InicioCULTURAOlladas doutro tempo: Praia do Parrote e Cárcere Real

Olladas doutro tempo: Praia do Parrote e Cárcere Real

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Algas sobre a area e as rochas, recendo a mar e xente aproveitando a marea para recoller ameixas ou mollar os pés na auga salgada. Inmersos na actividade cotiá desta praia perdida, alleos á beleza do momento que están a vivir. Se os trasladásemos directamente ó noso tempo, pode que tivesen que esquivar algunha bola de pádel ou tentar seguirlle o ritmo á clase de zumba. Pero aínda non.

Ó lonxe intúese a liña branca de edificios acristalados da Pescadería, a liña negra da vexetación dos xardíns e diante os almacéns do porto. E no centro da imaxe, case pegadas á praia, emerxen por riba das murallas da Cidade Alta dúas robustas edificicacións. Vemos a fachada traseira do Pazo de Capitanía, caleada e rematada con miradores de galería. Á súa esquerda, no centro da imaxe, pendurado literalmente das murallas, o Cárcere Real. Entre os dous, ademais dun anaco da Casa Gótica, pódese apreciar un pequeno muro branco con tellado, unindo os dous edificios. Dous edificios ligados entre si dende sempre pola súa función.

En Capitanía residía o Capitán Xeral do Reino de Galicia, no lado dereito. A metade esquerda do edificio estaba reservada para a Audiencia Real, máximo tribunal galego, institución precursora do actual Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Capitán non só era a principal figura mililtar en Galicia, tamén era o principal maxistrado da Audiencia. E esta Audiencia tiña ó seu carón un presidio. Esa estrutura que conectaba os dous edificios era un pasadizo elevado e cuberto para trasladar ós presos directamente das salas do tribunal ós calabozos, sen saír á rúa.

O edificio do penal ergueuse a mediados do século XVIII e cumpriu coa súa triste función ata a inauguración do novo presidio na zona da Torre de Hércules, en 1927. Ó ano seguinte derrubaráse, cousa que non pareceu mal ó historiador Carré Aldao quen falaba do caserón coma sórdido e lóbrego, que atristura o ánimo. Din que as mazmorras, na pranta inferior, quedaban baixo o nivel do mar na marea alta, e que seus muros zumegaban salitre. Xa en 1886 o historiador Rey Escariz comentaba que aínda que sólido, o edificio non reúne as condicións necesarias para esta clase de establecementose solicita outro á altura dos adiantos da época. Habería que agardar corenta anos máis.

Descoñezo quen foi o fotógrafo que nos permitiu ollar atrás ata ese momento, pero captou a estraña fotoxenia deste edificio, potenciada neste caso co espectacular reflexo na auga do mar. É difícil explicar como pode protagonizar unha imaxe tan bonita un edificio con tan escura historia.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Tres acusados de asasinato, un por cómplice e a moza, absolta, no xuízo de Samuel Luiz

O xurado do xuízo pola malleira mortal a Samuel Luiz declarou culpable de asasinato a...

Alas Coruña celebra que o veredicto do xurado popular polo asasinato de Samuel recolla a “motivación homófoba”

A asociación LGTBI+ Alas Coruña, entidade que exerce a acusación popular no caso do...

As defensas dos acusados do asasinato de Samuel anuncian recursos

Avogados da defensa na malleira mortal a Samuel Luiz anunciaron recursos tras o veredicto de...

A “anormal” a situación que se dá en Galicia con respecto ao galego

A Biblioteca provincial da Coruña acolleu este venres a xornada 'Lingua con dereito. Dereito...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here