Inicio Blog Páxina 708

Coruño. Mitos e realidades (Parte II)

0

Como en calquera sociedade na que prevalece a lei do máis forte, nos barrios onde se desenvolvía o Coruño imperaba o machismo extremo e a cousificación das mulleres. Se un kíe chosqueaba (vía) unha chorba que lle molase (gustase), acostumaba preguntar ¿de quién es esa já?, como se se tratase dun obxecto susceptible de chorar (roubar). E de certo no seu modo de percibir a situación matizarse (seducir) a unha limitábase a librarse de quen a posuíse ata ese intre.

Se o chorbo lexítimo movía máis peña que o pretendente, esquecíase o asunto de vez e sen maiores implicacións. Se o chorbo movía menos peña, polo xeral abondaba con que o pretendente fixese acto de presencia ou ameazase ao lexítimo, ben persoalmente, ben por intercesión (pasa desa já neno o te van meter) para que se dilucidase o tema por el belfo (sen complicacións). En casos excepcionais, se o tipo era un atrapao (tolo), e non cedía, recorríase á violencia na frecuencia e grao que resultase necesario (no meu tempo tiraron a un rapaz polas escaleiras que baixan dende a rúa Disciplina a Zalaeta, tamén se podían acirrar chukeles (cans) ou empregar puños americanos).

O verdadeiro problema xurdía cando o pretendente e o lexítimo movían aproximadamente a mesma peña. Evidentemente estes casos non adoitaban xurdir por amor desesperado, senón pola belicosa ambición dos kíes por medrar dentro do seu substrato social. Tamén podían contribuír a orixinar a discordia as propias rapazas, pois para algunhas o prestixio dependía da reputación do seu chaveo. Entón pestrucheaban (flirteaban) con kíes a cada volta máis malotes, co único obxectivo de fardar (presumir) das súas conquistas. Eran as liantas, as femme fatale no cine e na literatura. E como no cine e na literatura espertaban paixóns que desembocaban en odios e pelexas, nunha especie de remake da Ilíada con Marinca, Petrobas e Baluba en troques de Helena, Paris e Menelao.

Sucedían casos en que unha rapaza rexeitaba ao kíe que a roldaba (ben porque lle gustase outro, ben porque o aborrecese). Entón o kíe ameazaba durante semanas a calquera chorbo que andase (ou falase) coa rapaza en cuestión, e incluso persuadía a outras rapazas metidas na muvi (no allo) para que non parasen (non se relacionasen) con ela. Algunhas ata lle dirían que como se lle ocorría non empatarse (manter relacións afectivo sexuais) con ese chorbo, que movía tanta peña. Ao cabo, se a chorba en cuestión mantiña a negativa, por simple descarte acabaría xuntándose con rapazas que ata entón considerara julais, e estas, malia ser no pasado vítimas dos seus abusos, acolleríana sen especial rancor. Deste xeito, e máis cedo que tarde, o kíe esqueceríase dela.

Para comprender o enteiro carácter desta sociedade cómpre sinalar que nas liadas a tan alto nivel a natureza dos contendentes se atopaba claramente definida. A meirande parte dos e das adolescentes fuxían dos e das kíes, e estes tíñanlles tanta pía (manía) que os desprezaban igual que se se tratasen de seres inferiores, como un nobre ou unha dama da Idade Media desprezarían un labrego. Así, os kíes só consideraban ao resto de adolescentes para impoñérselles, en xeral para darlles o palo, ou se cadra para que lles soplasen nalgún exame e á fin aprobando os profesores e os puriles non lles bufasen (rifasen).

Os kíes estaban adiantados á súa idade, ou demasiado adiantados. Se a media dos e das adolescentes perdía a virxindade a partir dos dezaseis brejes (anos), e moitos non a perdían ata ben entrados na idade adulta, unha kíe ou un kíe podía perder a virxindade aos trece brejes, e con peña da súa idade. Do mesmo xeito os kíes drogábanse antes (podían comezar por esnifar pegamento aos dez ou once anos), deixaban os estudos, traballaban antes (algúns se “endereitaban” deste xeito), e por suposto perseguíaos antes a madera (policía), ou remataban no reformatorio. Ao final tratábase de xente que por diversos motivos, normalmente carencias económicas e/ou emocionais, extraviara a infancia a medio camiño.

