A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), na súa delegación da Coruña, presentou alegacións á Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) do proxecto de urbanización no Monte Mero (de interese autonómico SUD 4), promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. A entidade lembra que a necesidade de vivenda pública non pode estar por riba dos dereitos das persoas que viven na zona nin do medio ambiente.
Se ben o proxecto non se atopa dentro dun espazo protexido, si se sitúa a apenas 300 metros da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental” que inclúe a Ría do Burgo. As ZEPAs son espazos deseñados para protexer a avifauna, un grupo de animais que non se limita a ocupar só os espazos marcados para a súa protección. Tendo en conta que na Ría do Burgo están presentes numerosas especies migratorias e residentes que teñen protección legal, ADEGA esixe un estudo en profundidade sobre o impacto que a urbanización no Monte Mero terá sobre esta zona protexida e as súas poboacións de animais.
A entidade ecoloxista rreclama un proceso máis participativo no que as persoas que viven na zona e que se verán afectadas polo proxecto, teñen máis información e capacidade de negociación coas administracións. A día de hoxe descoñécese cal será o futuro das casas afectadas por este proxecto, incluso as que se atopan en zonas destinadas a parques e equipamentos públicos. “Isto xera indefensión nas persoas afectadas, polo que, aínda que non sexa esixido pola lei, os principios de boa administración recomendan habilitar unha canle de comunicación para que a veciñanza e as entidades interesadas poidan expresar as súas preocupacións e mellorar a transparencia do proceso”, apunta nun comunicado.

ADEUS AO ANEL VERDE DA CORUÑA
ADEGA considera que o desenvolvemento urbanístico deste proxecto fragmentará a Infraestrutura Verde do concello da Coruña. Os dous ámbitos deste Proxecto de Interese Autonómico (PIA), tanto o Monte Mero como San Cristobo, sitúanse no anel verde desta infraestrutura. As Infraestruturas Vedes son unha estratexia da Unión Europea para mellorar a biodiversidade da cidade e mitigar a mudanza climática.
O anel verde no que se sitúa este proxecto está concibido como un “gran bosque” que sirva de pulmón para a cidade e que manteña funcións ecosistémicas, como a conectividade das especies en tanto que corredor ecolóxico. A función de corredor ecolóxico é aínda máis relevante para a zona do Monte Mero, tendo en conta que este proxecto se atopa moi próximo á Ría do Burgo. “O deseño deste proxecto rompe a conectividade ecolóxica Leste-Oeste do lugar. Actualmente, o espazo do Monte Mero e San Cristobo afectado polo PIA está formado por fincas naturais, con vexetación dispersa de matos, arboredas, hortas e pradeiras que aínda manteñen certas función ecosistémicas”, suliña
ADEGA propón a creación dun corredor ecolóxico amplo e funcional nesta infraestrutura; e que ante a inevitable perda de superficie natural, exista unha compensación ecolóxica efectiva, coa ampliación da infraestrutura verde municipal nunha superficie equivalente á afectada.
Outras novas urbanísticas
O Monte Mero espera a nova urbanización de 4.300 vivendas protexidas
As 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000 novas vivendas
En marcha unha nova urbanización de 464 vivendas en Monte Alfeirán
A veciñanza do Castrillón coñece o proxecto da urbanización das 1.000 novas vivendas
O pleno ratifica a suspensión cautelar do Plan das Percebeiras
Así será o primeiro edificio da macrourbanización de San Pedro de Visma