Moito se fala nos medios do inxente e magnífico traballo das entidades sociais da cidade. Pero é que en paralelo e facendo de rede común, o Concello da Coruña conta unha marea de recursos municipais públicos que sitúan á cidade como referente en materia de investimento e de esforzo social. A Coruña é, a día de hoxe, a cidade con máis gasto social por habitante, como reflicten as cifras da EAPN-Galicia, a través da acción directa, pero tamén a través de convenios nominativos que fomentan o traballo en rede con todas esas entidades imprescindibles para atender todas as necesidades das persoas máis vulnerables.

Porque a Coruña, ademais de ser un núcleo poboacional grande que atrae xentes en risco de exclusión doutras zonas da provincia, xa ten fama en todo o norte peninsular de contar cun programa de servizos sociais moi potente e cunha cantidade de entidades implicadas que axuda a enderezar o rumbo. Unha sociedade cos cimentos moi firmes, cuns alicerces sociais sólidos.
Esta situación de senfogarismo agrávase co actual panorama económico, no que o acceso a un emprego non significa ter garantido o acceso á vivenda. Isto provoca que, se ben boa porcentaxe de xente que vive na rúa sufra unha patoloxía dual (a suma dunha enfermidade psicolóxica e unha adicción ao alcohol ou a algunha droga), si comeza a haber dous novos perfís: traballadores e mesmo familias que se ven sen teito de súpeto; e persoas inmigrantes sen papeis que chegan, por exemplo dende Mali, e atravesan a península para chegar ata a nosa cidade (vese que as redes ilegais de inmigración xa recomendan a Coruña como destino inclusivo).
EMIS e SEMUS
Quixemos mergullarnos neste mar de segundas oportunidades que ofrecen os Sevizos Sociais do Concello da Coruña da man de Bea Leal, directora do Equipo Municipal de Inclusión Social (EMIS), que nos explica como funciona o Servizo de atención na rúa ás persoas sen fogar (PSF) e o Centro de Baixa Esixencia de Labañou, dous dos medios sociais máis valiosos que ten a cidade.
O equipo do EMIS, formado pola Coordinadora, 4 traballadores sociais e 1 educadora social, ademais dos recursos que aportan as empresas adxudicatarias, funciona de 8:00h a 19:00h, e compleméntase co equipo de Servizo Municipal de Urxencias Sociais SEMUS, xestionado Cruz Vermella, en funcionamento polas noites, de 18:00 a 8:00h.
Servizo de atención do equipo de rúa
Outro día falaremos do Centro de Baixa Esixencia, pero hoxe imos centrarnos no Servizo de atención de rúa ás persoas sen fogar. O Concello vén de adxudicar á empresa Axiña Servizos o contrato ata 2027 de Servizo de Atención en rúa, mantendo o equipo de profesionais que leva “apatrullando” a cidade dende hai máis de 10 anos a través da anterior concesionaria, e que coñecen a cada unha das persoas que durmen nas nosas rúas, en infravivendas ou en risco habitacional. Un traballo realizado coa máxima profesionalidade e dende o respecto, o cariño, e as gañas de axudar á xente que se atopa nun momento da súa vida de Alta Exclusión. Un traballo emocionamente durísimo, que supón unha carga psicolóxica tremenda e un compromiso e implicación digno de loubar.
Juanjo e Marta son dous dos membro do equipo do equipo de atención en rúa. Na súa furgoneta (está xusto en proceso de ser renovada) levan máis de 10 anos percorrendo a cidade e identificando situacións de risco.
Unhas das principais accións que realizan, baixo as directrices do persoal do EMIS quen en moitas ocasións fan as rutas con eles, son as Rutas fixas, xa establecidas para que non escape ningunha zona. Unhas rutas fundamentais no proceso de inclusión, que se basean na escoita, na información e na creación, paseniña, de vínculos de confianza.
A resposta, como sinala Leal, adoita ser de agradecemento, e se ben algunha persoa non acepta entrar no circuito de axudas e albergues, si que pide mesmo ser vivistado un par de veces por semana, en moitos casos por medo a morrer sen que se entere ninguén.
Estas rutas cubren varios obxectivos:
- Seguemento de situacións cronificadas, complicadas de solventar.
- Inclusión no EMIS de novas persoas vulnerables.
- Atencións programadas, que poden ser dende detectar un diagnóstico de atención sanitaria urxente, ata ofrecer axuda ou acompañamento para pedir e acodir a unha cita médica ou para trámites administrativo, sempre fomentando a autonomía.
- Identificación novas situacións de vulnerabilidade, ou lugares de acumulación de lixo, consumo (en colaboración co equipo municipal de limpeza);
- Urxencias, onde entrar variadas incidencias.
Situacións cronificadas: “Non se fai nada”
Fai fincapé Leal nesa idea que percorre o ideario da veciñanza cando vive de preto unha situación coma esta. Esa sensación de frustración, incomodidade, e mesmo autovergoña que nace cando convives cunha persoa en situación de rúa e non sabes nin como axudar, nin queres telo preto para non ter que ver a desgracia tan en fite. É aí cando as nosas cabezas buscan responsables, e coma sempre, aí aparece o Concello: “Leva aquí non sei canto tempo e non fan nada, aquí non intervén ninguén”, replica unha e outra vez a veciñanza ás responsables municipais, unhas veces por preocupacion pero outras tamén con demasiada alarma.
Leal explica que os Servizos Municipais “sempre interveñen, en todos os casos que vemos, pero hai unha cousa que se chama o “dereito inalienable da persoa” a decidir o seu futuro, e se esa persoa non quere participar nos nosos servizos é moi difícil facer algo”, recoñece. Teñen ata feito limpezas en infravivendas para mellorar a situación de convivencia, pero teñen chegado momentos nos que a cousa é tan grave, que corre perigo a saúde da persoa, e aí é un momento moi complexo no mesmo teñen que acodir a un procedemento xudicial para poder levar á persoa a un internamento hospitalario. “Costa moito tomar a decisión pero cando se toma debería ser todo máis áxil”, sinala en relación aos longos, emocionalmente complexos e tediosos procesos xudiciais.
Casos de éxito
Con todo, Leal quédase cos numerosos casos de éxito que viven como verdadeiras vitorias vitais. Sorprende ver como recoñece polo nome esas persoas que moitos coñecemos polo “home de barba que durme no portal aquel” ou “a muller de negro de debaixo da ponte”. Como aquel home espido que provocou unha alarma social no centro da cidade; o home da cúpula de embaixo da Domus, que despois de moitísimo tempo si aceptou a pasar noites no Centro de Baixa Esixencia.
Lembra tamén o caso dunha emigrante retornada que aos 73 anos decidiu volver de Venezuela pero que chegou cunha man diante e outra detrás e acabou en rúa. Afortunadamente foi identificada polo Servizo de Atención de Rúa e foi axudada para atopar familiares cos que convive. Algo parecido aconteceu cun home biamputado, que deambulaba coa súa cadeira de rodas mendigando pola cidade, e que gracias á intermediación dos servizos sociais agora vive en Barcelona cunha irmá; ou outro tamén en cadeira de rodas que estaba sendo buscando cunha alerta en SOSdesaparecidos e que foi atopado, recuperado de problemas de consumo, e que volveu coa súa familia.
Outro día seguiremos falando do Centro de Baixa Esixencia, outro dos recursos máis importantes dos Servizos Sociais herculinos.
Outras novas
Advirten do aumento da pobreza crónica e invisible na Coruña
Institucións Penitenciarias recoñeceu o papel da Fundación Érguete polo Día da Mercé