Lembro que por aquela época un amigo meu expuxera un traballo na escola. O traballo, totalmente benintencionado e para nada irónico, versaba sobre as castes en que estaba dividida a sociedade adolescente. El relataba con total seriedade, como se fose un sociólogo do século XIX a distinguir entre clero, burguesía e proletariado. Para el había tres clases: kíes, xente normal e chapóns. O meu amigo describía polo miúdo comportamentos e características. Entón unha rapaza da clase, que era medio kíe, retrucoulle que de certo os kíes e os chapóns tamén se considerarían xente normal… Lembro que a profesora non se molestou en intervir. Coido que non se decataba do enteiro alcance do que estaba a suceder.

 

  • Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.

Máis artigos de Tito Pérez en XdC

Máis info

Riazor chora o pasamento de Dani Fiaño Llerafo

0

Detrás dos Riazor Blues, en Maratón Inferior, unha das prazas para xentes con diversidade funcional era fixa. Tiña case nome (e que no club tomen nota para facerlle homenaxe), o de Daniel Fiaño Llerafo. Levaba case 20 anos acodindo ao estadio co seu tío, que o fixera socio aos 8-9 anos, e co seu pai, que se tivo qu suma ao carro branquiazul para acompañalo cada partido, a pesar de non ser moi afeccionado.

Homenaxe a Daniel Fiano Llerafo
Os seus amigos de Ezetaerre rendéronlle esta homenaxe na Torre de Maratón

Fiaño, socio dos Riazor Blues, non perdía un partido dende aqueles comezos de século, e mesmo ten viaxado co equipo a zonas próximas como Lugo. Pero Dani xa non puido ver a goleada ao Badaxoz. Unha neumonía levouno a pasada semana, despois de 29 anos de vida, loita, activismo e alegría. O seu espazo quedou baleiro no alto de maratón inferior.

O sitio de Dani deixa un baleiro en Riazor
O sitio de Dani deixa un baleiro en Riazor

Quen o coñece ve ás persoas con discapacidade doutro xeito. A enfermidade rara que padería, ou a cadeira de rodas nunca foron impedimento, sendo un dificilmente mellorable exemplo de superación.
Fiaño foi un dos maiores activistas da vila. Calquera evento antifascista, feminista, antirracista, antihomofóbico, sobre a nosa lingua… alí estaba, en primeira fila, en cada inxustiza como nas manifestacións por Jimmy.

Sensato, consciente, activo, intelixente, moita xente da Universidade lémbrano con especial cariño, como María J. Díaz, que recorda a participación fundamental de Dani na creación do grupo Sons de Breogán, ou Javier Martín Betanzos, outro dos seus mestres polo seu impresionante periplo universitario, que así o definiu nas redes sociais estes días:

Un maestro sobre Dani Fiano LLerazo

Chega marzo

Ese mes que tan mal se lle da o Depor tradicionalmente. O mes no que se perde o tren dos obxectivos que levas seis meses definindo. O mes no que entra a vertixe polo que levas camiñado e o que che falta por camiñar. O ano pasado tirouse o ascenso neste fatídico mes, con tres derrotas en catro partidos. Queda pensar que este ano a tónica do equipo está sendo positiva e custa crer que isto vaia cambiar.

O Depor ampliou o catálogo de vitorias na casa deixando unha nova de forma que non se vira en todo o ano: gañar e convencer. Saíu coma de costume na casa, aínda que, nesta ocasión, mellorouse a puntería e os goles chegaron antes do descanso o que puxo moi costa arriba ó Badaxoz o resultado e unha posible reacción. Marcou Lucas, ben Mario e Quiles, ben o medio campo e, sobre todo, quinto partido dos seis da segundo volta coa portería a cero. Apareceu tamén, Saverio por banda e amosou unha boa predisposición cara o gol e a encarar en carreira, sumándose así a terna de posibilidades en ataque de Cano. Gañou ben o Depor e permitiulle isto chegar ó liderato por unhas horas. Liderato efémero pola vitoria do Alcorcón contra o Unionistas na mañá de onte domingo.

Mes movido este de marzo para o Depor. Xogará dous deses partidos marcados pola afección no calendario, un deles contra o Castilla pola clasificación, e o outro contra o Turista, pola rivalidade. No medio, visitará á Balona e á Cultural, o mellor rival que pasou por Riazor. Polo tanto, moito que perder neste mes de marzo e pouco que gañar, máis aló de seguir metido no lío.

