Inicio Blog Páxina 707

O PPdeG lánzase á conquista da Deputación da Coruña

0

O PPdeG comezou este 2023 coa firme intención de recuperar poder municipal e provincial. Os populares son o único partido galego que teñen xa presentado públicamente os candidatos aos 313 concellos e este domingo escenificaba xa o comenzo desta longa campaña electoral que durará case todo o ano, primeiro coas municipais en maio e probablemente en outubro ou novembro as xerais ao Estado. Un acto ao que acudía o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

E é que tanto o actual presidente galego como o anterior xóganse moito nestes comicios locais. O primeiro, para tentar superar as cifras de hai catro anos e gañar deputacións e grandes concellos co obxectivo posto nas autonómicas e o segundo porque quere vender en Madrid o éxito da súa xestión nestes últimos anos de cara a cita electoral de final de ano.

E cal é o gran obxectivo do PPdeG para os comicios locais?. Todas as fontes consultadas por Galicia Confidencial coinciden no mesmo: gañar dúas novas deputacións para poder gobernar en tres das catro e acadar as alcaldías de Lugo, Ferrol e Ourense, ademais de aumentar o número de concellos nos que gobernan actualmente.

ESTRATEXIA DE CATRO NIVEIS

Un documento ao que tivo acceso Galicia Confidencial destaca que os populares centrarán os seus esforzos electorais en prazas significativas hoxe en mas principalmente do PSOE. Os populares teñen deseñado unha estratexia en catro niveis. Os dous niveis máis importantes teñen que ver cos concellos nos que  que están a un escano da maioría absoluta e os municipios nos que non gobernan pero son “prioritarios” para acadar alcaldías e deputacións. Os outros dous niveis teñen que ver cos conocellos nos que o PP goberna en minoría e aqueles onde a maioría absoluta do PPdeG é “axustada” e está a un concelleiro ou concelleira de perdela.
Os municipios nos que o PP cre que pode volver gobernar son 14 e poderían cambiar tamén o equilibrio de forzas nas deputacións. Na provincia da Coruña, os de Rueda centraranse en Fisterra, Melide e Ferrol, estas dúas prazas son importantes para a consecución de deputados provinciais.  Por outra banda, os populares tamén centrarán a súa estratexia electoral en concellos que poden mudar os gobernos das actuais deputacións.  Así, na Coruña os esforzos céntranse na Coruña e Oleiros, Santiago, Ames e Teo e na área de Ferrolterra, principalmente, en Narón, Fene, As Pontes, Valdoviño ou Cedeira. Tamén son importantes os municipios da Pobra do Caramiñal, Ortigueira e Boiro.
OS CONCELLOS QUE O PP NON PODE PERDER
O documento sobre “as actuacións preferentes nas municipais” do PPdeG ao que tivo acceso GC tamén recolle niveis menos importantes nos que actuar. Entre eles, están o de incidir nos concellos nos que o PP goberna en minoría e nos que ten unha mairía absoluta “axustada”. Entre os primeiros están na Coruña os de Coristanco, Malpica, Muros, Noia, Ribeira, Trazo, Val do Dubra, Mugardos, Santa Comba e A Baña.

E xa os concellos con “maioría absoluta axustada” son na Coruña, e con importancia para ser a forza máis votada nos partidos xudiciais, os concellos de Boimorto, Ordes, padrón e Touro. Menos importantes, Aranga e Laxe. Toda a información en Galicia Confidencial.

A Coruña acollerá en maio unha nova edición do congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems

0

A Coruña acollerá os días 4 e 5 de maio a terceira edición do congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco), a segunda que se celebra na cidade herculina.

Este foro internacional reunirá a máis de 60 conferenciantes para analizar o impacto que terá na sociedade no próximos dez anos a expansión das tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial, a robótica, os sistemas e vehículos autónomos, a impresión 3D, as fintech ou a realidade virtual.

Así o manifestaron na presentación do programa o presidente executivo de Ecosystems2030, Omar Hatamleh –que compareceu de forma telemática–; a alcaldesa a cidade herculina, Inés Rey; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e o director de Asuntos Corporativos de Hijos de Rivera, Antonio Vello, en calidade de empresa patrocinadora.

