Inicio Blog Páxina 709

A sombra do convenio urbanístico de 1984 planea sobre o común

0

Un repaso ao convenio asinado polo goberno municipal presidido por Francisco Vázquez o 30 de xuño de 1984 co Ministerio de Defensa descobre un mapa de espazos públicos que permitiron ó INVIED (Instituto de Vivenda, Infraestructura e Equipamento da Defensa) ingresar 8.000 millóns das antigas pesetas, uns 48 millóns de euros de hoxe.

Cabe reseñar que aquel texto fora recibido de xeito moi negativo polos sectores máis activos e entusiastas na recuperación do patrimonio público, mais fora considerado como un acerto por parte de quenes só contemplaban o común como fonte inasgotábel de obtención de plusvalías, que non desperdiciaron o forte predicamento mediático de que dispuñan para xustificar a validez do texto. I é que mentres Vázquez ostentou o bastón de mando municipal, acaparou todo o poder na súa persoa; súa vontade equivalía a algo así como á propia  soberanía coruñesa. Pois ben, este exercicio de retrotraernos a aquela etapa da cidade permítenos medir agora con maior perspectiva a magnitude dun convenio que  as coruñesas e coruñeses non terminan de dixerir e cuxas derivacións en forma de perda de espazos públicos aínda hoxe seguen a repetirse coa mesma determinación.

O caso é que a historia daquela etapa, que avanza con non poucos atrancos, ten unha liña roxa que a atravesa con implacábel repetición: o convenio de 30 de xuño de 1984. Un texto ao que os sucesivos gobernos municipales apelan para obstaculizar calquera vía que permita recuperar  terrenos públicos en desuso. Un dos principales protagonistas desa historia son os terreos do Campo da Estrada-Maestranza, que o INVIED sacou a poxa o 24 de febreiro de 2016. Integrados por tres parcelas que suman 5.316 metros cadrados, cunha superficie edificábel de 29.262 metros cadrados e que posibilitarían a construcción de 300 vivendas. Unha  operación que, según cálculos do momento, permitirían ao departamento ministerial de Defensa ingresar en torno aos 24,8 millóns de euros. Non hai que esquecer que son terreos que albergan os restos arqueolóxicos das murallas da cidade e que, polo tanto, reúnen un importante valor patrimonial: o sistema defensivo medieval (lenzo da muralla medieval e o Campo da Estrada) e o sistema defensivo barroco (lenzos e fosas, explanadas e baluartes da muralla barroca) definidos como BIC (Ben de Interese Cultural) no Catálogo do Plan Especial de Reforma Interior da Cidade Vella e Pescadería (PEPRI),  e, polo tanto, sometidos a tarefas de conservación, mantemento e restauración. Calquera intervención neses terreos require a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e do propio Concello. A reclamación deses terreos non é un feito novedoso xa que ten longas raíces e constitúen unha constante histórica na vida da cidade. Así, en 1840, o goberno municipal de entón solicitaba a devolución baixo o pretexto de que “no pueden pertenecer a la nación, pues son de este pueblo”, tese na que incidía o 10 de novembro de 1858 o propio Concello através dunha reverente exposición á raíña Isabel II “suplicándole se digne concederle a este Ayuntamiento la propiedad que le pertenece del terreno que ocupaba la fortificación demolida entre la ciudad alta y la baja de la población”.

