O Concello da Coruña asinou o convenio co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para cofinanciar a construción da nova terminal de autobuses da estación Intermodal A Coruña-San Cristovo, cunha subvención nominativa ao municipio de nove millóns de euros para a execución do proxecto.
A iniciativa, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ten un orzamento total estimado de 32,4 millóns de euros. A futura terminal de autobuses contará cun edificio de viaxeiros, conectado coa pasarela peonil, unha planta baixa para aparcadoiro de turismos, un piso intermedio para dársenas de autobuses e unha cuberta lixeira, en consonancia coa da estación de ferrocarril.
Segundo lembran nun comunicado, a actuación está cofinanciada polo Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e Mitma. A alcaldesa, Inés Rey, celebrou este paso, “que permite que a nova Intermodal sexa edificada cunha achega mínima das arcas municipais“. “O Goberno central mostra a súa aposta pola cidade nun dos proxectos máis necesarios para mellorar a mobilidade colectiva e que pronto estará a disposición da cidadanía”, apuntou.
Doutra banda, Rey lamentou a falta de resposta da Xunta ante a petición formal do Concello para mellorar o proxecto inicial, creando un novo acceso para o tráfico rodado que coexistiría coa plataforma peonil que unirá as avenidas da Sardiñeira e Ferrocarril. “Tendémoslle a man á Administración autonómica para que solucione esta situación e evite así posibles alteracións no tráfico no futuro”, destacou.
Explican que o proxecto da estación intermodal no seu conxunto pretende integrar plenamente os autobuses interurbanos e os autobuses urbanos co ferrocarril, así como fomentar a mobilidade sustentable, “potenciando o uso do transporte público e da intermodalidade, ademais de conseguir un óptimo funcionamento da nova estación de autobuses e a súa integración co medio urbano”.
Neste sentido, o Goberno de Inés Rey aprobou o 3 de novembro en Xunta de Goberno local un modificativo de crédito que permitirá financiar as obras ordinarias de urbanización da vía de conexión entre a avenida de Sardiñeira e a avenida de Arteixo, que permitirá a creación do novo acceso á estación.