InicioBARRIOSOlladas doutro tempo: Fábrica de Tabacos

Olladas doutro tempo: Fábrica de Tabacos

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

A Palloza garda moita historia, aínda que non semelle tal cousa. Na segunda metade do século XVIII desviouse e canalizouse o tramo final do Río de Monelos -pola actual rúa que leva o seu nome e pasa diante do Fórum Metropolitano- coa idea de crear na Palloza o peirao de Correos Marítimos. Unha especie de Porto de Indias que conectaba Coruña con América. Dende alí partiu Alexander Von Humboldt a bordo da corbeta Pizarro cara á súa famosa viaxe científica polo mundo adiante.

Para o edificio que vemos na postal, imaxe de inicios do século XX, aproveitouse o almacén xeral de víveres para o servicio de Correos Marítimos. Esta institución funcionaría na cidade ata 1802, cando se trasladaría a Ferrol. Será entón cando se iniciaría a reforma das instalacións para o seu novo uso. A Real Fábrica de Tabacos inaugurouse en 1808  con 120 traballadoras. En 1812 ya eran 1300, e aumentaría case ata as 4000 en 1890. Un número enorme, tendo en conta que a poboación coruñesa nesa época non chegaba ós 40.000 habitantes.

A Fábrica de Tabacos foi todo un símbolo da industria coruñesa, e inspiraría a Emilia Pardo Bazán para escribir a famosísima novela “La Tribuna”. Esta fantástica obra está protagonizada por unha traballadora coruñesa e pola propia cidade, pois as descripcións da Coruña de 1883 son tan atractivas coma a trama que desenrolan as personaxes. A escritora falaría das cigarreiras deste xeito: “No es la cigarrera la tosca mujer del campo, de sentidos torpes y obtusos, de tarda comprensión, tímida al par que brutal: es al contrario una criatura lista como la pólvora, de afinados nervios y rápidas impresiones. El trato y roce contínuo con sus compañeras la hace sociable y comunicativa; la atmósfera saturada de tabaco, las largas horas de trabajo sedentario, empalidecen su tez y aligeran su sangre”.

Elas constituían o maior colectivo obreiro nunha soa instalación de toda Galicia. Pero non só eran moitas, senón que formaban un grupo moi unido. Eran solidarias, pero tamén eran bravas. Cando estaban descontentas, eran capaces de calquera cousa. Chegando mesmo a provocar revoltas sonadas, coma a de decembro de 1857. A dirección da fábrica adquirira maquinaria para picar e liar cigarrillos. Elas perderían postos de traballo e empeorarían as súas condicións laborais. Non o ían consentir: pechadas na fábrica, romperon as novas máquinas, tiraron os seus anacos polas fiestras directamente ó mar, que daquela bordeaba a fábrica, e subiron ó tellado. Dende alí defendéronse lanzando tellas. Ata que foron detidas e desaloxadas. Pero para iso as autoridades tiveron que enviar tropas de infantería e cabalería para sofocar o alboroto. As detidas foron levadas ó cárcere do Parrote por mar, para evitar máis protestas polas rúas. Pero ó chegar as embarcacións ó Parrote, grupos de mulleres apedraron á escolta, ata que a Garda Civil conseguiu escorrentalas.

A pesar de loitar con tódalas súas forzas, non foron quen de deter os avances tecnolóxicos. A novas formas de producción de tabaco farían menguar os planteis de traballadoras paulatinamente. En 1906 eran 2600 as traballadoras da factoría. En 1995, tan só 361. O debate non está obsoleto, hoxe en día a automatización laboral mellora a produción e a rendibilidade dende o punto de vista do empresario, aínda que aumenta a preocupación polo futuro laboral en moitas profesións. O prezo do progreso.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Investigan a aparición dun cadáver nun camión do lixo na planta de reciclaxe na Coruña

A Policía Nacional abriu unha investigación pola aparición dun cadáver nun colector na planta de reciclaxe de...

O servizo de Teleasistencia da Cruz Vermella coida máis de 2.200 maiores na Coruña

Recibía esta mañá a sede da Cruz Vermella da Coruña, a visita institucional comandada...

A Coruña acolle o acto ‘As elixidas’ con líderes locais de Cabo Verde, Mozambique ou Brasil

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este martes o acto de apertura do...

A Coruña rende homenaxe aos Mártires de Brens

Norberto Recamán Lago, Florentino Canosa Barreiro, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here