Nesta edición, a relación de relatores procedentes dunha vintena de países inclúe a executivos de compañías tecnolóxicas e a dirixentes internacionais. Ademais das conferencias individuais, a programación inclúe paneis de debate específicos, unha sesión monográfica titulada ‘A saúde, a lonxevidade e o seu impacto económico”, así como un foro aberto a toda a cidadanía.

Hatamleh ratificou o compromiso adquirido de que A Coruña se converta en sede “permanente” deste congreso por cumprir “todos os requisitos e valores” que pretenden asociar a este cume. “É unha cidade acolledora, moderna, cosmopolita, con grandes atractivos turísticos e unha gastronomía exquisita”.

A rexedora, pola súa banda, destacou que a celebración do este congreso na cidade alcanza “unha dimensión superior” debido á súa designación como sede para albergar a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia).

O esqueleto das Xubias xa é historia

Esta pasada xornada de luns as máquinas derrubaron case por completo o esqueleto que resistía dende hai demasiados anos (máis de 40…) a zona das Xubias. Un edificio, preto do Materno, que ía ser un aparcamento, pero que nunca se rematou.

Cúmprese así unha demanda histórica da Asociación Veciñal de Oza-Gaiteira-Os Castros. Tras barallar varias opcións, entre elas, unha gran zona verde, a zona albergará novamente un aparcamento, que era o uso inicial que se lle quixo dar a esta zona.

O BNG pide alternativas mentres que o tren entre Ourense e A Coruña estea pechado por obras

0

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou novas iniciativas na cámara baixa para preguntar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana polos medios de transporte alternativos previstos para os usuarios da liña Avant entre Ourense e A Coruña, mentres permaneza pechado pola instalación do sistema de seguridade ferroviaria Ertms.

Rego apuntou que Adif só anunciou un corte inicial de catro días e outro de máis de dez xornadas, aínda que aínda non trasladou cando levarán a cabo. Deste xeito, sinalou que a substitución dos servizos ferroviarios pola oferta de autobuses “debe ser adecuada” e contar con “unha frota de autobuses que teña a capacidade para prestar servizo a todas as persoas usuarias”.

Así mesmo, Rego reclamou máis recursos para “acurtar no posible os prazos dos dous períodos de peche das vías” para a instalación do sistema de seguridade.

“Volver”

Xa hai unhas cantas semanas que Ubaldo me contou que creaba un novo xornal e me pedía colaborar. Non sabía moi ben como facelo.

Agradezo que Que Pasa Na Costa me dera aquela oportunidade de publicar os meus pensares e sentires naquela bonita e difícil época no consultorio de Baio. Recordo aquel que titulei Carta de amor e de protesta; agora quédome máis co amor e con outro estilo de protesta (por agora). O vello patrón xa non me serve.

Esta fin de semana Miguel axudoume co último empurrón con dous detalles: poñer a canción Volver (…”sentir que es un soplo la vida…”) e dicir que un bo terapeuta nin mira por riba do doente nin por debaixo, senón que a mellor conexión virá mirándoo aos ollos; e escoitando.

Enlaza isto coa idea que cada vez pesa máis en min: que a anamnese, indagar que motivo exacto lle trae á consulta ao doente, é sumamente importante e unha arte que cada vez me gusta máis e me enriquece como persoa e como médica.

Observar, poñer a orella, tocar ombros sen dicir nada e ata acariñar co fonendo ademais de escoitar murmurios vesiculares conservados ou crepitantes levoume á inspiración dalgúns textos que quero compartir; e sempre se comeza por un, aí vai:

 

Nunha chamada de hai uns días, unha filla estaba preocupada por se a nai se estaba deprimindo.

Entrou pola porta unha muller delgadiña, engurradiña, xersei abrigoso, falda, pano negro. Sentada nunha cadeira de rodas. Acórdome de miña bisavoa materna.

Póñome de pé. Non me escoita ao falarlle. Oe moi mal, dime a filla. Sento á súa altura, achégome, parolamos.  Sempre teño as pernas e os pés moi fríos, é a súa queixa inicial. Mirada triste, crávaseme.  Non oio nada ben, ho. Si, iso íllaa moito, di a coidadora. Vén a xente e pide sofá lonxe para estar consigo; ultimamente, máis. Mesmo a partida que botábamos antes… non lle presta. Mírolle a tensión, con coidadiño. Sacamos as mil capas de abrigoso inverno para que o fondendo chegue ao corazón.

