Inicio Blog Páxina 659

Contando as horas para a noite máxica de San Xoán

Xa non queda nada. A falla deportivista, con Lucas, Arsenio e o mesmísimo Picasso comandando a nave á deriva na que se convertido o Dépor, xa está lista sobre a area Riazor.

Lucas, Arsenio e Picasso na falla de Riazor

Xa case que arrecende a sardiña (que ten bo prezo no Mercados este ano) ou a churrasco, como se destila ultimamente polo centro da cidade. Xa a rapazada afronta a parcelaria para reservar sitio, e apesar das reflexións de Tito Pérez sobre aquel San Xoán que nunca volverá, agardamos con nervios a chegada da noite máis máxica do ano. Esa na que sempre pasa algo inesperado, algo místico, mentres conversamos arredor do lume.
Dan bo tempo, ademais, o que evita esa habitual incerteza que envolve os días previos á festa.

Unha festa que espera a chegada de preto de 150.000 persoas, é dicir, máis da metade dos coruñeses botados á contorna do paseo. E para que non pase nada, haberá un completo dispositivo de seguridade, con máis de 650 efectivos. Xa sabedes que o paseo estará cortado dende as 19:00h, e que o baño estará prohibido desde as 22:00. E que a partir das 6:00h, haberá que recoller o telderete para deixar paso aos efectivos de limpeza, que tratarán de evitar esas incómodas instantáneas da falta de compromiso medioambiental das novas xeracións.

Unha vez teñamos listas as 7 herbas do San Xoán, preparadas no caldeiro con auga para lavar a cara na mañá do sábado 24 e espantar as meigas que queidaron por aí, podemos xa ir pensando o plan, botando un ollo á a programación completa de toda a semana. De feito, para a noite do venres haberá concertos en Riazor, con The Txandals ás 22:15, e de Celtas Cortos ás 0:15h, xusto despois de que as 23:50 comecen os fogos de artificio.

Máis novas do San Xoán

Denuncian un veciño da Coruña por exceso de velocidade, condución neglixente e positivo en drogas

0

A Garda Civil de Pontevedra denunciou ao condutor dun vehículo, un veciño da Coruña, por exceso de velocidade, por dar positivo indiciario en drogas e condución neglixente en Vilaboa.

Segundo informou o corpo, os feitos sucederon o pasado 21 de xuño cando unha patrulla que prestaba servizo na autoestrada AP-9, na zona da peaxe de Vilaboa en sentido A Coruña, con motivo dun control de velocidade deu o alto a un vehículo deportivo que fose detectado polo radar.

O condutor foi captado a unha velocidade de 170 quilómetros por hora, nunha zona limitada a 120. Ademais, outra patrulla que estaba no control observou como o condutor circulaba dunha “forma neglixente que levaba a unha situación de risco ou perigo”.

O infractor foi sometido ás probas de detección de drogas nas que arroxou un resultado positivo indiciario en drogas, polo que lle abriron o expediente de denuncia correspondente que leva unha sanción de 1.000 euros e a detracción de seis puntos do seu permiso de condución, en caso de ser confirmado polo laboratorio.

Ademais, os axentes procederon a realizar dous expedientes de denuncia máis. Un deles por conducir por encima dos límites de velocidade establecidos, que leva unha sanción de 300 euros e a detracción de dous puntos do permiso de conducir, e outro por conducir de forma neglixente que leva unha multa de 200 euros.

A praza de San Cristovo convertirase este domingo nun mercado ecolóxico

0

A praza de San Cristovo, ao carón da estación de trens, convertirase nun mercado ecolóxico no marco do programa de Mercados de Compra Sustentable, que percorren os barrios da cidade.

O mercado estará aberto o domingo de 10.00 a 15.00 horas, cunha variada oferta de produtos sostibles, a granel, residuo cero e de proximidade. Tamén haberá unha programación de actividades orientada á infancia, cun espazo de dinamización infantil e de intercambio de xoguetes. De 11.30 a 12.30 horas celebrarase un obradoiro infantil de máscaras. Por último, ás 13.00 horas actuará Félix Arias, cun concerto infantil orientado a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Programa

Deste xeito, o primeiro e terceiro domingo se situará no Campo da Leña, como é habitual; o segundo estará na praza da Tolerancia, en Labañou; e o cuarto rotará por diferentes barrios, sendo Novo Mesoiro o primeiro e a praza de San Cristovo, na contorna dos Mallos a segunda parada.

Poden informarse en @mercaecocoruna.

O reitor da UDC recibe ao alumnado da Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas de Daca, en Bangladesh

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xullo Abalde, recibiu a un grupo de estudantes da Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas da Universidade de Daca, en Bangladesh.

