InicioBARRIOSO San Xoán que foi

O San Xoán que foi

Publicada o

Por Tito Pérez

Cando finalizaba o curso escolar e os días se facían máis longos e calorosos, a veciñanza da Coruña se mobilizaba para celebrar o seu San Xoán. Non era preciso que ninguén a incitase nin a tutelase, moito menos o concello, porque era unha festa súa, moi vencellada co seu propio carácter e costumes. Era unha manifestación comunitaria e espontánea, e por suposto laica, e polo tanto non suxeita a ningún tipo de regulamentación ou domesticación. En moitos casos, como na meirande parte das festas populares, a festa deviña salvaxe, aínda que non tanto como outras do estilo, por exemplo as fallas de Valencia ou os San Fermíns Pamplona.

En principio a celebración resultaba ben sinxela. Na tarde de San Xoán a xente saía á porta da casa e xunto a veciños e veciñas facía unha sardiñada (con pan de broa) a carón dunha fogueira construída por eles mesmos. Ás doce na noite (non ás nove ou ás dez como arestora acontece), comezo do día de San Xoán, prendíase a fogueira. Na madrugada, cando a fogueira estaba case consumida, saltábase dunha beira á outra, en principio tres veces. Os máis ousados cruzaban as brasas descalzos, o que se consideraba un signo de afouteza.

Coas pandas de mozos, o San Xoán acadaba unha dimensión que daba lustre e contido á festa. As fogueiras posuían unha arquitectura determinada, semellante á dun barco, cun pao maior como eixo central, unha osamenta de vigas e madeiras grosas fornecendo volume e madeiros máis pequenos nos intersticios. O comburente procurábase por toda a cidade; en soares abandonados, en obras de reformas ou demolicións, en depósitos de lixo, ou mediante obradoiros ou pequenas fábricas que se desfixesen de madeira.

Nas fogueiras había mobles vellos, portas, cadeiras, pupitres de colexios, palés, enormes vigas de edificios, chinchorros, incluso teño visto paus da luz. A cidade quedaba entón limpa de refugallos. Eis o espírito do San Xoán, queimar o vello. E así se facía. Agora esta queima considérase unha catástrofe ambiental, porque seica en Sogama ou Nostián non queiman lixo os 365 días do ano, nin o soterran en vertedoiros colapsados.

As pandas de mozos pasaban semanas a carrexar madeira. Era unha actividade comunitaria que supuña un esforzo e unha organización colectiva. Había quen non aprobara o curso en prazo e nas datas previas ao San Xoán asistía aos exames de recuperación co pulso tremendo despois de carrexar toda a mañá.

Para gardar a inxente cantidade de madeira ata o día sinalado buscábase polo barrio un soar propicio. No noso caso o señor a destajo vixiaba dende a súa fiestra. Fornecíanos de xornais vellos e caixas de froita. Emocionábase co noso labor. Adoitaba animarnos dicíndonos “ahí hay madera a destajo”, e de aí lle veu o alcume.

A cacharela era motivo de honra para os rapaces. Pugnábase por ver quen construía a máis grande. En Durmideiras había dúas pandas, cada cal coa súa fogueira. Segundo ían amoreando a enorme pila de madeira de tres ou catro metros de alto e cinco ou seis de ancho deixaban sentinelas día e noite, pois desconfiaban de que os outros lles roubasen madeira.

A xente adoitaba facer as fogueiras nos seus barrios. Nun parque, nun descampado ou no medio da rúa. Ás praias do Orzán ou Riazor ían os que vivían polo centro ou en barrios de máis avoengo, porque non se adoitaban plantar fogueiras en San Andrés, Rúa Real ou Juan Flórez. Sendo así, a festa esparexíase polos barrios populares e o centro non se atopaba tan ateigado como hoxe en día.

A ninguén se lle ocorría parcelar as praias con cintas de obra. Para comezar porque a festa implicaba un sentido de fraternidade cos conveciños, e para rematar porque as fogueiras eran fogueiras de San Xoán (non catro madeiros doados polo concello), e cando se acendían desprendían bafaradas de calor que creaban clareiros de decenas de metros onde non se aturaba coa fogaxe.

Como as fogueiras eran tan grandes, permanecían acendidas e dando calor ata as seis ou sete da mañá, non esmorecían á unha ou dúas como agora. Os rapaces quedaban toda a noite en torno á fogueira que construíran con tanto esforzo e da que estaban orgullosos. Falábase e bebíase cos amigos e con todo aquel que se pasase con intención de pasalo ben. Moitas veces non se chegaban a pisar bares ou discotecas. O alicerce e inspiración do San Xoán, era a fogueira.

Outro costume entre os rapaces era pedir cartos polas casas da veciñanza, para mercar sardiñas. E os veciños adoitaban dar. Porque en San Xoán, a sardiña molla o pan. Agora o característico do San Xoán da Coruña é o churrasco. Moito máis cómodo para os bares do centro, que se transformaron nos verdadeiros protagonistas. Os únicos que se van preocupar días antes de solicitar autorización para facer unha fogueira, neste caso montar unha grella.

Un ano o concello habilitou nas praias carpas techno que servían bebidas e estoupaban os tímpanos do persoal. Esta ocorrencia non durou moito, porque atraían pelexas e drogas. Pouco despois estableceuse un dispositivo de seguridade á altura dun cumio do G7. O seu propósito era (é) aplicar diversas restricións, principalmente nos areais, onde a estas alturas xa case ninguén fai a súa fogueira. Sería interesante comprobar o número de fogueiras maior que unha grella ou catro madeiros que hai en toda a cidade, se é que queda algunha. Sorprendentemente, antes de existir este dispositivo non se produciu ningunha masacre e que eu lembre nunca se incendiou a cidade.

Agora no San Xoán hai ruído e luces por todos sitios; puxeron teatro, concertos (como se fosen necesarios reclamos en día tan sinalado), música chunda chunda e demais regulamentos sobredimensionados, protocolos e domesticacións. Antes só estaba o fragor do lume, o murmurio da veciñanza, a satisfacción de comezar o verán e erixir a fogueira canda os teus paisanos, cos folgos e vontade comúns. Se te afastabas un chisco, quizais coa túa namorada, a un lugar solitario nunha praia, nun recuncho esquecido da cidade, nunha atalaia oculta e alén do balbordo, quedabas na compaña do silencio da noite, coas cacharelas alumeando ao lonxe, a alborada asomando no horizonte e o característico cheiro a fume e a sardiñas que todo o impregnaba, e que che sabía a camaradería, a troula, ao latexar dos barrios dunha cidade en pé.

  • Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.

MÁIS ARTIGOS DE TITO PÉREZ EN XDC

MÁIS INFO

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

1 COMENTARIO

  1. Interesante artículo.Al leerlo,repasé con alegría los recuerdos de mi infancia con mis padres,hermanos y vecinos y tal como se relata te transporta a aquellos maravillosos días de Xan Xoan que en nada se parecen a los actuales.Gracias por el relato.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here