 

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

Máis crónicas do Dépor

A Policía Local refórzase con 22 novos axentes

0

Un total de 22 novos axentes obtiveron praza nas últimas probas selectivas celebradas para reforzar o cadro de persoal da Policía Local da Coruña.

Así o informa o consistorio despois de que hoxe tivese lugar o acto de toma de posesión dos axentes, que foron recibidos pola alcaldesa, Inés Rey, no salón de plenos. Rey deulles a benvida e destacou a vocación de servizo público de todos aqueles que forman parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Cinco dos novos axentes incorporaranse ao servizo de maneira inmediata e o resto farano nos próximos meses tras pasar polo preceptivo período na academia de formación.

O Sergas cubrirá 45 prazas fixas de sanitarios no distrito da Coruña

0

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) incorporará en próximos meses no distrito sanitario da Coruña un total de 45 novas prazas fixas de profesionais, 10 delas en centros de saúde, mediante o concurso de méritos que prepara cun total de 413 postos de difícil cobertura en toda Galicia.

Así o avanzaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o xerente da área sanitaria da Coruña-Cee, Luís Verde. Segundo informa a área sanitaria, esta convocatoria por concurso de méritos –sen oposición– incluirá oito prazas estables de Pediatría nos centros de Ventorrillo, Matogrande, Vos Mallos, Cambre e Sada.

A maiores, esta convocatoria incluirá outras 10 vacantes de facultativo especialista en Psiquiatría, seis en Psicoloxía Clínica e 19 de Enfermaría de Saúde Mental, todas elas no mesmo distrito coruñés.

Un mozo de 29 anos, nova vítima da Covid na área da Coruña

0

Galicia notificou este luns dous novos falecidos con Covid-19, situándose o total de mortos con esta infección en Galicia  desde o inicio da pandemia en 4.076 persoas.

En concreto, segundo datos do Servizo Galego de Salúde (Sergas), ambos os pacientes pertencían á área sanitaria da Coruña-Cee, de 29 e 88 anos de idade, respectivamente, e os dous tiñan patoloxías previas.

Pola súa banda, o número de casos activos baixou a 815 (-55). Deles, 162 son da área de Coruña (-9); 112, de Lugo (-4); 126, de Ourense (-3); 92, de Pontevedra (-8); 98, de Vigo (-13); 153, de Santiago (-12), e 72, de Ferrol (-6).

Do total de pacientes positivos, 3 están en camas UCI, mesma cifra que no parte anterior, mentres que 139 persoas permanecen en unidades de hospitalización (+18). Polo momento, Galicia rexistra 690.068 persoas curadas.

Liberada Ana Baneira, a coruñesa encarcerada en Irán no marco das protestas contra o réxime

0

A activista coruñesa Ana Baneira, encarcerada en Irán desde principios de novembro tras ser detida no marco das protestas contra o réxime por mor da morte baixo custodia de Masha Amini, foi liberada, segundo confirmaron fontes diplomáticas a Europa Press.

A liberación de Baneira produciuse este sábado e esta atópase xa voando de regreso a España, vía Dubai, precisaron as fontes. A súa chegada a Madrid está prevista para primeira hora desta tarde.

Tras a súa liberación, a moza activista, de 24 anos, conversou telefonicamente co ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, a quen trasladou o seu agradecemento polas xestións realizadas para conseguir a súa posta en liberdade e indicoulle que se atopa en bo estado despois destes meses baixo custodia.

O arresto de Baneira coñeceuse a principios de novembro no marco das protestas en todo o país por mor da morte da moza kurda Masha Amini en setembro mentres estaba detida por presuntamente levar mal posto o veo. En ningún momento transcenderon os motivos nin as circunstancias exactas do seu arresto.

Coa súa saída de prisión, en Irán aínda queda detido outro cidadán español, Santiago Sánchez Cogedor. Leste foi arrestado a principios de outubro cando se dirixía a pé a Qatar para ver o Mundial de Fútbol precisamente tras visitar a tumba de Amini.

Nestes meses, tanto Albares como outros membros do seu departamento mantiveron contactos cos seus contrapartes iranianos para pedir a liberación dos dous españois e interesarse pola súa situación e que se lles garantise un trato adecuado mentres estaban en prisión.