Este domingo cumpre 97. Intento acercarme de novo e animala. Hai que celebralo! Mire, este ano eu non quero nada, sen as miñas netas e bisneta, para que? Púxenlle unha man no ombro. Calei. Abriuse a porta e marchou. Esa miña man conectou.

Sento e comezo a chorar. Contente, Ali. Éntrame o meu para que? particular. Para que conterse? Compártoo.

Volvo compartir que hai doentes que tocan onde teñen que tocar cada día; que hai señoras maiores que coa mirada transmiten máis ca coas palabras; que a soidade (aínda estando rodeadas) das anciás me remove profundamente; e que esta época de distancia, enferma. 

E que desexo que cumpra 98 rodeada da xente que a quere.

  • Alicia Barreiro Cambeiro. Médica de Primaria no Centro de Saúde de Monte Alto.

A alcaldesa defende o uso do porto para concertos

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, insistiu en que a Autoridade Portuaria e o consistorio están de acordo na apertura do Porto á cidade e a celebración de concertos nos seus peiraos. “Nós estamos a traballar coa Autoridade Portuaria os detalles técnicos para a organización de concertos no porto”, explicou a rexedora.

Fíxoo en resposta a preguntas dos xornalistas sobre o anuncio en redes sociais da venda de entradas para o concerto de ‘Marea’ con data do 22 de xullo e no peirao de Batería. “Hoxe mesmo hai xa unha reunión coa Autoridade Portuaria á que se suman os promotores”, puntualizou.

A rexedora insistiu en que “quedou claro” que a vontade de ambas as partes é abrir o porto á cidade, “entre outras cousas coa celebración de concertos alí como xa se fixo o ano pasado”. “É o acordo ao que se chegou na reunión do pasado día 16”, apostilou.

A activista coruñesa Ana Baneira xa está en Galicia tras catro meses encarcerada en Irán

0

A española Ana Baneira, encarcerada en Irán desde principios de novembro tras ser detida no marco das protestas contra o réxime por mor da morte baixo custodia de Masha Amini, xa chegou a Galicia. Segundo apuntou a portavoz da familia nun comunicado aos medios, a nova, liberada este sábado, “xa está coa súa familia” e “vén ben, aínda que moi cansa”.

Baneira, de 24 anos, aterrou este luns ao mediodía no aeroporto de Santiago nun voo procedente de Xenebra e saíu pola pista sen ser vista, tal e como explicou a familia, que tamén difundiu unha fotografía.

Os familiares pediran “espazo e intimidade” na súa volta a Galicia, algo que reiteraron este luns nun novo comunicado divulgado a través da Delegación do Goberno na Comunidade.

Deste xeito, a portavoz trasladou o agradecemento tanto de Baneira como da súa familia e sinalou que “agora vai descansar”. Así, apuntou que “este martes” se reunirán cos medios para responder a todas as preguntas.

“Vén moi cansa despois de todos estes meses e da viaxe e agora vai descansar un pouco”, recolle a portavoz, Llerena Perozo, nun vídeo difundido aos medios de comunicación no que volve trasladar o agradecemento polo apoio recibido e polo “aluvión de interese” cara a Ana Baneira. Tamén explica que tratarán de canalizar entre o martes e o mércores as peticións por parte dos medios de comunicación.

MIÑONES INSISTE EN RESPECTAR “A SÚA PRIVACIDADE”

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, celebrou este luns a liberación de Ana Baneira e insistiu na importancia de preservar, de acordo co desexo da familia, o seu espazo de privacidade ante a súa chegada.

“O primeiro e máis importante é trasladar a nosa alegría porque Ana poida estar aquí, en Galicia, nestes días e por tanto estea liberada”, respondeu o delegado do Goberno. De feito, salientou que foi “un traballo importante, rigoroso e nas sombras“, á vez que agradeceu ao consulado “todos os trámites realizados”.

RUEDA PIDE DISCRECIÓN

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou a liberación de Ana Baneira, a moza coruñesa que estivo apresada en Irán no marco das protestas contra o réxime e pediu “discreción” para que todo este proceso teña un “final feliz completo”.

