InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOLevan ao Valedor do Pobo “o roubo da Casa Cornide”

Levan ao Valedor do Pobo “o roubo da Casa Cornide”

Publicada o

Por editor

Coa V Marcha pola Devolución da Casa Cornide convocada para o vindeiro 14 de decembro, as 60 entidades que promoven a campaña “Fóra os Okupas da Casa Cornide” continúan a batalla legal para recuperar este Ben de Interese Cultural.

O presidente de Defensa do Común, Manuel Monge, apoiado por todas estas entidades, vén de entregar hoxe polo rexistro da Subdelegación do Goberno na Coruña un escrito dirixido a Ángel Gabilondo, “Defensor del Pueblo”, solicitando que “inste á Xunta para que obrigue á familia Franco a apertura ao público da Casa Cornide catro días ao mes e catro horas, como mínimo, cada día, en cumprimento da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza”.
Así mesmo, solicita tamén que “inste ao Concello da Coruña para que retire as rúas e distincións a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática”.

O “roubo”

O escrito lembra a Ángel Gabilondo como se organizou o roubo da Casa Cornide. Foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.
Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de  xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina esta farsa e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.
A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado, que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.
A permuta da Casa Cornide polo concello da Coruña e a venda son nulas, segundo informe xurídico da Universidade da Coruña, encargado polo concello. O Ministerio de Educación permuta co concello a Casa Cornide en 1962 sen desafectar este ben do uso que tiña, incumprindo a normativa vixente. Tampouco tiña a necesaria autorización da Dirección Xeneral de Belas Artes para os bens con máis de 100 anos de antigüidade, como sinalaba unha lei de 1931. Segundo ese informe xurídico, tanto a permuta como a venda serían nulos.
Por outra parte, a venda da Casa Cornide a través dunha poxa pública realizouse infrinxindo o Regulamento de Contratación das Corporacións Locais de 1955, que explicitaba a prohibición das autoridades da administración do Estado para ser contratistas. Por outra parte, exímese a Carmen Polo do cumprimento da cláusula establecida para concorrer á poxa: prohibición de vender o inmóbel nos dez anos posteriores á poxa, e a necesaria autorización do concello para calquera modificación da propiedade. Todo isto supón unha causa de nulidade de pleno dereito. Estamos ante unha operación de compra-venda simulada. Ademais, o concello da Coruña estivo pagando os gastos das reformas (1,2 millóns de pesetas só entre 1963 e 1964) e mantemento durante anos, despois de pasar a mans privadas.

Apertura

Así mesmo a entidade lembra que a Casa Cornide segue pechada, 19 meses despois de que a Xunta de Galicia aprobase o o 27 de abril de 2023 a catalogación do edificio como Ben de Interese Cultural (BIC), infrinxindo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que obriga aos propietarios a apertura de catro días ao mes e un mínimo de catro horas cada día cando hai unha declaración de BIC. “Isto é posíbel pola permisividade da Xunta coa familia Franco”, denuncian.

Máis novas

60 entidades convocan a V Marcha pola devolución da Casa Cornide

A CRMH volve esixir á Xunta que resolva a apertura da Casa Cornide e sancione aos Franco

Marcha 2023:

Centos de persoas volven reclamar na Coruña a recuperación da Casa Cornide

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

ÚLTIMAS

Inés Rey sobre Feijóo: “non ten nada que achegar á cidadanía”

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, sinalou que o líder do Partido...

A Garda Civil da Coruña recupera 16.700 euros e bloquea outros 126.000 en fraudes de investimento e estafas de factura

A Garda Civil da Coruña recupera 16.700 euros e bloquea outros 126.000 en fraudes de investimento e...

Colaboración entre a UDC e o Hospital de Ferrol para desenvolver lentes de realidade aumentada en cirurxía

Profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) colaboran co Campus Industrial de Ferrol...

Desestimada unha demanda por desafiuzamento nun edificio de Cambre promovida pola Sareb

A Audiencia Provincial desestimou o recurso de apelación interposto pola Sareb (coñecido como o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here