Noite de gala social no Palexco este pasado venres coa entrega dos premios anuais de Boas Prácticas en Servizos Sociais. Catro entidades da provincia, que destacaron polos seus programas innovadores no ámbito social e o seu compromiso na inclusión e a protección dos colectivos máis vulnerables, foron recoñecidas pola Deputación da Coruña na terceira edición destes recoñecementos.
Unhas 200 persoas do tecido social da provincia, alcaldes e concelleiros de servizos sociais dos municipios, acudiron a unha cita na que se premiou este ano á Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFACO), a Fundación Mujeres e a Fundación Érguete, pero que serviu como homenaxe ao traballo que desenvolven centos de entidades sociais que traballan cada día na provincia da Coruña.
O grupo Diversidarte, do proxecto Poten100mos, daba comezo á Gala (con algo de retraso pola tardanza do presidente da Deputación) coas súas habaneras e tangos flamencos.
Tomaba o mando a recoñecida actriz Lucía Veiga para dar paso ás entdades premiadas, lembrando que preto de 300 entidades sociais da provincia reciben este ano o apoio económico da Deputación. Valentín González Formoso e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, foron os encargados de entregar os premios.
Premiados
O primeiro premio da noite foi para a Fundacion Érguete polo seu proxecto “Entre patios”, unha actividade colaborativa entre o Centro Penitenciario de Teixeiro, centros educativos da provincia e o Ciclo de FP de Carpintería e Moble do IES Rosalía Mera.
O proxecto consiste no deseño e elaboración de mobiliario entre presos e presas da cárcere e alumnado do Ciclo de FP, con visitas colaborativas entre o alumnado e os presos e presas.
Posteriormente, ese mobiliario instalouse nos patios dalgúns centros educativos da cidade da Coruña como o CEIP de Zalaeta, o CEIP Víctor López Seoane ou o CEIP Torre de Hércules, de maneira que tamén serve de sensibilización para o alumnado de Educación Infantil e Primaria.
Humanizar os patios das escolas para humanizar as persoas privadas de liberdade
Tamén na modalidade de proxectos resultou gañadora a Fundación Mujeres polo seu programa de Apoio Integral a Mulleres Coidadoras no eido Rural.
A atención ás mulleres coidadoras é unha necesidade apenas cuberta por recursos públicos ou privados, sendo estes casos, pouco identificables e sen continuidade no tempo. O Servizo de Apoio Integral a Mulleres Coidadoras no eido Rural propón cubrir este baleiro,dando unha atención de calidade ás mulleres coidadoras de familiares xa que están nunha situación de especial vulnerabilidade, froito das propias características e consecuencias que teñen os coidados.
Desde 2013, este programa levouse a cabo en 28 municipios da provincia: Culleredo, Bergondo, Arteixo, Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral, Sada, Ordes, Curtis, Ortigueira, San Sadurniño, Pontedeume, Cerceda, Melide, As Pontes, Cabanas, A Laracha, A Pobra, Narón, Fene, Arzúa, Carballo, Irixoa, Rois, Negreira, Padrón e Santa Comba.
Outra das premiadas da noite foi a Asociacion de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFACO) polo seu proxecto “EnREDando”, cuxo obxectivo xeral é desenvolver e implementar unha plataforma de estimulación neuropsicolóxica grupal e individual a través de pizarras dixitais, xestionada pola equipa multidisciplinar da asociación co obxectivo de proporcionar un tratamento de calidade adaptado ás necesidades das persoas con demencia e á súa valoración individual que se realiza mediante diferentes probas e tests; aumentando a estimulación cognitiva dunha forma innovadora.
As actividades constan de exercicios grupais adaptados á fase da enfermidade na que se atopa cada persoa, con material clasificado en máis de 40 procesos cognitivos catalogados por dificultade, idade e modalidade, nunha plataforma dixital desenvolvida por técnicos de AFACO especializados en demencias e estimulación cognitiva.
Finalmente, na modalidade de traxectoria, o premio recaeu na Asociación Agalure, unha asociación de carácter sociosanitario declarada de utilidade pública creada na Coruña no ano 1994 e que dedica os seus esforzos exclusivamente ás adiccións sen sustancia, sendo a única entidade na provincia dedicada a esta problemática social.
Agalure, que este ano celebra o seu 30º aniversario, conta cun equipo multidisciplinar e ao longo destas tres décadas de historia axudou a máis de 3.000 persoas a superar as súa adicción ao xogo ou outras adiccións sen substancia. O ano pasado desenvolveu, en colaboración coa Deputación, un programa de sensibilización sobre este tipo de adiccións en centros escolares da provincia.
Ademáis do premio físico, que consiste nunha escultura de barro realizada polo obradoiro Kerámicos de APEM, cada unha destas entidades recibirá un premio en metálico de 10.000 euros para impulsar o desenvolvemento dos seus proxectos no ámbito social.