InicioA CORUÑACICAGallery, un proxecto que une investigadores da UDC e artistas, serán compatibles?

CICAGallery, un proxecto que une investigadores da UDC e artistas, serán compatibles?

Publicada o

Por Amanda Ferpe

A arte e a investigación científica son compatibles? Teñen puntos en común? O proxecto CICAGallery é un programa de residencias artísticas do CICA (Centro de Investigación Interdisciplinar de Química e Bioloxía, pretencente á Universidade da Coruña), o cal busca o desenvolvemento simultáneo dos investigadores científicos e dos artistas a través da colaboración. Como resultado desa convivencia creáronse diferentes obras artísticas que se poden visitar nunha exposición itinerante na Fundación DIDAC ata o próximo 10 de maio. Os laboratorios mudaron en espazos cheos de cultura.

Unha colección de dez obras froito destas residencias artísticas durante os meses de febreiro e marzo, que tiveron lugar nos laboratorios de cinco grupos de investigación do CICA. O Galicia Confidencial puido coñecer tanto a artistas como investigadores e saber que se levan da iniciativa.

EXPRELA E CILLAS RODRÍGUEZ

Manuel Becerra é investigador do grupo Exprela, que ten diferentes liñas de traballo. “Unha traxectoria intentando investigación básica, no sentido de intentar explicar como se produce a regulación da expresión xénica, como se expresan nunhas condicións e noutras non”, explica o investigador. Teñen unha liña sobre o cancro para investigar como se produce o proceso canceríxeno en células, centrado no cáncer de ovario e de próstata. Outra liña podería ser o estudo da microbiota, que define como o “conxunto de microorganismos que viven nos noso intestinos”.

Exprela traballou con Cillas Rodríguez, artista visual plástica, que se dedica un pouco de todo. Recoñece que sempre houbo influencia da ciencia no seu traballo. O seu proxecto foi sobre a microbiota, “esas bacterias que conviven no noso corpo”, unha das liñas de investigación do grupo. Tamén se estuda como outras bacterias degradan a palla de trigo para transformalo en previótico, alimento das bacterias. “Son dúas obras visuais, recuperei a palla de trigo mencionada e fixen un papel no cal houbese bacterias, unha obra viva con fungos e bacterias que medran co aire. Que cada día que vaias a ver a exposición, a peza sexa distinta antes os cambios do fungo, mancha con vida”, conta. A outra peza é un díptico de dous cadros distintos, nos que se representan dúas bacterias presentes no noso organismo: Bifidobacterium longum e Lactobacillus.

O investigador destaca de traballar coa artista que o proceso artístico e de investigación é “bastante parecido” no sentido de “explorar cousas novas, investigar, empregar o ensaio-erro ou a creación de novos materiais”. Así serviulle para rachar coa visión previa que tiña dos artistas, como profesionais máis centrados na estética ou “facelo bonito”, xa que agora pode dicir que viu como vai máis aló e “se intenta trasgredir”. Cillas destaca o coñecemento e a aprendizaxe adquirida tras a residencia. “No meu corpo teño moitas máis bacterias ca células propias, toda unha filosofía nova sobre quen es ou non, lévome esta reflexión sobre do que estamos feitos“, destaca.

NANOSELF E INÉS RODRÍGUEZ

Jesús Mosquera é un dos investigadores que encabeza o grupo Nanoself, traballan preparando novos tipos de nanomateriais e aplicalos para estudos biolóxicos. Desta experiencia CICAGallery, destaca que el non era experto en arte, pero que grazas á formación do propio proxecto, xa sabe algo máis. Traballaron con Inés Rodríguez, que é deseñadora téxtil artesán, e procurou integrar nunha peza artística téxtil, máis que de deseño, estes materiais “tan pequeniños”. Explica que case hai que imaxinalos e que intentou que a persoa que visita a exposición poida percibilos sen un microscopio que se precisaría. Traballou con grafeno e ouro nas súas dúas pezas. “Nunha hai dous tecidos que se van atopar un co outro, contrapostos para así xogar coa dualidade. Son de coiro, unha é negra polo grafeno que provén do grafito, e o outro leva ouro, tamén dentro e só se ve no reflexo. Unha simboliza a terra, a de grafito, e outra o ouro, como material noble, parte máis artística, o custoso que é. Debaixo hai un espello que “simboliza esa visión infinita dos pequenos materiais”. A outra peza é máis pequena cos materiais puros do laboratorio, de seda, en gris e tecido púrpura.

investigador conta que antes de traballar con Inés asociaba a arte á pintura, cine e non tanto aos tecidos, e que lle chamou a atención. No caso de Inés, pensaba que quizáis fose máis sinxelo e di que o pensamento é distinto, así como de abordar as cousas e crear. Porén, tamén viu puntos en común como é o coñecemento, a curiosidade, a busca de novos xeitos… “Tamén que hai moito descoñecemento do que fan eles e do que facemos nos, hai falta de conexión e esta residencia serviu para unir máis”, comenta a deseñadora.

BIOCOST E BREOGÁN XAGUE

Javier Cremades, pertence ao grupo de investigación de bioloxía costeira denominado Biocost. “Dedicámonos no CICA a desenvolver métodos de xestión sostible de hábitats de interese no medio mariño, o manexo das invasións biolóxicas, do análise do impacto do cambio global sobre o medio costeiro, e de explotación e cultivo de recusos fisiolóxicos mariños de interese económico”, afirma. Este grupo traballa por un lado en laboratorio e por outro en exteriores. Ao artista Breogán Xague isto chamoulle a atención e centrou a súa obra no que percibiu, tanto no propio laboratorio como no mundo exterior.

