——– —– —-
“Era un artista total, pintaba, improvisaba versos, tocaba a guitarra. Tiña moito carácter e era tamén moi coqueto -limpo dicía el- sempre andaba impecable e perfumado”.
Así lembra a súa neta Elena o gran mestre do carnaval da Coruña: Manuel García Canzobre. Co seu Mariachi prendeu fondo no corazón da cidade. Estou a falar do “Coche funerario”, do “Tranvía de Riazor” ou do “Calexón de Tabares”, clásicos que poden xurdir –sexa antroido ou non- en calquera templo tasqueiro:
Por que sigue circulando
ese tranvía de Riazor?
Depósito microbiano
que cheira a queixo de Roquefort.
(con música de: vain’aprendendo)
Naceu en 1886 en Riazor, non no campo, na propia aldea de Riazor, unhas casas de mariñeiros situadas nos terreos que agora ocupa o Playa Club. Cando había moito mar, as ondas entraban até a cociña. Tiña tanta confianza co océano que de moi novo embarcou cara Cuba de polisón. Despois Londres, Maracaibo, Nova York… destas viaxes volveu cuns dedos virtuosos na guitarra e co ánimo espelido para armar ferretes.
Finou no ano 77. Na súa derradeira entrevista radiofónica, feita por Antón Luaces, afirmaba que saíra coa primeira comparsa no ano 1926. A Guerra non foi tempo para moitas antroidadas. E menos na rúa da Torre, predio obreiro da CNT. Canzobre e familia tiveron que pasar uns anos agachados, pola banda de Friol, na aldea de Roimil. Mais reapareceu no ano 53 disposto a recuperar os antroidos perdidos. A partir de entón o seu chapeu converteuse no mellor calendario de días feriados. Usaba dúas boinas -unha de diario, outra de paseo para os domingos- e, se gastaba chistera…. é que había Carnaval.
Por suposto foi tamén o autor da elegante indumentaria do seu Mariachi: bombín e traxe negro de plexigláx. A canda el -perdón se me esquece algún-, Gelito, Wences, Anguila, Cadavieco, José Leiras, Manuel Bujía e José Iglesias, armados coas súas guitarras, laúdes e o instrumento rítmico que o propio mestre bautizou como rascayú.
O repertorio de Canzobre nunca se acaba. Hai uns antroidos Enrique de La Naval ensinoume estoutra repichoca: A crónica do barco coreano que equivocou o rumbo. En lugar de dirixirse cara ao porto, houbo entrar polo medio do Orzán. Afortunadamente na garita da rúa do mesmo nome estaba o vixía para o avisar:
Pero o vixía ao velo entrar,
díxolle en coreano;
telefunken pola china
que che poden atracar.
Moi afortunados foron Aquiles e Ulises por ter un Homero que catase a súas fazañas. Afortunada tamén A Coruña, pois tivo a Canzobre para pórlle música ao seu Antroido.
Este Martes volveremos cantar eses clásicos diante da súa estatua na rúa do Parque. Pero queremos máis:
Como o loro Rabachol é o símbolo antroideiro de Pontevedra, e en Gasteiz proclamaron rei das festas ad eternum o seu Celedón, estou certo que algún día se erguerá no Campo da Leña unha grande efixie de Canzobre, para que poda agromar do interior da súa chistera a revolución do Carnaval!
- Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.