Ao acto, celebrado este venres no Reitorado da UDC, asistiu tamén a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da UDC, Pilar García de la Torre; así como membros da Cátedra, a súa directora, María José Martínez, o seu subdirector, Evaristo Zas, e a súa coordinadora en Daca, Amparo Porta.

Segundo informa a UDC, o grupo de estudantes está formado por seis alumnos –tres mulleres e tres homes– que obtiveron os mellores resultados nos diplomas DELE, títulos oficiais acreditativos do grao de dominio do español que outorga o Instituto Cervantes en nome do Ministerio de Educación e Formación Profesional de España e para os que a Cátedra está habilitada como “único centro oficial de exames do país”.

A Cátedra de Inditex de Lingua e Cultura Españolas, engade, é o resultado do convenio asinado Inditex e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Daca. “O obxectivo destes estudos é a promoción da lingua e a cultura españolas en Bangladesh a través de diversas actividades académicas e de difusión cultural”, conclúe o organismo.

O Mercado Templario do Burgo de Faro quece motores

0

Queda menos para a celebración do Mercado Templario do Burgo de Faro, que engalará a vila de Culleredo do xoves 29 de xuño ata o domingo 2 de xullo. Unha festa organizada polo Concello, xa consolidada como elemento dinamizador do municipio atraendo a milleiros de persoas.

Situarase, como é habitual, no paseo do Burgo, nas inmediacións da ponte. O espazo recibirá personaxes e contará con actividades da idade medieval, en conmemoración da época histórica na que a vila foi un referente.

Programa


A inauguración será o xoves ás 17.00 horas, e ás 20.30 horas terá lugar a inauguración oficial. Cada día haberá numerosos espectáculos, segundo a programación da organización: pasacalles, espectáculos de lume, batucadas, humor, e personaxes como zancos, seres mitolóxicos, ou bufóns, entre outras moitas propostas.

Os postos serán variados, dende artesanía ata gastronomía. Para os nenos e nenas haberá cada día un espazo aberto para xogos infantís, obradoiros e atraccións ecolóxicas. E a música será un son común no Mercado.

O_Burgo_Mercado_templario_2023

A Gala do Fútbol da Costa – QPC e a final da #CopadaCosta, a envexa do fútbol modesto galego

0

Cando a xente do Fútbol da Costa conta por aí que teñen álbumes de cromos, un carrusel tecnolóxico cos goles en directo, que hai 2 radios, 3 periódicos de papel, non sei cantos dixitais, fotógrafos especializados en promocionalo nas redes seguindo a actualidade, unha Gala de premios, unha final de Copa con 2.500 persoas no campo, ata unha tele chegaron a ter... a xente non o cre.

Porque o Fútbol da Costa engloba 34 clubs da Costa da Morte que compiten nas categorías Preferente, 1ª Galicia, 2ª Galicia e 3ª Galicia, é dicir, as “peores ligas federadas do mundo”, as categorías federadas máis baixas do fútbol amateur Preferente. Máis abaixo non se pode caer.

Pero o Fútbol da Costa é un sentimento, unha paixón. Un axente con vida propia, que como sempre din dende o xornal Quepasanacosta, “trascende o deporte para convertirse nun elemento vertebrador de toda unha dispersa comarca como é a Costa da Morte”.

Esta é a fin de semana máis importante do ano para o Fútbol costeiro. A fin de semana na que se despide a temporada con dúas citas moi especiais, que serven para que a xente se poña cara, para que un de Malpica e un de Muros se vexan, se coñezan, se respecten.

A VIII Gala do Fútbol da Costa – QPC

Publico na Gala do Futbol da COsta 2022 en Malpica
O público adoita encher os auditorios, como o do Centro Cívico de Malpica na Gala do ano pasado celebrada en Malpica

Dende 2014 leva o diario Quepasanacosta realizando estes “Óscars do Fútbol da Costa”. Ao máis puro estilo #BalóndeOuro, e cun completo sistema de votacións nos que participan unhas 80 persoas vinculadas co fútbol (adestradores, capitáns, directivos, xornalistas…), escollen os mellores do ano tanto do fútbol masculino como do FUTFEM. Os Nominados e nominadas pasarán unha noite de San Xoán chea de nervios para ver se poden levar para o seu salón un dos prezados trofeos, xa convertidos en elementos fetiche da comarca: o balón da Olería de Buño feito polas artesás de Feituras.

Este 2023, a VIII edición celébrase o sábado en Corcubión, como homenaxe aos 50 anos do club local.