“Ela falará o que estime conveniente e esa discreción que foi unha parte moi importante para conseguir esa liberación ten que seguir para que todo isto teña un final feliz completo”, contestou o presidente a preguntas dos xornalistas sobre o asunto tras a súa visita ás instalacións de Resonac Graphite Spain situadas na Coruña.

BNG E PSOE DESTACAN O LABOR DO GOBERNO

O portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luís Álvarez, destacou o labor do Goberno para a liberación de Ana Baneira, como fixo tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. “Unímonos á alegría da súa familia e amigos e creo que esta liberación é un éxito e evidencia un traballo serio e discreto do Goberno”, expuxo.

“É unha gran noticia que podamos coñecer a súa liberación, creo que hai un traballo que hai que recoñecerlle ao Ministerio e mostrar a alegría do BNG pola súa liberación”, dixo, á súa vez, Ana Pontón.

Convocan unha concentración en apoio do home en folga de fame por atrasos nunha licenza

0

O Sindicato Labrego Galego fixo un chamamento a participar na concentración convocada o vindeiro sábado ante a sede Delegación do Goberno en Galicia –na Coruña– en apoio a Miguel Abraira, veciño do concello coruñés de Miño en folga de fame por atrasos na concesión dunha licenza municipal para a construción dunha vivenda no mesmo lugar onde “desde hai anos” ten un centro de transformación de alimentos.

Nun comunicado, o SLG trasladou o seu apoio ao activista, ligado á organización agraria, que se atopa en folga de fame ante a Delegación de Goberno desde o 25 de febreiro para demandar o desbloqueo da situación administrativa do seu trámite para obter unha licenza solicitada no ano 2019.

“Un medio rural vivo necesita iniciativas económicas que permitan asentar poboación nestas áreas, e de forma diferenciada naquelas zonas especialmente deprimidas”, denunciou o SLG, que acusa o Concello de Miño de tramitar con “facilidades e celeridade” as licenzas de “poderosas” construtoras como Fadesa mentres “vai en contra dos intereses dos propios habitantes de Miño”.

Marea Atlántica reprocha ao goberno local a súa política urbanística e pide non “hipotecar” o futuro da cidade

0

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, pediu á rexedora da cidade herculina, Inés Rey, que “non hipoteque” o futuro do municipio “a tres meses das eleccións”, en alusión á política urbanística do goberno local. Así o manifestou nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que estivo acompañado pola portavoz municipal da formación, María García.

Ambos mostraron a súa preocupación pola “febre” urbanística e inmobiliaria que existe “agora mesmo” na localidade e criticaron que o goberno local “en lugar de liderar, presidir e dar dirección ao futuro urbanístico” converteuse nun “mero axente que xestiona os intereses inmobiliarios de terceiros”.

Os representantes políticos cualificaron o proxecto da Cidade do TIC e dos barrios de San Pedro de Visma, San Amaro ou Adormideras como unha “herdanza absoluta dun modelo obsoleto de promoción inmobiliaria do século pasado”.

“MODIFICACIÓN PROFUNDA DA PXOM”

“Non son proxectos necesarios agora mesmo para un modelo de cidade do ano 2023”, puntualizou Xove, quen instou á alcaldesa a que “deixe que a cidade escolla nas urnas”. “E partir do mes de maio cun goberno da Marea Atlántica podamos realizar unha modificación profunda da PXOM”, apostilou.

O candidato á Alcaldía especificou que A Coruña precisa “máis espazo público, alugueres sustentables e achegarse ás recomendacións da OMS sobre zonas verdes por habitantes”. “Pedímoslle á alcaldesa que escoite as recomendacións da ONU á hora de deseñar este urbanismo do século XXI”.

En consecuencia, María García anunciou que a formación municipalista vai trasladar ao pleno que se celebrará o vindeiro xoves que se aborde unha modificación da PXOM “para eliminar a edificabilidade na zona de protección da Torre de Hércules”.

Respecto a Cidade do TIC, vai solicitar que se retire da orde do día a aprobación definitiva do estudo de detalle para que o goberno local “faga os deberes antes de darlle para diante”.

