InicioCULTURAOlladas doutro tempo: San Andrés. Avrillón

Olladas doutro tempo: San Andrés. Avrillón

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Desfruto enormemente coas fotos antigas de Coruña, en especial cando atopo unha que nunca antes vira. Para min, é coma un xogo: primeiro tento ubicala, repasando mentalmente rincóns de rúas e prazas, ou pensando noutras fotos xa coñecidas. Cando creo que xa din co lugar correcto, xurde a necesidade de levar a imaxe ata o lugar físico, para acadar o punto exacto onde foi tomada. Ese momento, o do contraste pasado-presente, é o mellor do proceso: comprobando se estaba no certo, se hai que moverse uns metros do calculado, cambiar ángulos…  Entón pasamos á derradeira fase, que consiste, alí mesmo, en observar que queda na actualidade, o que aínda sobrevive dende aquel intre.

Neste caso é evidente que falamos de San Andrés, pois ese é o título da fotografía. Pero para ubicala exactamente hai que atender a varias cousas. A primeira referencia moi clara é a torre de campás da capela de San Andrés, que asoma no centro da imaxe. E a curvatura da rúa, que serpentea moi suavemente de esquerda a dereita. Con isto xa temos distancia e dirección. O punto exacto vaino a indicar o ángulo que se aprecia entre os dous primeiros edificios da dereita, marcando o inicio do chaflán que forma San Andrés na intersección coa rúa Santa Catalina. Eses dous inmobles seguen alí, observando o tráfico desta arteria da cidade ó longo de tres séculos distintos. O resto, déixoo para que o vaia a observar quen queira e que saque as súas propias opinións. Non quero ser eu o único que se divirta con estas cousas.

Quen estaría encantado de ver a nosa curiosa diversión sería Alejandro Avrillon, o autor da imaxe. Foi un dos primeiros fotógrafos dos que se ten mención na cidade. Nacido en Francia en 1840 e trasladado a estes lares, ó igual que a familia Sellier, polo traballo do seu pai coma operario de cristais na fábrica de vidro. El tamén comezou a traballar na mesma factoría, pero afortunadamente acabaría optando por adicarse á fotografía, tan de moda na súa época. Chegou a ser cuñado e socio do irmán maior dos Sellier, Luis. E uns anos máis tarde instalaríase por separado e tamén trocaría o nome polo que sería coñecido, de Alejandro a Juan Bautista Avrillon.

Non se coñece a data exacta da imaxe, pero pódese dicir con seguridade que foi a finais do século XIX cando Avrillón estivo xusto alí para capturala. A pé de rúa, a vista de persoa. Facendo que, máis de 120 anos máis tarde, poidamos ollar para ela e mesturarnos no ambiente de entón, case dubidando entre camiñar tranquilamente tralo carro, ó paso dos bois, ou percorrer a rúa máis á presa, adiantando ó home do sombreiro.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

A Coruña, designada oficialmente como sede do Mundial 2030

Por fin, a FIFA acaba de aprobar oficialmente a candidatura de Riazor como sede...

O pleno ratifica a suspensión cautelar do Plan das Percebeiras

Paso atrás do Concello sobre o polémico proxecto de urbanización das Percebeiras. Se no...

O funcionariado sae á rúa para esixir unha solución ao concerto sanitario de MUFACE

A asistencia sanitaria de máis de 1.500.000 funcionarias e funcionarios está pendente da a...

Máis de 60 entidades convocan unha marcha este sábado con saída dende María Pita para reclamar a “devolución” da Casa Cornide

Máis de 60 entidades convocaron unha marcha este sábado, día 14, na Coruña para...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here