InicioCULTURAAqueles marabillosos oitentas

Aqueles marabillosos oitentas

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Fai uns días acudín á inauguración da exposición fotográfica “A invasión galega da movida madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola”, na fermosa Casa Museo Casares Quiroga, na tamén fermosa rúa Panaderas, dentro do ciclo Elas son artistas.

Espertoume o interese que a propia Marivi presentaría as súas fotos, e que Silvia Penide tocaría uns temas oitenteiros.

Sorte que fun porque descubrín a unha muller espontánea e chea de enerxía, na súa sesentena, co seu pelo vermello, que con entusiasmo e sen ancorarse na nostalxia (esa maldita!) foi explicando, a súa maneira chea de recordos e anécdotas e nada técnica, todas e cada unha das fotos da expo.

A primeira parte céntrase na sociedade do Madrid da época, ávida de cambio e renovación en tódolos eidos, incluido a cultura.

A segunda é un percorrido polos grupos e artistas da década: Mecano, Parálisis Permanente, Kortatu, Santiago Auserón, Antonio Vega, Alaska… e insignes visitas extranxeiras coma David Bowie, Nina Hagen, Andy Warhol ou Joe Strummer.

A terceira parte amósanos fotos do “eixe atlántico”, eses grupos, solistas e artistas galegos que recalaron na capital buscando o caldo de cultivo creativo que aínda non chegara, ou non con tanta intensidade, a esta esquina da península. Aí atopamos a Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Reixa, Siniestro Total, Germán Coppini ou Víctor Abundacia.

Chamoume a atención (quizás a vós tamén) o estado un pouco calamitoso dalgunhas fotografías, e Marivi explicou que se son os orixinais dos anos oitenta, e que cando o comisario lle pediu copias novas ela non podía nin moverse do sofá porque Madrid estaba inmersa nunha tremenda vaga de calor.

Tamén falou do entusiasmo e a naturalidade como características das súas fotos e do momento, e aí teño que recoñecer que me perdín un pouco nas miñas reflexións sobre esa perda de espontaneidade que nos acecha cando medramos e adquirimos sentidiño.

E tamén comecei a teletransportarme a uns anos puros e felices, a miña nenez, e recordeime cantando e bailando Marta tiene un marcapasos ante unha cámara de vídeo no traballo do meu pai (non todos tiñamos cámara na casa), desafinando coas miñas amigas no patio das Josefinas (agora edificio de oficinas) algunha canción de Mecano ou Pegamoides ou Os Resentidos (eramos eclécticas si),  berreando xa preadolescente “punky de postal punk de escaparate, moda punk en Galerías, muy punk!” (que boa!) de La Polla Records.

Espertoume das miñas ensoñacións a doce voz de Silvia Penide cunhas bonitas versión de “No mires a los ojos de la gente” e “Ni tú ni nadie”. Que mellor maneira de voltar á realidade, verdade?.

Así que xa sabedes, se queredes saltar no tempo e retroceder corenta anos, recordar (ou descobrir) aqueles marabillosos anos, a expo de Marivi agárdavos ata o 4 de outubro.bea alfonso

  • Beatriz Alfonso. Xurista, iogui en grao de tentativa e lectora apaixoada.

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

Buscan o autor do atropelo que acabou coa vida dun mozo de 25 anos

Un mozo de 25 anos morreu como consecuencia dun grave atropelo na Coruña. Segundo...

As razóns dos traballadores da Compañía de Travías para a folga deste luns 16N

Este luns 16 de novembro, teñan coidado se pensan ir en bus ao posto...

O Concello da Coruña centra a súa campaña do 25N na violencia dixital e vicaria

O Concello da Coruña desenvolverá ata o 3 de decembro unha campaña con motivo...

Corte na AC-214 a partir deste luns por obras na ponte sobre o río Mero, en Cambre

O tráfico estará cortado a partir deste luns, 16 de novembro, polas obras da...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here