Fundación Érguete: “Ata que o sistema penintenciario non saia á rúa, non haberá unha reinserción real”

0

Co gallo da Lei do “sólo si es si”, fálase moito estes meses de tempo que deixan de pasar en prisión debido a unha revisión de condenas realizada case en clave política dependendo do sesgo do Tribunal de Xustiza de cada comunidade. Pero nunca se focaliza na calidade dese tempo que se pasa en prisión; en cales son procesos formativos, terapéuticos, educativos que @s intern@s pasan no seu periplo polos centros penitenciarios.

O cárcere leva sendo décadas un buraco negro onde ninguén quere mirar. Un asunto moi pouco visible, un tema escuro, que saca o peor (a palabra prexuizo en maiúscula) de toda a sociedade, ante o que os políticos non se atreven a meter man. Encerrar, castigar, manter lonxe da sociedade a esa persoa ata que se acaba a condena. E cando remata, que?

Precisamente aí é onde a sociedade debería focalizar os esforzos. Tras pasar boa parte da condena no centro penintenciario de Teixeiro, unha parte dos condenados (menos dos desexables, de feito) da provincia pasan ao Centro de Inserción Social Carmela Arias y Díaz de Rábago, situado en fronte da Torre de Hércules, moi preto do antigo cárcere vello. En réxime de semiliberdade, os intern@s poden saír polo día a accións formativas, busca de emprego, mesmo a dar un paseo… e volver cada noite á súa cela, tendo, iso si, fins de semana nos que xa poden volver ás súas casas, e unha semana ao mes de permiso.

Precisamente estes CIS foron creados para traballar de cheo na reinserción, para acompañalos no tremendamente difícil proceso de dar o salto á vida real, de saír dun centro pechado como Teixeiro a un réxime semiaberto situado no centro da cidade. De pasar 5, 10, 15 anos en prisión, con todo o que conleva (tanto a nivel psicolóxico como de dependencia total do sistema) a volver a ter que buscarte a vida.
Vidas que, na meirande parte dos casos, están vinculadas, familiarmente ou a través das amizades, coa delincuencia, con círculos dos que é moi complicado saír.

Rosaura Romo e Ana Suarez de Erguete 1

“Ata que o sistema penintenciario non saia á rúa, non traballaremos nunha reinserción real”. Así o entende Rosaura Romo (A Coruña), que xunto con Ana Suárez (Ponteceso) son as caras visibles da Fundación Érguete, a única entidade social que ten presencia física no propio CIS. Coa colaboración directa da dirección e @s profesionais do Centro, as traballadoras da Fundación realizan un acompañamento integral no proceso de excarceración. Axudan diariamente @s intern@s para facer trámites administrativos, escoitan as súas necesidades, axudan a ocupar o tempo con talleres ou accións en datas concretas…

Pero sobre todo, e baseándose nos chamados Itinerarios Persoalizados de Inserción Social (IPIS), desenvolven cursos formativos en especialidades profesionais adaptadas ás súas características. Cursos nos que aprenden un oficio, que lles permite sacar un certificado de profesionalidade, con prácticas directas en empresas, e con cursos de alfabetización dixital e aprendizaxe de busca de emprego a través das novas tecnoloxías.

En calquera caso, teñen claro que hai que traballar directamente coas contornas, para rebaixar os datos de reincidencia.

ÉPICO: Castigo vs tratamento

Paralelamente, o Ministerio de Interior puxo en marcha nos últimos anos un proceso de rexeneración das cárceres estatais. Un proxecto que pretende converter as prisións en estamentos menos estancos, menos escuros; máis abertos, máis formativos, máis educativos. Menos enfocados a castigar, e máis pensados para reinsertar sociolaboralmente.

Falamos do programa ÉPICO, un programa estatal que escolleu Coruña como un dos proxectos piloto para desenvolverse, e no que as profesionais de Érguete son unha peza fundamental. Un camiño que trata de involucrar a todo o funcionariado, para deixar de ser carceleros e convertirse en auténticos reeducadores.

De feito, o programa desenvolvése gracias un completo equipo multidisciplinar no que entidades e centros penitenciarios traballan conxuntamente, ofrecendo unha visión máis social ao concepto de reinserción.

Novas relacionadas