Pintada reivindicativa na Coruña que reclama zonas verdes e non a construción de novos edificios / R.V.
Comenzou entón un longo percorrido protagonizado fundamentalmente pola plataforma cívica Comisión Aberta en Defensa do Común que, xunto coa Asociación Veciñal da Cidade Vella, despregan a súa mellor capacidade de convicción para denunciar  o feito de que a cidade está en venda e que o Ministerio de Defensa compórtase na cidade  como unha inmobiliaria dedicada á especulación, función allea á tarefa que lle asigna a propia Constitución, mais exercendo, a súa vez,  o papel de auténticos propagandistas do significado que tería para a cidade a perda de edificios e espazos públicos, que foron sempre unha referencia da historia da Coruña. Atrás quedan as vendas de recintos militares como os de Zalaeta ou Santo Amaro, así como o vello Hospital Militar (hoxe o Abente e Lago), polo que o ministerio ingresou 1.100 millóns das antigas pesetas, actitude que contrasta coa cesión gratuita dos terreos e instalacións da Ciutadella, do Monte e Castelo de Montjuich á cidade de Barcelona, así como recintos militares cedidos ao Ministerio de Cultura que, posteriormente, foron entregados ó concello de Alcalá de Henares. Para evitar esa condena a morte toma corpo un amplo movemento de sensibilización cidadá e institucional que arranca cunha asemblea cívica celebrada o 22 de febreiro de 2017, no salón de plenos municipal, presidida polo entón alcalde Xulio Ferreiro, e na que participaron 120 personas en representación de 60 entidades que conforman unha parte nada desdeñábel do tecido asociativo plural e dinámico coruñés e na que tamén estiveron presentes os portavoces dos grupos municipais. Unha sesión que actuou como espoleta para a gran manifestación do 7 de maio de 2017, que baixo o lema da Coruña Non Se Vende, logrou reunir a preto de 5000 persoas. Unha consulta cidadá desenvolvida entre a veciñanza da Cidade Vella, celebrada os días 18 e 19 de maio de 2018, arroxa un resultado clarificador: sobre un total de 449 participantes, 436 optaron pola alternativa da devolución gratuita para diverso equipamento público, mentres 12 inclináronse pola opción da venda dos terreos na liña fixada polo INVIED, contabilizándose un voto nulo. Todo ese capítulo de actividades logrou paralizar a poxa, mais non evitou que o INVIED procedera a facer efectiva a enaxenación dos solares favorecido pola pasividade e indiferencia do entón goberno municipal da Marea Atlántica e o actual do PSOE ignorando os acordos plenarios do 7 de marzo e 14 de abril de 2016, do 11 de xuño de 2018, do 14 de xaneiro e 7 de novembro de 2019, que instaban a aplicar os instrumentos de planeamento precisos para delimitar e protexer o sistema defensivo da Cidade Vella. Chegados aquí, a principal recriminación que se pode facer ó goberno da Marea Atlántica é que, habendo chegado cunha autoridade política e moral dende a etapa da primeira corporación democrática, fora incapaz de executar as modificacións correspondentes da ordenación urbanística para evitar as veleidades especulativas que se proxectaban sobre os terreos, optando polo acomodo que conduxo a que toda a demanda de reivindicación gratuita das parcelas non avanzara.
As catas arqueolóxicas posteriores confirman o que xa se sabía, isto é, a aparición de vestixios das estructuras defensivas através de murallas medievales e baluartes, elementos patrimoniales de gran valor, principalmente no solar situado ao norte da Avenida do Metrosidero. Pois, a pesar das evidencias, o INVIED vende os terreos á promotora vasca Lipromo, coñecendo ambos os informes que acreditan a existencia de estructuras do sistema defensivo da Cidade Vella porque figuran na documentación relacionada co proceso de licitación e adxudicación das parcelas, mais que, porén, omítese conscentemente no Estudo de Detalle da parcela 2 do Plan Especial de Reforma Interior (PERI), documento que foi obxeto das preceptivas alegacións dirixidas en agosto do 2022 tanto ó Concello como á Dirección Xeral de Patrimonio solicitando a non aprobación definitiva do devandito Estudo de Detalle, sin que  até o momento houbera resposta a tal solicitude. Que poida consumarse no futuro a edificación de vivendas enriba de terrenos catalogados como BIC é algo que non pode aceptarse nunha democracia porque son situacións difíciles de comprender racionalmente ao existir unha Dirección Xeral do Patrimonio, na práctica, encargada de velar pola protección do patrimonio e porque, en definitiva, son como unha aberración e un mal sono. Pasaron 39 anos daquel 1984 é o Ministerio de Defensa segue a facer caixa co patrimonio da cidade. Vivir para ver.
Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación dio Club de Opinión Foro Cívico e da Plataforma Cívica Defensa do Común

González-Páramo falará o mércores no Foro UIE na Coruña sobre a conxuntura económica actual

0

O economista José Manuel González-Páramo impartirá o vindeiro mércores, 1 de marzo, na Coruña a conferencia ‘O retorno da inflación. Algúns ensinos para o BCE’, no marco do Foro UIE de Sociedade e Economía, que promove a Universidade Intercontinental da Empresa.

A conferencia do catedrático de Facenda Pública e alto responsable en organismos internacionais será ás 19,00 horas na sede de Afundación na Coruña e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

González-Páramo abordará como a pospandemia e as consecuencias da invasión de Ucraína fixeron retornar a inflación a máximos de catro décadas e analizará as razóns polas cales o BCE e outros bancos centrais han ido por detrás ante a persistencia da inflación.

Como puido ocorrer? ou que efectos tivo este atraso sobre a credibilidade e a resposta da política monetaria do BCE? serán algunhas das preguntas que o conselleiro independente de Abanca exporá na súa disertación para debullar os desafíos aos cales se enfrontan os bancos centrais.

CURRÍCULO

Entre 1994 e 2004, González-Páramo foi membro da Comisión Executiva e do Consello de Goberno do Banco de España. Entre 2004 e 2012 foi conselleiro executivo e membro do Consello de Goberno do Banco Central Europeo.

No ámbito académico, foi catedrático desde 1988 e director do departamento de Facenda Pública na Universidade Complutense de Madrid e profesor en programas para executivos de alto nivel (CEO, CFO, CRO e outros) en IESE Business School.

Adicionalmente, González-Páramo formou parte de diferentes grupos de traballo, consellos asesores, fundacións e outras entidades e organismos internacionais dos ámbitos económico, académico e de cooperación, como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, o OCDE e a Academia Europea de Ciencias e Artes, entre outros.

Na actualidade é membro das xuntas directivas de Bruegel e Cercle d’Economia, e os consellos asesores do Bretton Woods Committee e o Systemic Risk Council, entre outras institucións, así como conselleiro independente de Abanca. Ademais, actualmente é o presidente do Consello Supervisor de European DataWarehouse GmbH e European DataWarehouse Ltd.

O Foro UIE de Sociedade e Economía inclúe conferencias e debates de expertos nacionais e internacionais en ámbitos como as novas tecnoloxías, a industria 4.0, a intelixencia artificial e a robótica, a sustentabilidade e os novos modelos económicos, os problemas e retos sociais que levan todos os cambios estruturais actuais ou a xeración de valor por parte das empresas ou a súa gobernación, entre outros.

Adolescentes e saúde mental

0

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), un trastorno mental caracterízase por una “alteración clinicamente significativa da cognición, a regulación das emociones ou o comportamento dun individuo”. Xeralmente, este tipo de trastorno vai acompañado dunha sintomatoloxía que compromete a funcionalidade e a inserción social do que o padece.

Precisamente a OMS publicou recentemente o exame máis completo sobre saúde mental desde primeiros de século, un minucioso traballo no que, ademais de ofrecer datos abrumadores, insta ós gobernos, as institución educativas, os profesionais da saúde e á sociedade en xeral a que asuman un compromiso forte de transformar a saúde mental.

Os trastornos mentais son a primeira causa de discapacidade e tamén son causa de suicidios, mortes prematuras, enfermidades, abusos ou comportamentos violentos. Un escenario que coa pandemia COVID-19 non fixo máis que agravarse deixando una forte pegada: segundo UNICEF os trastornos de saúde mental dos menores incrementáronse nun 47%. Estamos a falar de depresión, ansiedade, trastorno bipolar, trastorno do comportamento, condutas autolesivas ou problemas alimentarios como anorexia ou bulimia, entre outros moitos.

Existen factores ou circunstancias adversas como a pobreza, as desigualdades económicas, a falta de recursos ou a carencia de habilidades relacionais que poden ser unha boa semente para un trastorno mental, pero tamén existe un arsenal de ferramentas protectoras individuais (xenética, xestión emocional) e sociais que poden facer unha labor preventiva ou modificar o curso de moitos trastornos en aras dunha maior calidade de vida.

Pese a que un trastorno mental non distingue de idades, convén salientar que a adolescencia, período de grandes cambios, é o momento crucial para a interiorización e desenvolvemento dos hábitos sociais e emocionais, así como a instauración de patróns de conduta saudables, porque, en ocasións, un problema de saúde mental non xestionado pode levar ó illamento algo que, co tempo, podería desembocar en suicidio. Compre dicir que o noso país sitúase como o país europeo con maior prevalencia de problemas de saúde mental entre nenos e adolescentes. Por si iso fora pouco, as estatísticas do 2021 deixan uns datos arrepiantes: 4.003 suicidios no noso país, duplicándose o número en menores de 15 anos respecto ó 2020 e confirmándose como primeira causa de morte entre rapaces entre 15 e 29 anos por riba dos accidentes de tráfico e os tumores. Detrás de cada suicidio efectivo, adoita haber moitos intentos, e detrás de todos eles hai moitas familias que sofren unha situación totalmente invisibilizada con escasos ou nulos recursos para facerlle fronte.

Pero aínda hai máis. Hoxe en día todos somos conscientes dos grandes problemas que afectan a esta etapa da vida: presión social por pertencer a un grupo, adicción ás tecnoloxías, conflitos interxeneracionais, ausencia de límites na educación, ausencia de control emocional, actitudes tolerantes ou, simplemente, ou un maior acceso á violencia explícita a través dos videoxogos ou redes sociais, algo que, en exceso, pode derivar en síntomas depresivos ou nunha actitude máis favorable cara a violencia. Neste escenario incerto, é necesario preguntarse en que momento os adolescentes deciden saír da casa cunha navalla no peto e facer uso dela sen ningún tipo de miramento. Problemas de conducta e de violencia, trastornos ós que tampouco estamos á altura de dar solución como sistema. Sen dúbida, algo estamos facendo mal. Nas nosas mans está a oportunidade de abrir as portas ó cambio.

Parafraseando ó director xeral da OMS, o Dr. Tedros Adhanom Ghebreyesus, “a inversión en saúde mental é unha inversión nunha vida e nun futuro mellor para todos”.

Ana Díaz Cortés, socióloga, doutora en Saúde e Dependencia pola UDC.

Así era a trama do sindicato de limpeza: quen quería traballar tiña que pagar

0

O secretario xeral do Sindicato de Traballadores de Limpeza da Coruña esixía pagos para entrar no persoal que presta este servizo na cidade herculina, segundo a investigación da Policía Nacional, que detivo a catro persoas.

Tras o seu pase a disposición xudicial, quedaron este venres en liberdade aínda que se lles investiga polos presuntos delitos de corrupción nos negocios, branqueo de capitais e estafa.

Da investigación policial, despréndese que o secretario xeral, Miguel Angel Sánchez, coa cooperación necesaria de persoas próximas a el, aproveitouse da súa posición como forza sindical nas empresas adxudicatarias de determinados servizos públicos na cidade da Coruña, para lograr “beneficios económicos persoais e indebidos”.

Así o informa a Policía Nacional que sinala que, través de varias empresas administradas na sombra por esta persoa, constando á fronte como home de palla unha cooperadora súa, estivéronse percibindo uns beneficios, tan só no ano 2021, de máis de 250.000 euros.

ARMAZÓN

O sistema de funcionamento da rede sería, engade, “que as empresas adxudicatarias cederían gran parte da selección do persoal contratado aos detidos, o que foi aproveitado polos mesmos para tecer unha rede constituída por familiares, achegados, amigos e terceiras persoas”.

“Estes esixirían pagos mensuais a todas aquelas persoas que quixesen traballar para as empresas adxudicatarias dos servizos como requisito obrigatorio para poder entrar a traballar nelas, a modo de ‘mordida'”.

“Se non se accedía aos devanditos pagos, nunca se podía entrar no persoal”. “Do mesmo xeito, se se deixaba de pagar, os traballadores eran despedidos baixo calquera pretexto, como así se desprende das probas testificales practicadas”, apunta tamén.

ALTO NIVEL DE VIDA

Por outra banda, indica que “grazas a estes ingresos, os detidos gozaban dun alto nivel de vida, con automóbiles e vivendas de gran valor económico, manexando gran cantidade de diñeiro en efectivo”.

A Policía bloqueou preventivamente varias propiedades inmobiliarias, entre as que se atopan sete leiras urbanas e dúas leiras rústicas valoradas en máis de medio millón de euros, así como activos en contas bancarias por un valor moi elevado.

Foron intervidos tamén: 45.000 euros en efectivo, seis vehículos de alta gama, teléfonos móbiles e material informático, así como dous armas detonadores con 90 cartuchos e unha imitación de placa emblema de policía.

DKTC celebra os seus 20 anos na Coruña

0

Hai pouco que fixeron vibrar coas súas rimas a todo Monte Alto co gallo das festas do barrio, e liárona tal que así:

A banda máis emblemática do hip hop galego, regresa este mes de marzo aos escenarios da Coruña e Vigo para iniciar a xira do seu 20º aniversario “Tremendos Anos 20”. Se en Vigo será o 3 de marzo, na Coruña a cita será o sábado 18 no eterno Playa Club.

