InicioOPINIÓNRunas de nós

Runas de nós

Publicada o

Por Xurxo Souto

A bohemia coruñesa ten un nome, Xaime Cabanas. Aquel que no pub o Patacón, cun borrancho do dedo mollado no café, era quen de pousar na servilleta todo o misterio do mar do Orzán.

A súa pintura leva os nosos trazos, o código co que fala a noite nesta cidade. Arte e vida chea de exceso. Xaime, como bo bohemio, morreu cunha absoluta discreción. Sen molestar a ninguén. Nin sequera os medios de comunicación. O 25 de xullo de 2013, cando todos os focos se dirixían cara ao terrible accidente de Angrois.

Xaime Cabanas coa camisola do Depor / Canal Deportivo

Agora o seu lobicán volve ouvear en forma de cartel polas rúas.

Xa sei que o sabes, o Concello organizou unha gran exposición antolóxica: Cabanas MMXXIII. No Quiosco Alfonso, na gran sala de Palexco latexa estes días o poder do seu talento. Parabéns aos comisarios, Pedro Vasco e Carlos Pita, por encher de luz esas runas que nos conforman.

Hai quen se esforza en presentar unha cidade sempre perfecta. A realidade teimuda amósanos unha Coruña máis grande. Esa rocha atlántica na que peta con furia o océano na invernía, onde ás veces se espetan os petroleiros, e mesmo os vertedoiros poden caer ao mar.

Aquí armamos a nosa vida. Mundo extraordinario, cósmico e escatolóxico á vez. Fecundidade da natureza, suxo cemento de arrabalde. Sempre de fondo o boureo do mar.

Ás veces danos medo contemplar esa realidade rabuda. Cabanas medo non tiña. E iso que levou moitos paus no lombo.

Area, petróleo, ferranchina, urkiola, arenques, furna, parrochas, lume de refinería, chichimoni e rancio de cubata. O máis sinxelo tería ter representado tal universo como un magma abstracto. Cabanas foi moito máis alá. Fagocitou este furacán de estímulos até convertelos en símbolos:

Os serviola, a mala pica, caveira que fuma, a man que rabuña, e a cabeza do lobicán. Runas do noso tempo, unha grande arte de rindanga.

Por iso, como o borrancho do café, todo o que Cabanas tocou –cadros, tascas, escaparates, paredes ou camisetas- ao momento saíu da vulgaridade e converteuse en arte plena, sintonía desta cidade-barco.

Exposición Cabanas MMXXIII. E de remate…que continúe. Precisamos seguir catando deste alimento, Xaime Cabanas, tóxico-elixir, luz de chapapote.
Grazas mestre !

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

Novas relacionadas

 

 

ÚLTIMAS

Investigan a aparición dun cadáver nun camión do lixo na planta de reciclaxe na Coruña

A Policía Nacional abriu unha investigación pola aparición dun cadáver nun colector na planta de reciclaxe de...

O servizo de Teleasistencia da Cruz Vermella coida máis de 2.200 maiores na Coruña

Recibía esta mañá a sede da Cruz Vermella da Coruña, a visita institucional comandada...

A Coruña acolle o acto ‘As elixidas’ con líderes locais de Cabo Verde, Mozambique ou Brasil

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este martes o acto de apertura do...

A Coruña rende homenaxe aos Mártires de Brens

Norberto Recamán Lago, Florentino Canosa Barreiro, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here