Balons da Oleria de Buno da Gala do Futbol da Costa
Balóns da Olería de Buño da Gala do Fútbol da Costa

A FINAL DA COPA, A GRAN FESTA

O domingo é hora da doble final da Copa da Costa na Fontenla, en Santa Comba. Pola mañá, ás 12:00h, U.C. Cee e Bergantiños F.C. buscarán alzarse co título da 3ª edición da Copa feminina. Espéranse centos de persoas arroupando a un #FUTFEM que está crecendo de xeito exponencial nestes ano, contando xa con 10 equipos en competición

Pola tarde, a partir das 16:30h, o campo irase enchendo de afeccionados que non queren perder o seu asento na gran festa do fútbol costeiro. Ás 18:00h arrincará o choque entre SD Sofán e CD Baio, ante a presenza dunhas 2.500 persoas, e numerosos medios, incluídos a retransmisión en directo pola Radio Nordés e pola TVG.

 

 

 

O presidente da Deputación da Coruña espera repetir acordo con BNG

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mostrouse este xoves convencido de volver alcanzar un acordo co BNG para repetir coalición na institución provincial, cuxa constitución estima para o 18 de xullo.

A preguntas dos medios tras un acto na Coruña, González Formoso explicou que este mesmo xoves realizarase un “primeiro paso” de cara á constitución do novo goberno provincial, coa votación dos partidos xudiciais, con excepción do do Barbanza.

“A partir de aí, iniciaremos conversacións co socio de goberno habitual, o BNG, e seguro que chegaremos a un acordo para constituír un goberno outra vez estable e que teña como obxectivo claro facer avanzar unha provincia que é o motor económico, social e cultural de Galicia”, dixo Formoso. Así marcou como retos da institución que “ese motor siga funcionando” dentro “dun proceso de modernización” da súa estrutura interna e “dos obxectivos cara a fóra“, en campos estratéxicos como os investimentos, o apoio ao tecido produtivo e a aposta polo “tecido creativo” e do coñecemento.

En canto aos prazos, estimou que, segundo os seus cálculos, a constitución podería ser o 18 de xullo, aínda que a data “aínda non está pechada“.

Pola súa banda, no mesmo acto, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, considerou unha “boa noticia” que vaia a haber de novo “un goberno progresista” na Deputación da Coruña e eloxiou a figura de Valentín González Formoso, “que é un magnífico presidente” e que “apoia, como ten que facer unha institución provincial, a todos os concellos” con “independencia de quen goberna” o municipio.

 

Aproveita… que aínda atopas sardiñas a bo prezo

O quilo de sardiña alcanza un prezo duns 8 euros o quilo nas pescaderías da Praza de Lugo, na Coruña, na mañá deste xoves, o día antes da noite de San Xoán. En declaracións a Europa Press, o responsable de Mariscos Abad, Gonzalo Abad, explica que nesta xornada os prezos son máis ou menos similares a hai un ano, pero prevese que para o venres o quilo suba a entre os 10 e 15 euros.

Tamén na Coruña, Teri Ceán sinala que na súa pescadería a sardiña atópase a entre 7 e 8 euros, mentres que a de tamaño pequeno que “é case ‘parrocha” está a 6 euros. De cara ao 23 de xuño non cre que se vaia “moito máis alá de 10 euros o quilo”.

Igualmente, Alfredo, de Sondomar, confirma o prezo duns 8 euros a 24 horas da noite grande de consumo de sardiña en Galicia, á espera dunha subida o venres. Mentres, en supermercados e grandes áreas comerciais de Galicia o quilo de sardiña podíase atopar a 3,95 euros este 22 de xuño.

UNS 4 EUROS EN LONXA

Pola súa banda, o secretario da asociación de cerqueiros Acerga, Alberto Castro, explica que estes días aumentou o prezo coa aproximación do San Xoán e alcanzáronse os 4 euros o quilo en lonxa este xoves. No entanto, “o que abunda moito é o medianiño”, unha sardiña máis pequena, ao redor dos 0,70 euros por quilo.

Castro lembra que este ano hai un aumento de cantidade ao crecer a cota respecto ao ano anterior, o que levou a unha baixada de prezos durante a campaña, aínda que “esta semana está máis ou menos ao mesmo prezo que o ano pasado”. Apunta que haberá unha subida para a última xornada “en función da demanda”.

Abertos os prazos de inscricións para os obradoiros de verán no Castelo de San Antón e o Castro de Elviña

0

Xa está aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de verán do Castelo de San Antón e do Castro de Elviña.
As actividades, que se levarán a cabo entre o 1 de xullo e o 26 de agosto, sempre os sábados e en horario de mañá, están deseñadas para as nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos, permitindo que os máis pequenos se acheguen ao patrimonio e historia do castelo e o castro, implicando a rapazada en talleres de carácter artístico e lúdico.