As fontes consultadas aseguraron que agora que Baneira foi liberada, continúan os esforzos tanto desde os servizos consulares no Ministerio como desde a Embaixada en Teherán para lograr a súa liberación e mantense informada á súa familia en todo momento.

A FELICIDADE SERÁ “COMPLETA” CANDO LIBEREN AO OUTRO ESPAÑOL

O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, expresou a súa felicidade pola liberación da coruñesa Ana Baneira, encarcerada en Irán desde principios de novembro no marco das protestas contra o réxime por mor da morte baixo custodia de Masha Amini, e sinalou que a felicidade será “completa” cando Santiago Sánchez, tamén arrestado no país persa, sexa igualmente posto en liberdade.

Albares, a preguntas dos medios este domingo en Albacete, comentou que, aínda que Baneira foi liberada este sábado, desde o seu departamento non quixeron facelo público ata que o seu avión despegase de Teherán. O ministro detallou que puido falar con ela e que “está ben” e acompañada en todo momento polo embaixador de España en Irán.

O responsable de Asuntos Exteriores lembrou que mantivo contactos desde o arresto de Baneira co seu homólogo iraniano para pedirlle que liberase “inmediatamente” a esta cidadá española xa que os cargos dos que se lle acusaba eran “totalmente infundados”.

Ademais, especificou que Baneira viaxará desde Teherán ata Dubái e desde alí regresará a Europa chegando primeiro a Xenebra e posteriormente a España, un “longo periplo” que lle permitirá “estar cos seus familiares e amigos”.

“O importante é que xa está liberada, que xa está ben, e non vou parar de seguir insistindo ata que Santiago sexa tamén liberado do que é unha retención que non ten fundamento ningún. Hoxe é un día moi feliz e a felicidade será completa cando Santiago sexa tamén liberado”, apostilou.

A FAMILIA PIDE “ESPAZO E INTIMIDADE”

A familia de Ana Baneira, a moza coruñesa que estivo apresada en Irán no marco das protestas contra o réxime, confirmou a súa posta en liberdade e pediu “espazo e intimidade” ante a súa inminente volta a casa.

Nun comunicado difundido aos medios de comunicación, confirman que Ana voa desde este sábado “camiño a casa”. Esperan que chegue a Galicia este luns, aínda que aínda non poden concretar aeroporto nin hora.

No comunicado agradecen aos medios o respecto co que se tratou o tema “durante estas semanas eternas de espera”. Piden agora “espazo e intimidade” para atender á moza na súa chegada. “Consideramos que, unha vez aquí, debe ser ela quen decida cando e como debe realizarse a seguinte comunicación con todos vós”, sinala a familia.

Ferido un operario ao caer desde catro metros de altura nunha obra na que traballaba

0

Un operario tivo que ser trasladado a un centro hospitalario tras caer desde un catro metros de altura mentres traballaba nunha obra en cálea Independencia da cidade da Coruña.

Segundo informou o 112 Galicia, foi sobre as 10,00 horas cando os xestores de urxencias recibiron a alerta. Ata alí desprazáronse os servizos sanitarios, que trasladaron ao home ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. No operativo tamén participaron axentes da Policía Nacional e informouse aos axentes da Policía Local e a Protección Civil, aínda que non foi necesaria a súa intervención.

CAE UN TRABALLADOR EN TEO

Pola súa banda, un traballador dunha empresa de distribución de bebidas caeu polas escaleiras dun local situado na travesía de Montouto, en Cacheiras, Teo. Por iso, deuse aviso á Garda Civil, á Policía Local e a Protección Civil, ademais da os servizos sanitarios. Ao presentar unha lesión grave na perna, o home foi trasladado tamén a un centro hospitalario.

FERIDO EN TOÉN

Así mesmo, outro home resultou ferido tras caer desde o alto dun muro en Toén (Ourense). En concreto, o incidente foi rexistrado no lugar de Puga e, aínda que inicialmente foi mobilizado un helicóptero medicalizado, ao final o home foi trasladado en ambulancia a un centro hospitalario.

O 112 Galicia recibiu a chamada duns particular minutos antes das 12,00 horas, explicando que unha persoa caera desde un muro dun tres metros de altura. No operativo participaron os membros do GES de Ribadavia, da Garda Civil de Ourense e de Protección Civil.

