InicioCULTURAA superheroína herculina Nabiza Girl, dá o salto á animación para animar...

A superheroína herculina Nabiza Girl, dá o salto á animación para animar á mocidade a usar o galego

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Nabiza Girl, superheroína creada pola actriz Isabel Risco, dá o salto ao mundo audiovisual grazas a “Así falamos, así sentimos”. Ese é o título da serie de stop motion protagonizada por este personaxe e conformada por diversos episodios que arrinca a súa emisión en diferentes redes sociais esta mesma semana.

Con esta nova iniciativa audiovisual, lanzada pola produtora coruñesa Algarabía Animación e apoiada pola Deputación da Coruña a través das súas axudas á produción de proxectos singulares de especial interese, a superheroína creada e interpretada por Risco continúa a explorar novos formatos. Faino tras unha longa traxectoria nos escenarios e despois da publicación en 2023 de Operación Breogán, fanzine publicado por Demo Editora, asinado pola propia actriz xunto ao ilustrador Manel Cráneo e o guionista Carlos Ares e cuxo lanzamento coordinou Marta Horjales.

Agora xa a podemos ver no @asifalamos_asisentimos en IG e @asifalamosasisentimos en TikTok, o primeiro episodio desta serie familiar e xuvenil, que ten como obxectivo motivar o uso da lingua. Con esa meta, os diferentes episodios poñen o foco principalmente nun aspecto concreto da situación idiomática en Galicia: a influencia que ten o galego sobre o castelán falado. Así, esta serie artística de pezas de animación cinematográfica en stop motion xoga a inverter unha perspectiva frecuente do debate lingüístico —que adoita xirar habitualmente sobre a pegada do castelán sobre a nosa fala— para chamar á reflexión e pór en valor a potencia expresiva do galego, mesmo en ámbitos que adoitan serlle hostil. Mostras deste leitmotiv atópanse xa nos títulos de cada episodio, bautizados con palabras como “Reseso”, “Pota”, “Esnafrar”, “Esmagar”, “Cheirar” ou “Refugallo”.

 

Equipo

Este grupo creativo volve unirse neste 2024 para sumar o seu talento ao de Algarabía Animación, produtora encabezada por Tomás Conde e Virginia Curiá. Así, Ares asume a coordinación de guión xunto a Risco —quen tamén lle pon a voz a Nabiza Girl—, Manel Cráneo encárgase da dirección de arte e Marta Horjales desenvolve funcións de coordinacións nunha serie que nace co obxectivo de reforzar a identidade galega entre a mocidade, cun ton natural e desenfadado. A súa difusión levarase a cabo a través das ferramentas comunicativas máis empregadas polas novas xeracións: as redes sociais. Deste xeito, Así falamos, así sentimos poderase seguir a través de Instagram e Tiktok. Cómpre destacar, ademais, que o grupo coruñés Tiruleque lle pon a música á serie e que Laura Blanco Caramés é a responsable dos decorados e mais do atrezzo.

 

Máis novas

Manel Cráneo, novo director do Salón do Cómic da Coruña

#Aquitaménsefala: A BSO do IES Rafael Dieste faise en galego

ÚLTIMAS

Furor na Coruña pola eclipse: os hoteis están cheos cinco meses antes

A eclipse total de sol que poderá verse desde Galicia o próximo 12 de...

Amplíase o servizo de atención aos cidadáns 010 a todos os días da semana

O Concello da Coruña ampliou o servizo 010 de atención aos cidadáns a todos...

Arrinca en Arteixo a tempada do Campionato Xunta de Galicia de Autocross 2026

O sábado 21 de marzo darase o pistoletazo de saída á tempada do Campionato...

O Concello asegura que os cursos culturais do Programa de Lecer volverán en abril

Mantivo esta mañá o colectivo de docentes dos cursos Culturais do Programa de Lecer...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here