

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, preside este luns e o martes a reunión das xefaturas de Área das fiscalías de España no Pazo de Mariñán, en Bergondo, un encontro no que se aborda a unidade de actuación.

Segundo informa Fiscalía, o encontro é o primeiro que fai o fiscal xeral cos e os fiscais xefes e xefas de Área, tras as reunións celebradas con fiscais superiores (tamén en Mariñán) e fiscais xefes provinciais (en Salamanca).

A xunta inaugurouse este luns por parte do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, e nel abórdanse cuestións vinculadas a esta estrutura do Ministerio Fiscal de cara a adaptarse ás particularidades territoriais.

Na reunión, profundarán nos criterios que en diferentes ámbitos conforman o principio de unidade de actuación do Ministerio Fiscal. Por exemplo, indica Fiscalía, entre territorios coa aplicación da circular de dilixencias de investigación ou cos órganos centrais como son a Inspección, a Secretaría Técnica e a Unidade de apoio, cuxos fiscais de Sala tamén se desprazaron a Mariñán.

A Deputación da Coruña achega máis dun millón de euros a un total de 130 clubs deportivos provinciais

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publicou este luns a resolución provisional de subvencións a 130 clubs deportivos, que en total recibirán 1.011.742 euros por parte da Deputación. A maiores hai outros seis que, se presentan a documentación que se lles require, recibirán outros 60.000 euros.

Segundo informa a institución provincial, trátase dun programa para financiar os gastos derivados da participación en competicións oficiais federadas a nivel nacional e internacional. As achegas oscilan entre os 2.000 e os 6.550 euros e engloban modalidades deportivas variadas, tanto en categorías femininas como masculinas.

A responsable de Deportes da Deputación, Cristina Capeláns, destacou a importancia desta liña “para seguir impulsando aos nosos deportistas nas diferentes competicións” e “colaborando no seu progreso deportivo e promocionando o deporte coruñés en toda España e fóra das nosas fronteiras”.

Por outra banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou este luns co alcalde de Sobrado dos Monxes, Lisardo Santos, o convenio de colaboración para cofinanciar as obras de mellora do asfalto en oito camiños e pistas do municipio. O orzamento total da actuación ascende a 239.994 euros, dos que o goberno provincial achegará 191.995, o 80 por cento.

Atopada no Orzán unha ave con gripe aviaria

Galicia suma un total de 31 casos de gripe aviaria en aves silvestres (principalmente gaivotas e mascatos) tras un novo exemplar detectado na praia coruñesa do Orzán. En concreto, trátase dunha palleira parasitaria -págalo parásito, en castelán, e Stercorarius parasiticus, como nóme científico-, atopado con sintomatoloxía e que morreu pouco despois.

Esta ave foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, analizada en laboratorio e eliminouse o seu cadáver posteriormente. A Consellería de Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección deste caso confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

O primeiro caso detectado en Galicia de gripe aviaria en aves silvestres produciuse en agosto de 2022, segundo os datos ofrecidos por Medio Rural. No que vai de 2023 van media ducia de positivos nesta enfermidade –os outros cinco foron gaivotas–, cuxo último caso se detectou o pasado febreiro. A nivel estatal, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas.

A palleira parasitaria é unha ave mariña que habita o norte de Europa, Asia e Norteamérica, con grandes poboacións en Escocia e illas como Orcadas ou Shetland. Pasa os invernos nos mares tropicais e océanos do sur do planeta. Durante outono e primavera realiza migracións, polo que actualmente pasa fronte ás costas galegas na súa viaxe cara ao norte. Cabe destacar que en Galicia non se reproduce nin aniña, polo que case non toca terra fóra de exemplares enfermos ou moi debilitados. “Por este motivo, é improbable o contacto coa fauna silvestre e doméstica autóctona”, subliña a Xunta.

De feito, o Goberno galego asegura que a notificación deste foco “non vai afectar á valoración favorable do risco respecto da influenza aviaria que recentemente realizou o Ministerio de Agricultura”, o que levou ao levantamento de diversas prohibicións en determinados concellos, manténdose unicamente en Galicia certas medidas nos municipios que pertencen á Zona de Especial Risco.

A área da Coruña é unha das de maior renda de España

0

Santiago de Compostela conta cunha taxa de paro do 9,2% en 2022, o que a sitúa no top 15 de cidades españolas con menor desemprego, unha clasificación que encabeza Sant Cugat del Vallés, en Barcelona (5,2%).

Este é un dos datos que arroxa o informe Indicadores Urbanos 2023, publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este luns, no que tamén se observa que a área da Coruña é unha das de maior renda no país, con 13.990 euros, co que ocupa o décimo posto. Este ‘ranking’ está encabezado pola área de San Sebastián (16.836 euros).

Mentres, as cidades de Lugo, Pontevedra e Vigo atópanse entre as 15 con menor número medio de fillos por muller, con só un. O peor dato é o de San Cristóbal de la Laguna (0,81).

Na estatística obsérvanse máis cidades galegas entre os principais postos de diferentes clasificacións. Así, Ferrol é a cidade con peor taxa de actividade no Estado, cun 50,1%, e Ourense ocupa o 13º peor posto (52,4%).

De novo Ferrol é a de maior idade mediana, con 51,6 anos, seis anos máis que a mediana española (45,1 anos), e só Avilés pasa tamén dos 51 anos. Este indicador mostra a idade exacta que divide á distribución por idades da poboación residente deixando o mesmo número de persoas por baixo e por encima dela.

Igualmente, Ferrol sitúase entre as 15 cidades españolas con menor proporción de estranxeiros, xa que só supoñen o 3,5% do total. A taxa media en España é do 11,7%. No outro extremo atópase Torrevieja (40,7%). Pola súa banda, pódese atopar á área de Vigo como a oitava do país con maior proporción da industria (18,7%) e como a 12º con menor proporción de emprego nos servizos (o 72,8%).