Cada unha das actividades terá unha duración de hora e media, e disporanse un máximo de 20 prazas por obradoiro. A inscrición previa está habilitada desde hoxe, e a asignación de prazas disporase por orde de chamada ao número de teléfono 981 189 850 (en horario de martes a sábado, de 10.00 a 20.00 horas).

Calendario

O calendario de obradoiros, categorizado por instalación e datas, é o seguinte:

Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón (sempre ás 12.00 horas)

● Sábado 1 de xullo: Mosaicos: pisando arte. Durante a xornada, a rapazada descubrirá de primeira man a arte dos mosaicos, aprendendo as diferentes técnicas para a súa produción e, xa para rematar, cada participante traballará na creación do seu propio mosaico xeométrico.
● Sábado 15 de xullo: Oleiros en San Antón. A cerámica foi un dos grandes avances da prehistoria. Tras coñecer os restos conservados no museo, falarase da decoración e formas para, posteriormente, crear potes castrexos.

● Sábado 22 de xullo: Tecendo na prehistoria. A rapazada achegarase á moda prehistórica e traballará, utilizando un tear, en pulseiras de la.

● Sábado 29 de xullo: Heraldicart. As e os participantes coñecerán polo miúdo o detalle do escudo da Coruña e as súas lendas. Ademais, as e os pequenos
elaborarán e crearán o seu propio escudo heráldico.

● Sábado 12 de agosto: A luz da lucerna. A actividade fala das orixes do lume e a evolución das técnicas para a súa produción. Experimentarase con moldes e arxila para fabricar unha lucerna romana.

● Sábado 19 de agosto: O cofre perdido. Xogo de aventuras no que a rapazada “asaltará” o Castelo para atopar un tesouro perdido. Desta forma, as e os pequenos descubrirán os lugares máis simbólicos da fortaleza.

● Sábado 26 de agosto: Rock Art. As nenas e nenos coñecerán polo miúdo os petróglifos, e traballarán na creación do seu propio.

Castro de Elviña (sempre ás 11.30 horas)

● Sábado 8 de xullo: O tesouro de Elviña. Mediante un xogo de pistas, a rapazada descubrirá o Castro poñéndose na pel do pobo ártabro e, a través de réplicas arqueolóxicas, achegarse á vida na Idade do Ferro.

● Sábado 5 de agosto: Arqueólogos en Elviña. A través dunha escavación simulada, a rapazada coñecerá o traballos das arqueólogas e arqueólogos. Haberá un
percorrido polo xacemento.

Licitadas as obras para a primeira peza do novo CHUAC por 35 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou este xoves a licitación das obras da torre polivalente do novo hospital público da Coruña, que suporán un investimento de case 35,2 millóns de euros.

Esta actuación é a primeira peza do novo complexo hospitalario, que se construirá na parcela sen edificar situada á beira do actual hospital e servirá de nexo entre as actuais instalacións e as novas.

O contrato autorizado este xoves consiste na execución da torre e a previsión de acometer a pasarela, unha vez que se aprobe o proxecto de interese autonómico, previsiblemente a finais de ano (actualmente en tramitación administrativa).

O novo edificio contará cunha superficie de máis de 12.600 metros cadrados en 16 plantas, catro delas baixo rasante, e acollerá áreas de administración, xestión sanitaria, laboratorios, ‘hotel de enfermos’, novo servizo de informática, etc.

O prazo de execución é de 18 meses e disporanse dous accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para usuarios do ‘hotel’ de pacientes e persoal administrativo, e outra para persoal sanitario. A Xunta tamén prevé licitar “en breve” o contrato de concurso e obra dos accesos, que suporán un investimento estimado de mñas de 25 millóns de euros.

ESTRATEXIA DE ECONOMÍA CIRCULAR DO SERGAS

Por outra banda, o Consello tamén aprobou a Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que ten como obxectivo “buscar iniciativas innovadoras que resolvan o impacto que a actividade continuada do Sergas causa ao ambiente”.

A administración autonómica sinalou que o documento ten o propósito de asegurar “a sustentabilidade” do sistema sanitario coa vista posta nunha contorna saudable e equilibrada.

Ademais, a aplicación da economía circular permite aforrar custos, unha maior eficiencia, redución de impacto e de emisións de dióxido de carbono equivalente, entre outras melloras. A estratexia ten un horizonte fixado no 2030 e será “a principal ferramenta para impulsar o cambio dun modelo lineal cara a un circular”.

A Estratexia recolle cinco eixos de actuación: recursos e materias primas, residuos e pegada ambiental, ecodiseño de procesos, I+D+i responsable, e comportamento social.