Afectados pola vertedura de Repsol en Perú chegan á Coruña para “denunciar a responsabilidade da petroleira” e “dar a coñecer as dimensións do desastre”

Un grupo de representantes das comunidades afectadas polos derrames de petróleo que se produciron en xaneiro de 2022 no mar do Perú, dos que foi responsable a empresa Relapasaa, subsidiaria do Grupo Repsol, chega a vindeira semana á Coruña para “dar a coñecer as dimensións do desastre”, pasado un ano da vertedura. Os días 1 e 2 de marzo, a comitiva activista recalará da cidade, dentro da xira que está a realizar polo estado español co apoio da organización Entrepobos para denunciar a responsabilidade da multinacional petroleira na catástrofe ambiental, social e económica derivada da vertedura e buscar redes de apoio e coñecemento entre colectivos que loitan contra o espolio ambiental.

En concreto, o xoves día 2, ás 18.30h na Tobeira de Oza (rúa da Merced, 24) está previsto un encontro, aberto á cidadanía, para reflexionar xunto con colectivos galegos sobre o impacto dos megaproxectos nas comunidades locais e as estratexias para combater estes espolios. Nesa mesma xornada, pola mañá, está prevista unha comparecencia pública dos representantes e activistas chegados de Perú con medios de comunicación, na cantina A Parva, no mercado de San Agustín.

CATÁSTROFE SOCIAL E AMBIENTAL

O 15 de xaneiro de 2022 produciuse no mar do Perú un primeiro derrame de petróleo por parte da empresa Relapasaa, subsidiaria do Grupo REPSOL, multinacional de matriz española que opera no Perú desde 1995. Un total de 10.397 barrís de petróleo foron derramadoss nas praias de Portelo, na provincia constitucional do Callao, o que afectou unha área marítima e terrestre de 18.000m2. Nove días despois, o 24 de xaneiro, produciuse outro derrame de hidrocarburos, aínda que de menores proporcións.

Como denuncian os activistas nesta xira por, que se desenvolve baixo o lema #RepsolHazteCargo, desde o inicio da crise, a multinacional española quixo desligarse da catástrofe, que non foi controlada inmediatamente, “acusando as institucións peruanas e eludindo toda responsabilidade”.

O periplo, que está a percorrer cidades como Barcelona, Valencia, Alicante, Madrid, e Bilbao, serve para denunciar as consecuencias ambientais, pero tamén sociais e económicas, da catástrofe, que afecta directamente a traballadores e traballadoras do mar e o turismo. Desde o inicio do derrame, e nestes últimos meses, a empresa vén xestionando de xeito discrecional as accións de compensación e reparación cos sectores afectados, ofrecendo indemnizacións “sen sustento técnico nin considerando todas as implicancias económicas e sociais do ecocidio que produciu”.

A Coruña quece motores para a terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo

0

O melloriño do panorama humorístico de todo o estado volverá achegarse á Coruña do 28 de abril ao 7 de maio de 2023 no marco da terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo. Un EMHU, que dirixe Luis Piedrahita, buscará consolidarse como o evento humorístico máis relevante de España despois de xuntar o ano pasado a máis de 19.000 espectadores.

Impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, serán 10 días e 20 actuacións, con algunha exclusiva realizada polo propio festival, como as galas Fantastic Colofon ou Humoris Causa, citas nas que EMHU reúne sobre o mesmo escenario a grandes figuras da comedia e para as que as e os asistentes esgotan, rapidamente, todas as entradas dispoñibles.

20220508 EMHU Photocall © Leo López 18
Buenafuente, Silvia Abril e Piedrahita nas presentacións do ano pasado @Leo López

Se o ano pasado estiveron pola cidade Andreu Buenafuente, Sílvia Abril, David Broncano, Héctor de Miguel, Ignatius Farray, Carolina Iglesias, Victoria Martín, Inés Hernand, Nerea Pérez de las Heras, Eva Hache ou Javier del Pino, este ano pronto nos irán desvelando as principais actuacións así como as diferentes actividades paralelas e de acceso libre, dirixidas a todos os públicos e que se desenvolverán en distintos recintos culturais da Coruña.

Cartel EMHU 2023
Imaxe creada por Riki Blanco e Rebeca Losada.

Así foi o ano pasado: