Fantástica xornada onte á noite no Flores Rock, un festival montado pola Asociación de Veciños do Barrio das Flores que se está a consolidar como unha das últimas citas rockeiras que quedan na cidade. Espectacular a organización, con toda a praza do Sol Nacente preparada para a ocasión, e un montón de xente disposta a escoitar a Udo, estandarte da banda Dirkschneider e lenda do heavy metal clásico dos anos 80 coa súa antiga banda Accept, a cal está lembrando nesta xira tocando un dos seus discos máis icónicos, o Balls to the Wall, que cumpría o ano pasado 40 anos xa…
E con este plan moita xente quería gozar dos vellos tempos do bo de Udo en Accept, aínda que os anos pasan para todos e todas, e é que o cantante ten xa 73. A pesar disto demostrou que a súa peculiar voz segue estando á altura, e é que o concerto sonou espectacular. Moito talento tamén nos dous guitarristas que o acompañan, rapaces novos pero que estiveron á altura; na batería, aporreada polo propio fillo de Udo; e o baixo, propiedade agora doutra lenda ex membro da banda orixinal, Peter Baltes.
E como o setlist era só de Accept o éxito estaba garantizado. Tres cancións icónicas como Fast as a Shark, Living for Tonite, e Midnight Mover para comezar. Despois o disco Balls to the Wall enteiro, e para rematar Princess of the Dawn, Up to the Limit, e Burning para rematar. Sonou tremendo, a heavy metal clásico dos 80 sen autotunes, gravacións por detrás, coros, etc. O headbanging foi a actividade física do día (xa noite) para moitos e moitas dos que estabamos alí. Como pega, quizais o concerto fíxose un pouco curto (sobre hora e media), xa que o bo de Udo propuxo varios momentos de karaoke un pouco extensos, pero claro, como para resistirse…
A banda galega Dark Embrace tocou a continuación, xa co público un pouco máis relaxado, cunha proposta máis escura e agresiva, con voces guturais, batería a toda pastilla, e guitarras metendo tralla á par que encadeando melodías que facían estremecerse de arriba a abaixo. Moita sorte para eles coa súa proposta, que xa os levou a traballar con grandes nomes da industria heavy, como Mike Exeter ou Snowy Shaw. Esperemos que sigan o seu crecemento.
En calquera caso, éxito rotundo, tanto da organización como das bandas. Esperemos que hoxe siga a festa do rock no Barrio co mesmo ou máis éxito aínda.
Máis Flores Rock
Xa o sábado 6, a partir do mediodía, haberá actividades e concertos: a actuación de Costas (13.15), o espectáculo de Pako Pakolas para o público infantil (18.00) e, a continuación, arrincarán as actuacións previstas entre a tarde e a noite, con Raiade (19.00), Benito Kamelas (20.15), Konflikto (22.00), Demenzia Sozial (22.50), Soziedad Alkoholica (23.35) e Nucleus (01.20).
O peche desta edición terá lugar o domingo 7. Novamente, con actividades para todos os públicos. A partir das 11.00, a gran praza central do barrio acollerá o Mercado do Flores, que se prolongará durante todo o día, ata as 20.00 horas. Haberá tempo para disfrutar das actuacións de Maghúa (12.15), Duo Chili (13.15), Collón de Lola (14.15) e Yaya DJ (15.30).