En paralelo as Festas de María Pita e ao Viñetas do Altántico, a Praza de San Andrés e o Circo de Artesáns acolle esta fin de semana o festival coruñés de fanzines e cómic autoeditado Autobán (11ª edición). Así, o venres 15 e o sábado 16 de agosto, a Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove esta nova edición da cita, que conta cun cartel firmado polo debuxante e historietista Luis Yang –gañador do I Premio Autobán 2023-2024–
Máis de 90 creadoras e creadores inscritos amosarán as súas obras e porán á venda as súas novidades neste festival Autobán, que, ademais, contará con obradoiros, sesións de DJ’s, música en vivo, presentacións ultrarrápidas e o seu célebre Combate de Debuxantes.
Ademais, no marco do festival Viñetas desde o Atlántico, Autobán organiza a mostra ‘Expofanzines Autobán’, onde o público poderá ver e ler, do 11 de agosto ao 21 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña, as obras presentadas neste 2025 ao II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego.
A Asociación Autobán conta cunha nova presidenta, Uxía L’arrosa, debuxante con máis dunha década de traxectoria as súas costas, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2022 xunto a Luis Yang coa súa obra ‘O bico da serea’.
A información completa da nova edición de Autobán e as súas actividades no marco do Viñetas desde o Atlántico 2025, que inclúen, tamén, un posto na Rúa da BD, sinaturas dos gañadores do I e o II Premio Autobán, un Obradoiro de fanzine con María Macía en Palexco, o martes 12 de agosto, ás 12.00h, e un Concerto ilustrado, o xoves 14, ás 21.00h, no Teatro Colón, da banda Hombre Tigre, debuxado en directo por nabel Colazo e Raquel Montero, pode consultarse na páxona web da Asociación Autobán: www.autoban.gal.
SOBRE UXÍA L’ARROSA, NOVA PRESIDENTA DA ASOCIACIÓN AUTOBÁN

Nacida na Coruña o 26 de maio de 1993. Entre 2011 e 2014 estuda o grao en Belas Artes da Universidade de Barcelona. Posteriormente cursa na Universidade Pompeu Fabra un máster en Cine e Audiovisual Contemporáneo. Durante os seus estudos sempre foi facendo cómics e participando en fanzines. Desde que rematou de estudar en 2019 ata 2024 traballou como deseñadora gráfica e foi compaxinando este traballo coa súa faceta de debuxante e guionista. Actualmente preside a asociación Autobán e dedícase exclusivamente a debuxar e dar clases de cómic.
En xuño de 2022 gañou xunto con Luis Yan o Premio Castelao de Banda Deseñada coa súa obra O Bico da Serea, do que é guionista. Este cómic traduciuse ao español como El Beso de la Sirena e foi editado por La Cúpula a finais de setembro de 2024. En marzo de 2025 recibiu a Mención ao Talento Xove da editorial Finestres por un proxecto no que está traballando actualmente, titulado El Despreniment (O Desprendemento), que será publicado en catalán por esta mesma editorial en setembro de 2026.
Máis novas
Obradoiros, sesións infantís e visitas guiadas este martes no Viñetas desde o Atlántico
Luis Yang estrea o I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego