InicioOPINIÓNForo Cívico: o mesmo espíritu de 1992, mais coa inquedanza de hoxe

Foro Cívico: o mesmo espíritu de 1992, mais coa inquedanza de hoxe

Publicada o

Por Ricardo Vales
A asemblea do Club de Opinión Foro Cívico aprobou o pasado martes, día 14, un protocolo de colaboración coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB) en virtude do cal todos os asociados de ambas entidades gozarán dos mesmos dereitos respecto ás actividades conxuntas que poidan organizarse. A  Xunta Directiva do Foro Cívico, presidida polo xornalista Antón Luaces, funcionará como un Grupo de Traballo dentro do organigrama da propia ACAB. O Foro Cívico seguirá traballando co mesmo espíritu daquel xaneiro de 1992, data da súa constitución, mais coa inquedanza de hoxe, como un foro de debate aberto sobre os problemas da actualidade aportando un variado sumario no cal revisaranse aquelas cuestóns que ocupan o interés da opinión pública, na liña exposta polo escritor e xornalista Manolo Rivas na acta fundacional, “concordamos na creación dun Foro Cívico coa única pretensión de que esta iniciativa teña o xeito dunha tribuna de opinión pública, baseada no contraste e no diálogo, unha plataforma de expresión da pluralidade e das arelas futuristas, que contribúa á dinamización da sociedade civil, honrados pola linaxe galeguísima da nosa urbe, unidos na querencia pola liberdade e pola vontade de exercela, sen outra fronteira que a que de por si delimita a tolerancia”.
Non foi casual que na Coruña o despertar polos temas que concitaban o interés de amplas capas da poboación ao final da ditadura e principios da transición coincidira co histórico Ateneo, sito na céntrica rúa Alfredo Vicenti, presidido en diferentes etapas por Pablo Uriel, Claudio Movilla e Guillerme Díaz, nun clima de seudocambeo subsiguente á morte do ditador. A euforia pola política fora da esfera institucional popularizou o interés deica as cuestións que xa albiscaban un cambeo nas estructuras do país e que demandaban o contraste de opinións co desfile dalgunhas das figuras máis representativas do pensamento progresista discutindo sen complexos nen tabúes gran parte dos problemas aos que se enfrontaba o país.
Dende esa perspectiva, o Foro Cívico sempre tivo a vontade de suministrar o conxunto de materiais precisos para o debate e a reflexión que permitiran á cidadanía formarse unha opinión cabal e razoada promovendo debates que pola súa calidade, vixencia e viveza polémica nos parecían que conservaban un maior interés dende perspectivas contrapostas tentando detectar as orixes de moitos problemas e apuntar as posibeis solucións. Con toda modestia, penso que a traxectoria do Foro Civico foi unha oportunidade para a reflexión que moitas veces nas propias institucións morre de languidecemento ao estar sometida a crítica á disciplina administativa e regulamentaria, cando non á banalización de moitas iniciativas xurdidas dende a rúa. Penso que a existencia do Foro Cívico, para tempos de desencanto, non está mal.
Tras case dous anos de suspensión por mor das restriccións sanitarias, a asemblea do pasado martes aprobou o calendario de actividades para o ano en curso que xirará en torno a cuestións de tanta actualidade como as leises de Memoria Democrática e simboloxía franquista na Coruña, así como a do “Solo si é si”, Liberdade de Prensa, Eleizóns municipais, Defensa da sanidade pública, Futuro das pensións, Sedición e malversación no Código Penal, Desmemoria da escravitude, Eleizóns xerais,  Futuro dos peiraos e o Premio Xustiza e Liberdade Marcelino Liste.
Por último, considero que o mellor  eloxio co que poden presentarse estos temas á cidadanía coruñesa reside, sen dúbida, na capacidade que teñamos para reavivar nosa pasión polo debate, exercendo a liberdade que figura no título do manifesto fundacional.
Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e responsábel de comunicación do Club de Opinión Foro Cívico e da plataforma cívica Defensa do Común.

ÚLTIMAS

A Coruña declara a emerxencia sanitaria e contratará a outra empresa para limpar as rúas

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou que acaba de asinar un decreto que declara a...

A Arqueta dos Frades, a segunda fonte da historia da cidade, espera os edificios da macrourbanización de Visma

Xa deron comezo as obras do delirio urbanístico de Visma-A Gramela, que se prolongarán...

Castrexos e romanos selaron a paz na divertida VII Galaicoi

Fermosa fin de semana a que se viviu en Cambre con esta festa histórica...

Investigadores galegos detectan a presenza dunha alga invasora na ría da Coruña

O grupo de investigación BioCost, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here