Historia

DKTC é historia do rap en galego. Desde a súa formación no 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destacou polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LP e percorrer ducias de festivais e salas de concertos por toda Europa, DKTC publicou o pasado 2022 ‘En que ano estamos?’, un EP con cinco temas nos que os seus membros demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país. Entre os novos tracks, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos dos últimos tempos: ‘OG’, con Boyanka Kostova.

Este 2023 a banda de Ordes mestura o rap con sons trap ou reggae, e as marida en concerto coas as imaxes creadas polo artista de renome internacional e precursor do Gif Art, A.L. Crego, arroupan e interactúan co contido das cancións de DKTC, aumentando de maneira exponencial ás xa de por si enérxicas actuacións que caracterizan á banda.

As entradas para as citas están dispoñibles a través da plataforma Enterticket.

Por fin sae adiante o ‘bono cultura’ con descontos de entre 200 e 60 euros a partir de marzo

0

O Concello da Coruña aprobou, en Xunta de Goberno local, as bases reguladoras da terceira edición do ‘bono cultura’, que estará operativo en marzo. A esta iniciativa, destinará un orzamento de 260.000 euros. Así o anunciou a alcaldesa, Inés Rey, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno e na que destacou que a “diferenza” nesta campaña é que existen dúas categorías.

En concreto, un bono está dirixido á matrícula ou inscrición en talleres, cursos ou actividades culturais, “dotado con 200 euros por usuario” para transaccións de “un mínimo de 50 euros”, e o tradicional, destinado a produtos ou outro tipo de servizos culturais, que contará “con 60 euros para sufragar as compras cun gasto mínimo de 10 euros”. Ambos son “incompatibles” entre si e son “obrigatoriamente” para persoas maiores de 14.

Esta axuda suporá unha contribución “de ata o 50% do valor económico dos diferentes bens culturais” que compren as persoas receptoras do bono “sempre” en establecementos adheridos á campaña.

Segundo explicou a rexedora, o prazo para que os establecementos fornecedores deste servizo se poidan adherir ao programa é do 1 ao 31 de marzo cun límite de 5.000 euros a cada un. As persoas interesadas en obter estes bonos poderán descargalos e empezar a utilizalos desde o 15 de marzo ata o 31 de decembro de 2023 “ou ata que esgote o orzamento destinado á campaña”, cunha caducidade de dous meses.

Rey insistiu en que o ‘bono cultura’ ten a “finalidade clara” de dinamizar e apoiar ao sector cultural da cidade, “incentivando a compra de produtos ou servizos culturais por parte da cidadanía”. O obxectivo “específico”, engadiu, é “estar á beira do pequeno comercio e os autónomos, fundamentais no tecido económico da cidade”.

MAREA ATLÁNTICA

A Marea Atlántica, pola súa banda, celebra o “desbloqueo” desta nova edición do ‘bono cultura’ e da constitución do Consello da Cultura, cuxo regulamento se aprobará definitivamente no pleno do próximo xoves, dous acordos asinados pola formación municipalista e o goberno de Inés Rey en 2022.

No entanto, nun comunicado, o candidato á Alcaldía Xan Xove lamenta que fose “en tempo de desconto do mandato” e comprométese a “recuperar a concellaría suprimida polo PSOE e a darlle a volta a catro anos sen proxecto cultural para a cidade”.

As Tanxugueiras debullaron as dificultades que pasan para triunfar no mundo da música

0

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro foron protagonistas da primeira das sesións da terceira edición do foro Pensando en Educación, organizado polo Concello da Coruña. O salón de actos da Fundación Paideia ateigouse para escoitar ás cantareiras do grupo Tanxugueiras reflexionar sobre os retos das mulleres no mundo da música

Moderou o acto a xornalista Loreto Silvoso. Sabela, Aida e Olaia falaron das dificultades que tiveron como mulleres para desenvolver o seu traballo musical e das necesidades que existen no seu sector para acadar unha igualdade real.

Tanxugueiras no Foro Pensandi

Máis sesións

A segunda sesión do terceiro foro Pensando en Educación terá como protagonistas á coruñesa Sofía Toro, campioa olímpica, mundial e europea de Vela e xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, e a defensa central do Deportivo Abanca, Raquel García, o próximo 30 de marzo.

Ofrecerá a terceira e última charla Isabel Blanco, comunicadora, actriz e produtora de formatos para televisión, documentais e pequenas ficcións e Mariana Carballal, docente, directora de cine, teatro, televisión e activista pola igualdade de xénero na cultura o 27 de abril. Moderarán as xornalistas Isabel Bravo e Lara Vivero.

