O Movemento Sumar Galicia vén de presentar un escrito con propostas de modificación á Ordenanza reguladora das Vivendas de Uso Turístico (VUT) de A Coruña, aprobada inicialmente en sesión do Pleno de febreiro de 2025 e sometida a información pública.
Segundo Trinidad Palacios, coordinadora comarcal de Movemento Sumar Galicia na Coruña, “o plantexamento é tímido e pouco eficaz, orientado máis á contención do crecemento das VUT que a dar unha solución real reducindo a demanda e a presencia destes usos especulativos da vivenda”.
Asegura que “parece que o que preocupa é non molestar demasiado ao sector da Vivenda de Uso Turístico”. “A vivenda é para vivir, e non para especular, e esta ordenanza é unha alfombra vermella para o acaparamento e os usos impropios”, asegura Palacios. “Nós apostamos por barrios vivos, e non pola construcción de parques temáticos”.
“Cremos que barrios como algúns de Cidade Vella-Peixaría, moitas zona da Agra do Orzán, Catro Camiños ou Monte Alto deberían ser declarados zona tensionada con urxencia”, aclara Palacios.
As principais liñas das Suxestións presentadas polo grupo son son:
- 1. Débese modificar o PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) identificando a Vivenda de Uso Turístico como uso de natureza terciaria. E definir nas normas zonais e fichas urbanísticas as condicións de dito uso.
- 2. A ratio proposta polo concello 1 VUT / 200 habitantes, non é realmente restrictiva en ámbitos tan grandes coma o Distrito Censal, que é un ámbito errado por ser demasiado amplo para medir e definir ratios nas zonas saturadas. Permitiría a concentración de VUT e a saturación nas zonas máis atractivas e interesantes. O ámbito axeitado é o que delimitan as Fichas Urbanísticas do PXOM, moito máis reducido. Proponse unha ratio provisional máxima de 1 VUT cada 500 habitantes mentres non se estudie pormenorizadamente a situación actual en relación coa presencia admisible de VUT en cada zona.
- 3. Para obter a licencia municipal débese esixir autorización expresa da comunidade de propietarios en aqueles edificios suxeitos á Lei de Propiedade Horizontal, reformada por LO 1/2025, de 2 de xaneiro, que entrará en vigor o 3 de abril. Débese demostrar tamén a inexistencia dunha prohibición para implantar Vivendas de Uso Turístico nos estatutos ou título constitutivo da propiedade horizontal.
- 4. Os edificios de uso exclusivo como vivenda de uso turístico só deben ser permitidos en lugares onde o uso principal segundo o PXOM sexa o terciario. Noutro caso, débese declarar o uso como fóra de ordenación, e reverter co tempo esta situación por caducidade ou denegación da renovación de licencias.
- 5. Propónse a regulación de tipoloxías horizontais, como son as vivendas adosadas, instándose a que se limiten no mesmo documento en que se definan as ratios en relación coas fichas urbanísticas.
- 6. Pensando en posíveis reduccións futuras das ratios, entendemos que debería asignarse caducidade temporal ás habilitacións, con inspeccións de cara a renovalas e control de que se cumpren os requisitos en cada renovación.
- 7. As licenzas das VUT non deben ser obxecto de transmisión subrogable, para evitar a especulación coas mesmas, nen se debe permitir a explotación subcontratada. Estudarase tamén a limitación da explotación a persoas ou entidades radicadas necesariamente no propio concello.
- 8. Con esta Ordenanza os baixos ou locais con usos non residenciais veranse prexudicados. A instalación dunha VUT sobre eles supón que os mesmos perderán gran parte do seu valor pois perden o dereito de cambiar o uso a vivenda.
Máis novas
Sumar Galicia reivindica que “a vivenda digna é un dereito” e loita contra a especulación
O Pleno tamén aproba a Ordenanza para regular as Vivendas de Uso Turístico