É un artista plástico do eido da escultura, que expresa que dividiu o seu proxecto en dúas partes, unha que se relaciona cos seus métodos de estudo dentro do propio laboratorio; e outra, no estudo desas algas no propio medio, na illa de Arousa, por exemplo teñen un proxecto para repoboar unha alga. Así, fixo unha serie mural de fotografías dixitais, de textos escritos e dun rexistro das mareas en Meteogalicia cosidos mediante fíos empregados polos investigadores do grupo. “Como se investiga a alga dentro do seu propio medio”. A segunda obra é un conxunto de serigrafías estampadas con espirulina que amosan os pregues do herbario das popularmente coñecidas como leitugas de mar. 

“Unha cousa bastante abstracta que abriu un pouco os ollos para ver o noso traballo doutra forma distinta,… Sempre se sacan cousas, ideas, outro enfoque da realidade de todos os días”, expón Javier. No caso de Breogán ve como punto en común “a vontade de traducir a realidade dalgún modo a algo que máis xente poida comprender” e destaca tamén a importancia da técnica en ambas disciplinas

UDCSÓLIDOS E VERÓNICA MOAR

Socorro Castro é docente e investigadora do grupo Udcsolidos, especializado en Química del Estado Sólido e Materiais. Deste proxecto destaca que foi moi interesante á hora de descubrir cousas en comúns co eido artístico, como pode ser o traballo con materiais. Neste sentido considera que grazas ao traballo con Verónica Moar, xurdiron novas ideas para traballar en investigación, como certas combinacións de materiais que non se lles pasaran pola cabeza ata que o fixo a propia artista para obter un resultado. Esta artista é ceramista e non tiña contacto previo coa ciencia aplicada á súa práctica artística. Primeiro observou e logo apuntou cara as ideas que poderían ter aplicación no seu traballo. “Solicitei esta bolsa porque tiña curiosidade, ao ser alguén bastante de letras, é descoñecía o que podería ser un traballo no laboratorio”, expón.

Verónica traballou cun material que ten este grupo que se chama perovskiñaNon o empregou coma eles porque fai fincapé en que existe “unha diferenza moi grande entre a ciencia e a arte que é facer pezas que non teñen utilidade, salvo alimentar o espírito”. En cambio, nos laboratorios o obxectivo “é obter algo útil” por isto recoñece que no inicio estaban algo perdidos por esa visión distinta. “Fixen unhas peciñas de porcelana, con formas que xa fixera con anterioridade, son corchos. Se esta peza de porcelana se somerxe nunha mestura que leva perovskiña, co paso do tempo créanse uns cristais. Un diálogo entre laboratorio, taller e natureza, si se agarda o tempo suficiente, xorde algo“, comenta.

AQUATERRA E IRENE SÁENZ

Manuel López Vicente dedícase ao estudo do solo, agrícolas, forestais e, en concreto, procesos de hidroloxía, erosión, transporte de partículas, nutrintes, carbono… O seu grupo Aquaterra procura “identificar o manexo óptimo con prácticas de cultivo que sexan sostibles, con agricultura de precisión para preservar a saúde do solo”. Da experiencia, o investigador destaca que foi moi interesante porque considera que “os artistas teñen unha sensibilidade diferente”. Neste sentido, establece que “na investigacion sempre se seguen protocolos á hora de recoller mostras” e que neste proxecto se centraron nun viñedo, que está dentro da indicación xeográfica protexida Terras do Mandeo. Entre os puntos en común do traballo coa artista Irene Saénz, o investigador sinala “a sensibilidade de traballar en detalle” con obxectivos moi diferentes de traballo. “Paréceme unha iniciativa moi interesante porque coñecer o punto de vista de traballo doutras persoas é moi saudable, abre a mente e permite ver outra sensibilidade ou formas de percibir unha realidade común“, establece Manuel.

Irene Sáenz é fotógrafa e fimmaker en formatos analóxicos e quixo vincular as referencias do seu territorio co traballo que desempeña Aquaterra. “Repliquei a súa metodoloxía de extración de mostras de auga e solo. Así, co grupo traballei para extraer sustancias destas mostras coas que crear reveladores naturais e artesanais“, establece. Na primeira peza realizou un cultivo de fungos e baterias que se atopaban nas citadas mostras sobre papel fotosensible, o que “revela ante os ollos o que dá vida ao solo e non se aprecia a simple vista”. A outra parte desta peza é un mural de imaxes. Como segunda proposta realizou unha curtametraxe, creada coa técnica fitograma sobre película de 16mm “reaproveitando os residuos creados ao elaborar os reveladores, xa que é unha liña esencial deste proxecto, a economía circular”. Valora a experiencia como enriquecedora ao ensinarlle que a ciencia permite profundizar no por que da propia obra. “A arte pode despertar a creatividade dos científicos, algo que sinto é fundamental nesta disciplina. Sentín que non somos diferentes, aínda que as nosas finalidades non sexan as mesmas, estamos unidos na creación, materiais ou técnicas”, conclúe Irene.

ÚLTIMAS

Homenaxe do PPdeG a Luísa Villalta coa presenza da nai, a irmá e un sobriño

O PPdeG celebrou este sábado un acto na Coruña polas Letras Galegas no que reivindicou...

Sabías que Pablo Picasso se estreou como retratista na Coruña?

Pablo Ruiz Picasso era un neno de 9 anos cando chegou á Coruña, aló...

A Coruña homenaxea a Luísa Villalta, “activista polo idioma” e muller “comprometida”

Autoridades e familiares de Luísa Villalta reivindicaron a obra e a figura da escritora...

Coruña homenaxea a Luísa Villalta, a poeta da ‘Cidade Alta’

Galicia celebra un ano máis a festa da súa lingua e das súas letras. A...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here