O coque, fertilizantes, carbón e grano converten ao Porto da Coruña no gran nodo loxístico do noroeste

0

O balance de tráficos de xaneiro no Porto da Coruña mantén a súa liña de crecemento cun 6% de subida sobre o mesmo mes de 2022. Nun comunicado, a Autoridade Portuaria sinala que o pasado ano foi “o terceiro da historia do porto en canto a volume de tráficos” no que A Coruña rexistrou “un crecemento do 25%, o maior do sistema portuario español, que no conxunto das 28 autoridades portuarias tivo un incremento medio do 3,5%”.

En canto aos datos de xaneiro, engade, movéronse “1,24 millóns de toneladas, fronte aos 1,17 millóns do pasado ano”. O sector con “mellor comportamento” foi o de graneis sólidos, “cun 12 por cento”.

A institución vincula este crecemento tanto ao posicionamento de Punta Langosteira “como o principal centro loxístico do noroeste de España en graneis agroalimentarios”, como ao seu papel “estratéxico” no actual contexto do tráfico marítimo internacional en produtos como coque, fertilizantes ou carbón. En total, o porto exterior canalizou 500.000 toneladas.

A Cámara de Comercio da Coruña aposta polo continuismo con Antonio Couceiro ao fronte

0

Antonio Couceiro foi elixido de novo como presidente da Cámara de Comercio da Coruña. Ademais, na mesma sesión procedeuse á elección dos membros do comité executivo, segundo informa o organismo cameral. As vocalías foron cubertas por Roberto Tojeiro Rodriguez, José María Álvarez Gallego, Natalia Barreiro Mata, Joaquín Pérez Bellido e Diego Vázquez Reino.

Así mesmo, nomeouse vicepresidente primeiro a Antonio Abril Abadín, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS) e vicepresidenta segunda a Luz Pardo Longueira, conselleira delegada de Grupo Gestán. Patricio Erhardt ocupará a outra vicepresidencia.

Nesta nova lexislatura de catro anos, o pleno da Cámara estará constituído inicialmente por 56 vogais: 36 en representación dos distintos sectores empresariais elixidos por sufraxio, 10 propostos pola Confederación de Empresarios da Coruña de entre as empresas que realizan achegas voluntarias á Cámara e outras 10 de entre as empresas de maior achega económica.

Detido un conductor drogado tras unha espectacular persecución pola Coruña e Oleiros

0

Axentes da Policía Nacional detiveron a un condutor por circular en sentido contrario na Coruña e darse logo á fuga, segundo informa a Xefatura Superior de Policía en Galicia, que lle imputa un delito contra a seguridade do tráfico e outro de resistencia e desobediencia.

Os feitos producíronse esta pasada madrugada, sobre o seis menos cuarto da mañá. Unha patrulla policial observou un vehículo que circulaba en dirección contraria na Avenida das Conchiñas, dándolle o alto.

Con todo, o condutor non atendeu as indicacións e circulou ata a Rolda de Outeiro, onde o vehículo policial alcanzouno, e os axentes solicítanlle que se apartara á dereita. O home, con todo, desatendeu as advertencias e continuou circulando ata pararse nun semáforo. Nese momento un policía saíu do vehículo para darlle indicacións de novo ao condutor, pero este fixo caso omiso á orde.

Segundo a Xefatura Superior, “foi necesario que o axente se botara a un lado xa que o home arrincou o coche a gran velocidade, sen importarlle o sinal luminoso en vermello do semáforo nin que o Policía Nacional estivese na traxectoria do seu vehículo”.

Posteriormente, continuou a súa fuga cara á avenida Alfonso Molina en dirección saída de cidade, “desobedecendo en todo momento as ordes dos axentes e pondo en perigo a seguridade do tráfico rodado e dalgúns peóns, saltando semáforos en vermello e cambiando de carril de forma brusca e sen sentido”.

Varias dotacións policiais en servizo procederon á súa persecución, que proseguiu pola ponte da Pasaxe e en dirección Santa Cristina. Finalmente, foi interceptado en Santa Cruz, aínda que ofreceu gran resistencia, resultando un axente ferido nunha man. Unha vez identificado o condutor, comprobouse que carecía de permiso de conducir. Tamén, por parte de axentes da Garda Civil, constátase que consumira sustancias estupefacientes.